viernes, 30 de marzo de 2012

LECTURAS


DOMINGO DE RAMOS NA PAIXÓN DO SEÑOR - Ciclo B



PROCESIÓN DAS PALMAS.-

Mc 11, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Cando se achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:
            Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta".
            Foron aló, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:
            Que facedes aí desatando o burriño?
            Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
            Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor!  Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!

             


AD LIBITUM  Xn 12, 12-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

            Naquel tempo, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, apañou ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
            Hosanna!:
Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!.
            Xesús atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
            Ó comezo os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.

                                   Palabra do Señor                 R/. Grazas a Deus

MISA.-

Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido (Terceiro Canto do Servo do Señor)

            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

            Palabra do Señor                     R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno

            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.

                        Palabra do Señor                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO  
 Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.

PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS (Forma breve)

Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
            
C. De mañanciña, os sumos sacerdotes cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato.
            Pilato preguntoulle:
            S. Es ti o rei dos xudeus?
            Respondeulle:
            + Ti o dis.
            C. E os sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón Pilato volveu preguntarlle:
            S. Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
            C. Pero Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
            Pola festa de Pascua, tiña o costume de soltarlles o preso que eles lle pedisen. Estaba daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume conce­derlles. Pilato respondeulles:
            S. Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
            C. Pois el ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos sacerdotes encirraron á xente para que pedisen que lles soltase a Barrabás.
            Pilato respondeulles:
            S. E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
            C. Eles volveron berrar:
            S. Crucifícao!
            C. Pilato replicoulles:
            S. E logo, que mal fixo el?
            C. Pero eles berraban aínda máis forte:
            S. Crucifícao!
            C. Pilato, para compracer o pobo, soltoulles a Barrabás, men­tres que a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños

            C. Os soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
            S. Salve, rei dos xudeus!
            C. E dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose, rendíanlle homenaxe. E despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra, para o crucificaren.
  
Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono

            C. Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira o pai de Alexandro e de Rufo e obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes  para saber o que lle tocaba a cada un.
            Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: "O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!

            C. Os que pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
            S. Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
            S. Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
            C. Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.

Xesús, dando un grito resoante, expirou
            C. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ás tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
            + Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
            C. Que quere dicir:
            + "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
            C. Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. Oíde! Está chamando por Elías.
            C. Un foi correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espe­touna nunha cana e deulle de beber, dicindo:
            S. Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
           C. Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. O veo do templo rachou en dous de arriba abaixo.
            O centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito, dixo:
            S. - Verdadeiramente este home era Fillo de Deus!

                                   Palabra do Señor                  R/. Grazas a Deus