miércoles, 7 de octubre de 2020

AS PERSOAS PRIMEIRO

Estamos sen dúbida nun tempo cheo de incertezas, de medos, de cambios, provocados por un virus global que mata, e que nos fai sentir débiles nun campo de batalla invisíbel pero real. Ao paso desta pandemia sanitaria estanse esborrallando sistemas produtivos, económicos, políticos, educativos e sociais, que se sostiñan en piares débiles, precarios, inxustos, desiguais…e unha vez máis, caen con maior impacto sobre as persoas máis vulnerables. Unha vez máis a crise, a pobreza, a miseria cébase coas mesmas persoas.

E por que non somos capaces de mudar, de transformar sistemas que afogan e que xeran inxustiza de xeito crónico?. Por que non somos capaces de poñer ás persoas no centro e ao redor xerar sistemas xustos e decentes, afastados de egoísmos e individualismos?. Por que non somos capaces de observar, de pensar, de sentir e de facer para acadar o ben común?. Dúbidas con e sen reposta, mentres millóns de persoas quedan atrás.

Este momento interpélanos e obríganos a actuar, a seguir avanzando con máis unión nun modelo social que non deixe a ninguén atrás. A seguir loitando por recuperar e garantir o dereito a unha vida digna. A seguir estendendo alternativas de vida máis sostible ante o deterioro medioambiental. A seguir defendendo o emprego decente porque “Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario”.

O día 7 de outubro, con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, temos a oportunidade de alzar a voz a través da iniciativa da Igrexa polo Traballo Decente e baixo o lema “Movémonos polo traballo decente, nos nosos barrios, ante as organizacións sindicais e nas institucións de goberno”, para reclamar un novo modelo produtivo que, en pleno impacto social da pandemia, garanta emprego digno e accesible.

O traballo é unha expresión da dignidade humana, que debe contribuír ao desenvolvemento da comunidade, satisfacer as necesidades das familias, en condicións de respecto, de participación e de non discriminación. Na situación actual a igrexa polo traballo decente ten o compromiso de difundir os síntomas do deterioro e gravidade da situación, como son a “galopante destrución de emprego, cunhas cifras de ERTE e paro disparadas; unha protección social que non está chegando ós que teñen dereito e peor o están pasando, como no caso do ingreso mínimo vital ou a prestación para as empregadas de fogar, e que deixa fóra a miles de persoas sen posibilidade de acceso por exercer a súa actividade na economía somerxida; e a persistencia de demasiados empregos considerados esenciais que manteñen condicións laborais tan precarias que rozan a indecencia”.

Este tempo tamén trae sinais de esperanza, xestos de unidade ante a adversidade, emocións e novas oportunidades están a agromar para coidarnos e transformar esta realidade.

Eloína Ingerto López

Directora Fundación JuanSoñador en Galicia