domingo, 25 de octubre de 2015

Reflexión

Moitas veces sentimos a sensación de baleiro, tristeza, desacougo ou incomprensión. Como se nada nin ninguén puidera valernos e axudarnos a aquecer o corazón, que experimentamos como frío e sen gana de nada. Nesta experiencia, que seguro todos temos pasado, hai Alguén, ao que non sempre somos capaces de percibir, que está... inda que non o vexamos. E o seu estar non é para pasarnos a conta do moito que ten feito por nós, nin para que lle agradezamos que sempre teña sacado a cara na nosa defensa, ou para calquera outra cousa que puidera refregarnos nos beizos. Non, a súa é unha presenza silenciosa na que nos invita a mirar cara dentro para sacar o mellor de nós –que o temos, inda que pensemos o contrario-. Ese Alguén é Deus. E cando dicimos Deus imos ás imaxes que del nos van ofrecendo os textos da biblia, nos que se nos mostra como o que está, acompaña, alenta, anima, reforza...e o que é máis importante: o que nos quere e consola. Cantas veces non o temos botado en falta pola nosa cegueira ou xordeira de corazón! A imaxe dese Deus a quen rezamos, a quen queremos e en quen confiamos é a de quen sempre camiña, sen parar, e coa man tendida para dicirnos: segue, paga a pena, non estás solo. O Deus ao que tantas veces se refire o papa Francisco cando nos di que é o que pon ás persoas por riba das cousas ou das ideas; dos proxectos ou dos grandes logros. O Deus sensible que acompaña o noso silencio e non busca manipularnos, senón querernos desde a súa misericordia chea de tenrura.
A súa tenrura connosco é o que o fai verdadeiramente grande, como ben tiña descuberto o pobo de Israel, e por iso rezaban o salmo recoñecendo esa proximidade e a ledicia que lles achegaba. Podemos nós dicir o mesmo? Recoñecemos a súa grandeza na presenza, día a día, ao noso lado? Sentimos a ledicia –xa nolo lembraba Francisco na “Evangelii gaudium”- sementando o que facemos, o por que o facemos e o como o facemos de esperanza?
Dámonos conta do que significa poñer nos nosos beizos expresións tales como: agarímanos coa túa tenrura, aloumíñanos na túa misericordia ou renova en nós a esperanza? Si, temos que ir facéndonos preguntas para poder descubrir e coñecer o verdadeiro rostro de Deus, non o que moitas veces voces “autorizadas”, convertidas en interesadas, nos teñen presentado. E convencernos dunha vez que é amor, agarimo, confianza, liberdade; e non medo, castigo nin condena. Se somos capaces de facer este camiño de maneira persoal e sentindo a forza e o alento da comunidade, acabaremos entendendo por que Deus se converte no Alguén importante na nosa vida. Aquí reside a súa grandeza, polo que, como facía o pobo de Israel, tamén nós podemos dicir e sentir: Que o Señor estivo grande connosco e estamos alegres.

Nesta alegría imos poñendo, chanzo a chanzo, a nosa esperanza, desde a que entender que celebrar, compartir, estar pendentes e preocupados por canto lle pasa aos que temos máis preto e, sen esquecer aos que son esquecidos e descartados, lonxe convértese nunha consecuencia de seguir a Xesús para dar e construír vida alí onde esteamos. E a vida non se fai poñendo atrancos, dificultades, normas e leis, senón testemuño, exemplaridade, entrega, xenerosidade e capacidade de acollida. Unha acollida onde nunca somos moitos, e sempre cabemos máis. Sen ter medo, porque como El ten dito outras veces: “fun forasteiro e non me acollestes”. Neste verdadeiro mestre que non busca nada máis ca nosa felicidade poñemos nós a confianza e, como aquel cego do evanxeo, tamén hoxe lle dicimos: Mestre, que poida ver.