sábado, 29 de noviembre de 2014

LECTIO

DOMINGO I DE ADVENTO 
(Ano B: 30 de santos de 2014)

            Damos comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal que celebraremos antes dun mes. O tempo corre e nós con el. E así chegamos ó Advento.
            “Advento” significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada do Deus feito home onda nós. Un acontecemento que marca misteriosamente a historia humana toda.
            Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a “esperar”. A esperar sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai Todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.
            Porque esta nosa esperanza renovada na manifestación humana de Deus no Nadal é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre con nós, onda nós.
            O Deus do Advento non é só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro.
            Pasado, porque des que o mundo é mundo e des que existe a humanidade alí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Nel estamos todos desde sempre, tal e como nolo explica o mesmo apóstolo Paulo: “Nel, é dicir, en Deus, vivimos, nos movemos e existimos”. Deus é desde sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.
            Pero é que ademais o acontecemento histórico do Deus que se encarnou e que puxo, como se nos comenta no evanxeo de Xoán, “a súa tenda entre nós” tivo xa lugar hai máis de dous mil anos. Fíxose dende aquela un de nós, un coma nós.Desde entón e para sempre Deus veu onda nós e emparentou, por dicilo así, con todas e cada un dos seres humanos e de maneira especial cos máis humildes, necesitados e marxinados.
            De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós a cotío, en cada intre concreto da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas todas coas que un día e outro nos atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Lembrade aquel dito de Xesús: “Eu estarei convosco ata a fin do mundo” . Ou aquel outro: “Onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles”.
            Por iso, cando a igrexa nos convida neste tempo de Advento a esperar, faino sabendo que é Deus mesmo, que desde sempre está xa con nós, quen nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.
            Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende dunha vez no cole e sobre a que xa non precisariamos volver. Deus é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.
            Por iso, para nós, Deus está sempre a chegar. As nosas alforxas deberían estar en todo intre cheas de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo.
            De maneira especial neste tempo de Advento deberiamos repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!”.
            Este desexo e petición de que Xesús veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que hoxe comezamos.
            Un desexo de que o Deus que se fai un de nós no Nadal se converta en pensamento ardente e concreta vida práctica en todos nós. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo “advento” queda curto,  en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.
            Este “esperar” do Advento non é un esperar pasivo ou adormecido.Precisamente o evanxeo de hoxe convídanos a todos a sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a “estarmos en vela”, a mantermos viva a conciencia e a non deixármonos vencer polo sono: “Estade á espreita e atentos”, “vixiade”, “estade en vela”. Unha responsabilidade a nosa que tampouco debería ser angustiosa, senón confiada, porque quen vén, aquel a quen esperamos, é en definitiva o Deus que se nos fixo intimamente familiar.
            Por iso quero engadir aínda que a mellor maneira de practicar este espírito de “esperanza”, específico do Advento, é xustamente levar á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos, en canto irmáns que somos todos dese Xesús que no Nadal se vai facer para sempre irmán noso, irmán maior noso.


domingo, 23 de noviembre de 2014

VEÑA O TEU REINO



Noso Pai que estás e reinas no ceo,
que estás tamén e queres reinar na terra;
axúdanos a ser e vivir como irmáns.

Que o teu nome sexa bendito, santificado, respectado;
que todos te coñezan,
e que nós te deamos a coñecer na nosa vida.

Que veña o teu Reino:
que veña a xustiza, a solidariedade, a paz;
que ninguén morra de fame, nin de sede, nin de odio;
que ninguén sexa explotado, oprimido,
que ninguén sexa excluído, marxinado, discriminado.

Que veña o teu Reino, o teu Espírito,
e se apropie dos nosos corazóns
e empece neles a reinar con forza,
para que nos empeñemos xa en facer a túa vontade
na terra, como se fai no ceo;
para que anticipemos xa na terra
o reino de solidariedade que hai no ceo.

AMÉN


            José Enrique Ruiz de Galarreta

LECTURAS

XXXIV DOMINGO: 
SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI DO UNIVERSO   Ciclo A



Primeira Lectura     Ez 34, 11-12. 15-17
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella

            Así fala o Señor:
             Velaí, eu en persoa virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
            O mesmo que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
            Eu mesmo apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
é o meu Señor, quen fala .
            Buscarei a ovella perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei a feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
            Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.
            Oíde vós, meu rabaño! Así fala o meu Señor:
            Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,
entre carneiros e castróns.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6
R/.  (1):  O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.

El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.



Segunda Lectura     1 Cor 15, 20-26. 28
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en todo

             Irmáns:
            Cristo resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
            Igual que todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.
            Porque é necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.
            E cando lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.



Evanxeo     Mt 25, 31-46
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos outros
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa esquerda.
            Entón dirá o Rei aos da súa dereita:
            Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun foras­teiro, e acolléstesme; estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñéstesme ver.
            Entón preguntaranlle os xustos:
            Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
            O Rei contestaralles:
            Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo.
            E diralles logo aos da súa esquerda:
            Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, prepa­rado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes; estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.
            Entón tamén eles lle preguntarán:
            Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?
            El responderalles:
            Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.
            Estes irán ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.


  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Reflexión

•        De novo a figura do pastor volve a aparecer nos textos que vimos de proclamar. Un pastor que pouco ou nada ten que ver cos pastores ao uso. Un pastor que agarima, acompaña, preocupase, entrégase. Un pastor que coñece e distingue, que sabe o que necesita cada unha das ovellas, e sabe acollelas e admitilas en toda a súa pluralidade. Canto non teriamos que aprender deste pastor?. Canto non teriamos que poñer en práctica das actitudes do pastor?. El nunca abandona, nunca lle da as costas, nunca se queda só coas mellores… Para El a igualdade é criterio fundamental no seu xeito de achegarse a elas. Como logo non nos vai levar aos pastos verdecentes!

•         Só un pastor que se comporta deste xeito pode ofrecer un reino onde non se viva nin se guíe por criterios de diferenza, discriminación ou acepción de persoas. Na súa casa cabemos todos: brancos e negros, altos ou baixos, ricos ou pobres, cultos ou incultos... ninguén queda fóra… porque El convoca a todos. Entendemos isto? Entendemos que construír Reino esíxenos seguir as súas pegadas e superar a tentación  de ir só cos nosos, cos que nos caen ben, cos que nos rin as grazas, cos que sempre nos aplauden, cos...  Se Deus é un en todos/todas, como nós non nos imos esforzar por facer o mesmo? Diante dun Deus así, e dicindo que somos os seus seguidores, non nos queda outra que ir facendo da nosa vida, no traballo, na casa, cos amigos unha tarefa permanente de construír Reino de Deus por medio das actitudes que nos achegan uns aos outros, e do compromiso por ser xustos, libres e sempre respectuosos –e sabemos que iso non é nada fácil– cos que nos cuestionan ou pensan distinto a nós.

•         E todo iso vainos levando ao cumio que nos presenta o evanxeo: “cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”. E este é o noso reto hoxe e sempre, o que nos pide romper cos convencionalismos, co que fan todos ou co que está de moda. Xesús veno dicindo desde hai dous mil anos, a mágoa é que os cristiáns non acabamos nin de darnos conta nin de entendelo. Por iso seguimos, no seu nome, ou sacando peito ou pensando que podemos enganalo a El como enganamos aos demais. Non tería feito falta ningún. Podemos nin ningún berro de indignación se os cristiáns, os que nos chamamos seguidores de Xesús, tomaramos en serio a súa palabra e a súa mensaxe. Porque desde ela non hai sitio para a mentira, o engano, a corrupción, o abuso, o aparentar o que non somos, o buscar quedar ben cos poderosos e machucar ata a extenuación aos pequenos e excluídos. Na lóxica de Xesús, e así debera ser tamén na lóxica de cada un de nós –pero tristemente non o é– non hai sitio para os que se rin do trato igualitario e da solidariedade de quen busca a xustiza e quere un mundo, un pais, unha parroquia ou unha familia mellor. Isto, e non é pouco, é que nos quere transmitir a festa de Cristo Rei que celebramos hoxe.


domingo, 16 de noviembre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXXIII ORDINARIO  -  CICLO A



Primeira Lectura     Prov 31, 10-13. 19-20. 30-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Traballa gustosa coas súas mans
 
            Unha muller xeitosa quen a atopará?:
o seu valer supera o das perlas.
            O seu marido pon nela a confianza
e non lle han faltar ganancias;
procúralle felicidade, e non desgraza,
todos os días da súa vida.
            Consegue la e liño,
e traballa gustosa coas súas mans;
            Bota as mans á roca
e os seus dedos manexan o fuso.
            Tende a palma ao indixente
e achega as súas mans ao mendigo.
            A graza engana e a fermosura esvaece:
só a muller que teme o Señor merece ser loada.
            Que falen por ela as obras das súas mans,
e os seus feitos lle dean honra na praza!

        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 127, 1-2. 3. 4-5
R/. (cf. 1a): Ditosos todos os que temen o Señor.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


Segunda Lectura     1 Tes 5, 1-6
LECTURA DA 1ª CARTA DE SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Que o día do Señor non vos sorprenda coma un ladrón
 
            Irmáns:
            Tocante ao tempo preciso, irmáns, tampouco precisades que vos escriba, que vós mesmos sabedes á perfección que o "Día do Señor" chegará coma o ladrón pola noite.
            Cando anden dicindo: "paz e seguridade", daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar.
            Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón, xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
            Polo tanto, non adormezamos coma os outros; máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control.

         Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 15, 4a- 5b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;
quen permanece en min da froito abondoso.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 25, 14-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xa que fuches fiel no pouco, pasa a gozar da festa do teu amo
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábo­la:
            - Un home que ía saír de viaxe, chamou polos seus criados e entregoulles os seus bens. A un deulle cinco talentos, a outro dous e a outro un; a cadaquén segundo a súa capacidade. Despois marchou.
            De seguida, o que recibira cinco talentos foi negociar con eles e gañou outros cinco; do mesmo xeito o que recibira dous, gañou outros dous. Pero o que recibira un, foi cavar un burato na terra e escondeu o diñeiro do seu amo.
            Ó cabo de moito tempo chegou o amo daqueles criados, pedín­dolles contas.
            Achegouse o que recibira cinco talentos e presentou outros cinco, dicindo: "Señor, cinco talentos me entregaches; velaquí outros cinco que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
            Achegouse o que recibira dous talentos, e dixo: "Señor, dous talentos me entregaches; velaquí outros dous que gañei".
            Díxolle o seu amo: "Moi ben, criado fiel e cumpridor. Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo".
            Achegouse tamén o que recibira un talento, e dixo: "Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementa­ches e recolles onde non botaches. Como collín medo, fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu".
            Pero o seu amo respondeulle: "Criado ruín e lacazán! Con que sabías que sego onde non sementei e recollo onde non botei? Pois deberías ter o meu diñeiro posto no banco, de modo que, ao volver eu, puidese recoller o que é meu, cos intereses. Así que quitádelle o talento e dádello ao que ten dez: Porque ao que ten, háselle dar e abondo; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escurida­de; alí haberá pranto e renxer de dentes".


     Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo      

OS TALENTOS

O QUE RECIBIRA UN TALENTO

Non enterres o teu talento!

De acordo, é un,
soamente un.

Outros recibiron máis.
A vida mimounos,
o esforzo fortaleceunos,
a inxustiza elevounos.

Ti pertences ao mundo dos humildes,
un mundo ao que se lle negan
as me!lores posibilidades;
nin tes cartos,
nin tes poder,
nin tes dominio.

Pero tes a forza do teu corazón.
Tes a insistencia da túa protesta.
Tes os soños que outros perderon.
Tes contigo o Deus dos humildes,
o Deus das viúvas e dos orfos,
o Deus dos parados.

Non enterres o teu talento!
Non teñas medo a perdelo!
Non teñas medo a machucalo!
Que o pecado non é mancharse,
nin tropezar nin caer;
o pecado é esquecer o camiño,
sentarse á beira e agardar.


Non enterres o teu talento!
Negocia con el!

Non o cerres sobre ti

ORACIÓN

A ANCIANIDADE

Xa van os meus cabelos imitando
do cisne as plumas, e a engurrada testa
xa máis sensiblemente manifesta
que o termo dos meus días ven chegando.

Na lembranza dos erros saloucando,
a morte se me finxe tan funesta
que este pequeno espazo que me resta
me está continuamente atormentando.

Oh, quen nunca soubese que nacía
para acabar tan breve, e que este alento
a semente da morte en si traía!

Mais un Deus, que me rexe o pensamento,
pode facer que o prazo de un só día

produza o meu maior contentamento.
  Claudio Manuel da Costa (1729-1789)

Reflexión

Nuns momentos nos que o primordial parece ser “conservar” e non buscar con coraxe camiños novos para acoller, vivir e anunciar o proxecto do Reino , cómpre que tomemos nota do recadiño que nos manda Xesús en forma de parábola. Porque ninguén se atrevería hoxe a facer unha crítica tan radical ao conservadurismo cristián coma a que fai El coa parábola dos talentos que vimos de proclamar. Non podemos esquecer que o terceiro servo é condenado non porque cometera ningunha maldade, senón por terse limitado a conservar esterilmente o recibido, sen facelo frutificar.

A mensaxe de Xesús está, polo tanto, moi clariña:
non ao conservadurismo; si á creatividade
non a unha vida estéril; si á resposta activa a Deus
non á obsesión pola seguridade; si ao esforzo arriscado por transformar o mundo
non á fe enterrada baixo o conformismo; si ao seguimento comprometido que leva a ler os sinais dos tempos.

Porque é moi tentador vivir sempre evitando problemas e buscando tranquilidade: non comprometernos en nada que nos poida complicar a vida, defender o noso pequeno benestar. De certo que non hai mellor xeito de vivir unha vida estéril, pequena e sen horizonte.

E na vida de fe, sucede o mesmo. O noso maior risco non é saír dos esquemas de sempre e caer en innovacións esaxeradas, senón conxelar a nosa fe e matar a frescura do evanxeo. Temos que preguntarnos que estamos a sementar na sociedade, a quen contaxiamos esperanza, onde aliviamos sufrimento.... Velaí onde temos que poñer o acento e a intensidade, e non en banalidades coma axeonllarse na consagración, rezar en latín, levar vestidura talar ou botar unha chea de tempo diante do Santísimo.

Pero sería un grave erro presentarnos diante do Señor coa actitude do terceiro servo: “Aquí tes o teu. Aquí está o teu evanxeo, o proxecto do teu Reino, a túa mensaxe de amor cara aos que sofren. Conservámola fielmente. Non serviu para transformar a nosa vida nin para introducir o teu reino no mundo. Non quixemos correr riscos e vivimos na mediocridade e no “sempre se fixo así”; pero aquí está intacto”. En realidade estas persoas non se senten identificadas co Señor nin cos seus intereses. En ningún momento actúan movidas polo amor, senón polo medo. E é precisamente o medo o que as leva a actuar buscando a súa propia seguridade.

Hoxe o Señor tamén nos di a cada un e a cada unha de nós que enterramos os talentos, os dons, as calidades coas que El nos bendiciu cando: non nos sentimos chamados a seguir as esixencias de Cristo máis alá do ensinado e mandado sempre non arriscamos nada por facer unha Igrexa máis fiel a Xesús non asumimos a responsabilidade na nosa tarefa do reino nos mantemos alleos a calquera conversión que nos poida complicar a vida vivimos unha vida “relixiosamente correcta” sen arriscarnos a vivir o amor de xeito máis audaz e creativo o medo ao fracaso non nos deixa seguir as aspiracións do noso corazón non tomamos a iniciativa por medo a equivocarnos só buscamos o noso propio proveito cando enterramos a nosa vida porque nos dedicamos a conservar a virtude e a fe.


Arriscar, velaí a solución. Non é un camiño doado; pero non hai outra se queremos comunicar a experiencia cristiá nun mundo que, aínda que moitos profetas de calamidades se empeñen en negalo, está en continuo cambio, si; pero está preñado da salvación de Deus. Hoxe tamén é tempo de salvación. A fe é produto de temporada.... por que, entón, nos empeñamos en enlata ou servila en conserva?.

sábado, 8 de noviembre de 2014

LECTURAS

XXXII Domingo: Dedicación da Basílica de Letrán - Festa


Primeira Lectura  Ez 47, 1-2. 8-9. 12
LECTURA DO PROFETA EZEQUIEL           
Vin que saía auga do templo e onde chegaba esta auga facía revivir todo o lugar
 
            Naqueles días, o anxo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que por baixo do vestíbulo do templo saía auga cara ao nacente, pois a fachada do templo daba ao nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ao sur do altar.
            Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ao nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.
            Entón díxome:
            - Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ao mar, quedarán de certo saneadas.
            E todo ser vivente que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
            Á beira do río, nunha marxe e noutra medrará toda clase de árbores froiteiras: a súa follaxe non murchará, e a súa froita non acabará, senón que cada mes dará unha nova colleita, pois as augas do río son as que saen do santuario; por isto a súa froita servirá para comer, e as súas follas servirán para remedios.

         Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL   Sal 45, 2-3. 5-6. 8-9
R/. (5):   As correntes dun río alegran a cidade de Deus, a morada santa do Altísimo.

Deus é para nós refuxio e forza,
axuda certa na angustia.
Por iso non tememos, aínda que a terra trema
e os montes se derruben no fondo do mar.

As correntes dun río alegran a cidade de Deus,
a morada santa do Altísimo.
Deus está no medio dela, non a poden abalar;
Deus vai socorrela ao despuntar o día.

O Señor dos exércitos está connosco,
a nosa fortaleza é o Deus de Xacob.
Vinde e vede as obras do Señor,
os portentos que realizou na terra.



Segunda Lectura   1 Cor 3, 9c-11. 16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sodes templo de Deus
 
            Irmáns:
            Vós sodes edificio de Deus. Na medida da graza que o Señor me outorgou, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces, outro edificou enriba.
            Que cadaquén olle como edifica. Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo.
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?
            Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

       Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   2 Cro 7, 16

Escollo e consagro este templo, di o Señor,
para que estea nel o meu nome eternamente.



EVANXEO   Xn 2, 13-22
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dicíao referíndose ao templo do seu corpo

            Naquel tempo, estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén.   Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores sentados; vai e facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
            - Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa de m
eu Pai unha casa de negocio.
            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".   
            Pero replicáronlle os xudeus:
            - Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            - Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            - Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.


           Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

Reflexión

- Como lles custa a algunhas persoas, quizais tamén a algúns dos que estamos hoxe aquí, deixarnos atopar; é dicir deixarnos querer e agarimar polos demais. E tanto nos custa que, ás veces, parecemos toxos bravos á hora de dar/recibir un bico, unha aperta ou unha caricia de parte de quen nos quere e deste xeito busca mostrárnolo. Por que nos custa tanto, por que escapamos das mostras de agarimo como se estas fosen malas ou trouxeran algunha enfermidade? Diante disto, o libro da Sabedoría chámanos a esforzarnos por deixarnos agarimar; pois no agarimo sinxelo e sincero sempre se fai presente a achega de Deus. El móstrase por medio das persoas, e sobre todo neses momentos cando máis as necesitamos. Aprender a ser maduros é sempre unha tarefa inacabada, porque pouco a pouco e en cada momento imos percibindo situacións, persoas ou testemuños que nos fan cambiar a perspectiva –moitas veces rutineira e chea de prexuízos– sobre as cousas e as persoas. Por iso é tan importante o que nos di esta primeira lectura: deixémonos atopar polos que nos procuran.

- Saber que os demais non son inimigos, senón irmáns, lévanos a medrar desde a perspectiva do encontro e a colaboración. E non só no que se refire ás cuestións da fe, que tamén, senón en calquera dos ámbitos da vida. Os outros enriquécenme e axúdanme, non están para facerme vida imposible nin para crearme tensións. Ben é verdade que pode haber algunhas persoas que si o fagan así; pero non debemos xulgar a todos polo que fan uns, xa que estariamos sendo inxustos cos demais. Por iso a tentación –ás veces facilmente consentida...ás veces, non sempre– de agoniarnos, de só ver problemas, de non facer esforzo ningún para tratar de ver un pouco de luz no medio das dificultades..., é o que nos leva a ese pesimismo que nada pode vencer, e que casa bastante mal co sentido cristián da vida. Para Xesús, sen negar as dificultades, estas non poden ser nunca o final do camiño de ninguén. A diferenza dos que non se confesan crentes, ou o son simplemente por rito, pero non por convicción, os cristiáns que facemos da fe pulo e do Evanxeo esperanza e loita por cambiar e mellorar, no nos deixamos levar pola tentación da agonía. Para nós sempre hai unha raiola que nos mostra un pouco de luz para seguir o camiño. Non hai situación máis triste que atopar con alguén para quen a vida é só baleiro e sensentido. Para que vivir entón, para que facer nada máis; o mellor é desaparecer. Quen ten posto os seus cimentos en Xesús non se deixa levar deste pesimismo existencial, que nunca levanta cabeza e está abocado a permanente desesperación. Cando nós falamos de esperanza estamos a referirnos a que sempre é posible cambiar, inda que só sexa un pouco as cousas; de que a realidade non pode ser sempre a mesma; de que os débiles non teñen porque ser sempre as vítimas. E iso non será posible sentilo e vivilo se non é desde o seguimento e a proposta que nos fai Xesús.

- O atoamento nunca ten bo final, tal e como acabamos de escoitar no evanxeo. Quen sempre anda ás présas nunca ten tempo para nada; pero tampouco nunca é capaz de facer nada ben porque sempre se sente inseguro, ansioso e coa sensación de non ser capaz de chegar. Por iso cando é necesario dar un paso adiante non é capaz. Porén, quen reflexiona, distribúe ben o seu tempo, sabe valorar e dar prioridade, e esfórzase por non ser arroutado, é capaz de ver a realidade desde outra perspectiva. Xesús hoxe dinos que esteamos atentos e vixiantes para non converternos en atolados, senón en seguidores seus asisados que non teñen/mos medo a afrontar retos nin a abrir camiños de diálogo e encontro con quen quere facer do mundo casa común. Non podemos mirar atrás –iso fixeron as atoladas”: abrídenos, somos nós, non nos recoñeces?”-. O noso é mirar adiante, e iso supón camiñar con actitude vixiante, que non desconfiada, para encontrarnos e facer cousas que nunca permitan que as persoas sexan menos cos cartos, a ideoloxía ou as estruturas. Vixiemos logo para non caer nesta tentación.


domingo, 2 de noviembre de 2014

LECTURAS

SOLEMNIDADE DOS FIEIS DEFUNTOS

NOTA SOBRE AS LECTURAS:
As lecturas deste día tómanse das moitas que hai a elixir da misa de exequias, estas están elixidas
 segundo o calendario Litúrxico Pastoral da Conferencia Episcopal Española
http://muscatolica.com/2014/10/30/moniciones-para-la-eucaristia-del-domingo-02-de-noviembre-fieles-difuntos/



Primeira Lectura   Lam 3, 17- 26
LECTURA DO LIBRO DAS LAMENTACIÓNS
Está ben esperar en silencio a salvación do Señor

Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,
e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".

Zain . Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.
Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.
Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:
Het . as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco desapareceron as súas misericordias,
pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.
O Señor é o quiñón da miña herdanza di o meu corazón, por isto teño esperanza nel.
Tet . Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.
É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.

   
     Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL  Sal 129, 1-8
R/ (cf 1): Desde os abismos chámote, Señor
Ou tamén: (cf. 5): Eu espero no Señor, confío na súa Palabra

Desde os abismos
Cántiga das subidas.

Desde os abismos chámote, Señor;
escoita, Señor, a miña voz.
Ten atentos os oídos
ó clamor da miña súplica.

Se ti levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
Mais en ti está o perdón,
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor, a miña alma espera;
eu confío na súa palabra.
A miña alma vólvese ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Se os vixías esperan a aurora,
que Israel espere ó Señor,
pois no Señor está o amor
e a redención cumprida.

El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.



Segunda Lectura   Rom 6, 3-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Andemos na novidade de vida


¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.

    Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus 



Evanxeo   Xn 14, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Na casa do meu Pai hai moitas moradas


Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min.


        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo  

REFLEXIÓN

Podemos ignorala. Non falar dela. Vivir intensamente cada día e esquecernos de todo o demais. Pero non o podemos evitar. Tarde ou cedo, a morte vai visitando os nosos fogares arrebatándonos aos nosos seres máis queridos.

Como reaccionar ante ese accidente que se nos leva para sempre ao noso fillo? Que actitude adoptar ante a agonía do esposo que nos di o seu último adeus? Que facer ante o baleiro que van deixando na nosa vida tantos amigos e persoas queridas?

A morte é como unha porta que traspasa cada persoa a soas. Unha vez pechada a porta, o morto ocúltasenos para sempre. Non sabemos que foi del. Ese ser tan querido e próximo pérdesenos agora no misterio. Como vivir esa experiencia de impotencia, desconcerto e pena inmensa?

Non é fácil. Durante estes anos habemos ir cambiando moito por dentro. Fixémonos máis críticos, pero tamén máis vulnerables. Máis escépticos, pero tamén máis necesitados. Sabemos mellor que nunca que non podemos darnos a nós mesmos todo o que no fondo anhela o ser humano.

Por iso quero lembrar, precisamente nesta sociedade, unhas palabras de Xesús que só poden resoar en nós, se somos capaces de abrirnos con humildade ao misterio último que nos envolve a todos: «Non se turbe o voso corazón. Crede en Deus Crede tamén en min».

Creo que case todos, crentes, pouco crentes, menos crentes ou malos crentes, podemos facer dúas cousas ante a morte: chorar e rezar. Cada un e cada unha, desde a súa pequena fe. Unha fe convencida ou unha fe vacilante e case apagada. Nós temos moitos problemas coa nosa fe, pero Deus non ten problema algún para entender a nosa impotencia e coñecer o que hai no fondo do noso corazón.

Cando tomo parte nun funeral, adoito pensar que, seguramente, os que nos reunimos alí, convocados pola morte dun ser querido, podemos dicirlle así: “Estamos aquí porque te seguimos querendo, pero agora non sabemos que facer por ti. A nosa fe é pequena e débil. Confiámoste ao misterio da Bondade de Deus. El é para ti un lugar máis seguro que todo o que nós che podemos ofrecer. Se feliz. Deus quérete como nós non soubemos quererte. Deixámoste nas súas mans.”
 

José Antonio Pagola

sábado, 1 de noviembre de 2014

LECTURAS

  FESTA DE TODOS OS SANTOS                       

 
Primeira Lectura  Ap 7, 2-4. 9-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar,
de todas as nacións e tribos e pobos e linguas

            Eu, Xoán, vin outro anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a berros aos catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar:
            - "Non lles fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!".
             E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as familias de Israel.
            Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, familias, razas, pobos e linguas, en pé diante do trono do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans. Proclamaban con gran voz:
            - "A salvación perténcelle ao noso Deus, que senta no trono, e mais ao Año".
            Todos os anxos que estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, axeonlláronse diante do trono para adoraren a Deus. Proclamaban:
            - "Amén! A bendición, a gloria, a sabedoría, a acción de grazas, a honra, o poder e mais a forza perténcenlle ao noso Deus, polos séculos dos séculos. Amén.
            Un dos anciáns preguntoume:
            - "Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?".
            Eu respondinlle:
            - "Meu Señor, ti xa o sabes".
            E díxome:
            - Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.

Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
R/.  (cf 6):  Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presenza, Señor.

Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares,
e quen a asegurou sobre as correntes.

Quen poderá subir ao monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
O que ten inocentes as mans e puro o corazón.

Ese recibirá bendición do Señor,
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.


Segunda Lectura  1 Xn 3, 1-3
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Veremos a Deus tal como é


            Benqueridos irmáns:
            Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamar fillos de Deus e sérmolo de verdade.
            Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
            Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é.
            Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma El.

  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Mt 11, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Achegádevos a min todos os que estades cansos
e oprimidos, que eu vos aliviarei, di o Señor.
Aleluia.


Evanxeo  Mt 5, 1-12a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.

            Naquel tempo, Xesús, ao ver a multitude, subiu ao monte, sen­tou e achegáronselle os seus discípulos; e el, tomando a pala­bra, ensinábaos dicindo:
            Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos ceos.
            Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
            Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
            Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
            Ditosos os misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
            Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
            Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
            Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos ceos.
            Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.


Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN

MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS E LINGUAS: Na festa de Todos os Santos, a Palabra, unha vez máis, volve falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El non fai distingos nin exc1usións, que para El todos posuímos a mesma dignidade, que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza. Somos invitados a mirar cara adiante e a alegramos, porque os plans de Deus vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus. Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.

CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo, que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiamos e deixamos guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón, participando da súa resurrección.
Por iso a festa de hoxe, a pesar de que nos lembra cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.
  
BENAVENTURADOS VÓS: Porque se de verdade poñemos nel a nosa esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa personalidade, o sentido das benaventuranzas. Porque ser santo e santa é ...
- seguir sendo unha persoa normal, que sinte a insatisfacción que produce unha visión do mundo na que a xente acepta como necesidade ter moitos cartos.
- sentir a preocupación do desemprego e do paro, e solidarizarse con quen o sofre, traballando para que os responsables teñan unha mentalidade menos lucrativa e busquen o ben común.
- ofrecer a nosa amizade a quen se atopa só.
- non aceptar a violencia á que nos leva a competición, a xenreira que esperta en nós a separación de persoas con barreiras económicas, sociais, relixiosas ou raciais.
- buscar a superación de todas as situacións negativas que producen sufrimento nas persoas.
- saberse fillos de Deus, o que significa querer estreitar lazos de irmandade
- vivir coa limpeza de corazón suficiente como para camiñar pola vida sen segundas intencións, ofrecendo sinceridade e confianza.
- ter confianza, esperanza e ledicia, porque Xesús está connosco facendo posible unha convivencia nova que inverta, coma as benaventuranzas, todo o noso sistema de valores.
- decidir construír esa nova humanidade na que as persoas se aman, son solidarias e capaces de axudarse, sen que haxa rexeitamentos por mor da cor, dos cartos ou do poder.
- manter o espírito combativo a pesar de que sabemos que é unha tarefa difícil e lenta, e na que somos conscientes de que moitas veces seremos criticados.

É entón cando poderemos falar de santidade, porque a pesar de todo  mantemos a esperanza de que a tarefa realizada por e con Xesús terá un bo final e a fraternidade irá facéndose realidade ata que todos sexamos autenticamente irmáns, santos, felices, ditosos e benaventurados.