XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura
Is 66, 10-14c
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Velaí mandarei sobre ela, coma choiva, a paz
Alegrádevos con Xerusalén,
exultade por ela, todos os que a amades.
Reloucade
con ela de xúbilo
os que por ela levastes loito.
Mamaredes ao seu peito
e fartarédesvos das súas consolacións;
zugaredes con delicia
a riqueza do seu seo.
Porque así
fala o Señor:
«Farei
correr ata ela a fartura coma un río,
coma un río desbordado a riqueza das nacións.
Collerán
no brazo os seus meniños,
e aloumiñaranos sobre os xeonllos.
Coma unha nai que consola o seu fillo,
así eu vos consolarei;
en Xerusalén seredes consolados!
Vós
verédelo, e alegrarase o voso corazón,
e os vosos ósos florecerán coma un campo.
A man do
Señor daráselles a coñecer aos seus servos.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/. (1): Aclama a Deus, terra enteira.
Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!
Próstrase a terra toda diante túa
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.
El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.
Vinde os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.
Segunda Lectura
Gal 6, 14-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Levo no meu corpo os sinais de Xesús
Irmáns:
A min Deus
me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz do noso Señor Xesucristo, na
que o mundo está crucificado para min coma eu para o mundo.
Pois tanto
ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar: o que importa é a nova
creación.
A paz e
mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o
Israel de Deus.
De hoxe en
diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús.
Irmáns,
que a graza do noso señor Xesús Cristo acompañe ao voso espírito. Amén.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Col 3,
15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns,
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.
Evanxeo Lc 10,
1-12. 17-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Descansará nela a vosa paz
Naquel
tempo, designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous
por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
‑ A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle
ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
Ide e
sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin
calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes
nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí
hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá
convosco.
Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro
ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes
nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa
e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus".
Pero cando
non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos
levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. Asegúrovos que o
Día do Xuízo será máis levadío para Sodoma do que para aquela vila.
Entón
volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:
‑ Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
El
replicou:
‑ Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para
pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada
vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan:
alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo