viernes, 20 de abril de 2012

LECTURAS


DOMINGO 3º DE PASCUA - CICLO B

Primeira Lectura      Feit 3, 13-15. 17-19
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Matastes o autor da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos

                Naqueles días, díxolle Pedro ao pobo:
                O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus de nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
                Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino, mentres que matastes o dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.
                Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL      Sal 4, 2. 4. 7. 9
R/. (7a): Fai brillar sobre nós, Señor, a luz do teu rostro.
Ou: Aleluia.

Cando te invoco, respóndeme,
meu Deus, meu defensor;
na estreiteza ti déchesme fartura;
apiádate de min e escoita a miña oración.

Recoñecede que o Señor enalteceu o seu amigo,
que o Señor me responde cando o chamo.

Moitos din: "Quen nos amosará a felicidade,
se fuxiu de nós, Señor, a luz do teu rostro?"

Déitome en paz e logo adormezo,
porque só ti, Señor, me dás seguridade.


Segunda Lectura     1 Xn 2, 1-5a
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
El é propiciación polos nosos pecados e polos de todo o mundo

                Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xusto. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos, senón tamén os de todo o mundo.
                Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos. O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada.
                Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ao máximo.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus

ALELUIA     Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 24, 35-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Tal está escrito, que Cristo ha padecer e resucitar de entre os mortos ao terceiro día

            Naquel tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
                Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:
                ‑ A paz sexa convosco!
                Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
                ‑ Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
                E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
                ‑ Tedes por aí algo que comer?
                Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
                ‑ A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
                E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:         
                ‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus

Reflexión, Oración..Contemplación


Reflexión
Xesús no encontro persoal cos homes ofreceu a súa benévola presenza e esperou que as sementes da palabra e da fe xerminasen. O abandono dos apóstolos, a negación de Pedro, o amor da pecadora, a cerrazón dos fariseos non o escandalizaron, nin turbaron. Sabía que non se perdería o que lles dixera... e de feito despois de Pentecostes os mesmos homes preséntanse diante do sanedrín sen temor, para afirmar que é necesario obedecer a Deus antes que aos homes. Pedro predica abertamente ata morrer nunha cruz como o seu Mestre, as mulleres son enviadas como testemuñas da resurrección aos apóstolos, e un fariseo fillo de fariseo, Pablo de Tarso, convértese no apóstolo das xentes. Se non podes subtraerte, home, a vivir cotiamente a morte de ti mesmo, debes polo menos esquecer que a resurrección escóndese nas túas feridas para facerte vivir del, dende agora. No irmán que para tí pode ser sepulcro de morte e de lama, unha cruz maldita, encontrarás a vida nova. Si; porque Cristo Resucitado asumirá a descrición dos teus irmáns: un campesiño, un camiñante, un espírito, un home á beira do lago...Cando saibas acoller "o reto" de Pilato que penetra os séculos e non aceptes o cambio proposto (Xn 18, 39-40), porque aprendeses na noite do abandono que non se pode cambiar a vida dun bandoleiro, ti que levas indignamente o seu nome: Bar-Abba, fillo do Pai, pola vida de Xesús, o Fillo unixénito do Deus vivente, o Señor da vida e da muerte...entonces berrarás tamén ti como o apóstolo Tomás no estupor da fe: "Señor meu e Deus meu" (Jn 20,28), o meu Deus e o meu todo, e non fuxirá máis no horizonte dos teus días a beleza da alegría.
Oración
Señor, nós buscámoste e desexamos o teu rostro:

un día, quitado o veo, poderemos contemplarte.
Buscámoste nas Escrituras que nos falan de tí:
baixo o veo da sabedoría acollemos a cruz, o teu don ás xentes.
Buscámoste nos rostros radiantes de irmáns e irmás:
vémoste na pegada da túa paixón nos seus corpos sufridores.
Non os ollos, senón o corazón ten a visión de ti:
ao resplandor da esperanza, nós esperamos encontrarte para falar contigo.
Contemplación
Señor, dános a tenacidade de camiñar cara aos cumios, á luz da única Palabra que salva. Como irmá de sangue, daquel Sangue que nos fai a todos irmáns, eu quedo aquí, xunto á tumba de toda morte interior para dirixirme como un camiñante polos sendeiros dun non sentido e situarme nos sendeiros da amizade e do encontro. Quero hoxe compartir a marabilla do amor humano, o gozo das persoas marabillosas que viven xunta min, non na periferia da súa existencia, senón nas súas pasaxes secretas, alí onde o corazón abraza o Absoluto de Deus. Grazas a Tí que me dás o teu rostro resucitado, polo teu corazón namorado da Vida e bicado do Eterno. Grazas pola túa liberdade de explorador que se somerxe nos abismos do Esencial. Deus do deserto que se fai xardín, que eu sexa unha pequena chama acendida na obscuridad da busca humana, unha calor que se esparexe alí onde o xélido vento do mal destrúe e aparta do horizonte da Verdade e da Beleza, para narrar ao mundo a estupenda aventura do amor humano resucitado, aquel amor que sabe morrer para encarnar o sorriso de Deus. Amén.