domingo, 30 de septiembre de 2012

Comentario


  • Porque o Espírito sopra por onde quere, é dicir de xeito aberto, plural e innovador, non temos dereito a secuestralo e poñelo a dispor da nosa comenencia e do noso único interese. E inda que isto, por pouco que o pensemos, vémolo claro e lóxico, logo, na nosa vida e na relación con Deus, non acabamos de entendelo. De aí que nos vaiamos facendo unha vida de fe á nosa imaxe e semellanza, modulando e facendo de Deus o que nos gusta e convén en cada momento, coma se fose un monicreque que movemos coas mans e lle facemos dicir o que nós queremos. E isto pásalle tanto aos que confunden goberno con poder e autoritarismo dentro da Igrexa, como aos que pensan que eles son os únicos que están e teñen a verdade, e quen non se identifique con eles está fóra da Igrexa, e se non está, hai que botalo. E se sempre foi así –tampouco imos agora rachar as vestiduras por iso-, dun tempo a esta parte a cousas parece que vai collendo máis forza. Parece que volve o medo no canto da liberdade, e a imposición en vez da proposta. Isto leva a que a imaxe de Deus como quen escoita, anima, quere e invita á confianza e ao amor,  se torne de novo no ollo acusador que castiga e condena, coma se foramos nenos pequenos cheos de medo e inseguridade. Diante disto, é necesario volver ás fontes, e a mellor, por non dicir a única, é a Palabra de Deus. Nela imos vendo como non é o “todos en fila e a formar” o que a move e alenta, senón o sopro do Espírito que dá lugar á pluralidade de formas, maneiras e concrecións múltiples do facer dos cristiáns no medio do noso mundo. Un facer que debe partir da reflexión e da capacidade que cada un de nós temos para, de xeito autónomo, maduro e responsable, sen necesidade de “carabinas que nos vixíen” dar resposta á nosa tarefa de ser testemuñas da presenza de Deus no medio do mundo. E isto non se pode facer máis que na confianza e no diálogo, especialmente neste momento de tanta dificultade e no que tantas persoas perden traballo, dereitos e mesmo recoñecemento da súa dignidade por mor dun liberalismo egoísta e insolidario que só busca o ben dos poderosos e esquece a dignidade dos empobrecidos. Non son logo os celos, senón a confianza o que Deus nos ofrece e invita a vivir. Ninguén ten o monopolio da verdade.
  • As palabras de Santiago volven insistir en que se as persoas, imaxe e semellanza de Deus, non son razón e tarefa do noso actuar, todo canto fagamos non é máis que abuso, manipulación e mentira. Cando esquecemos que a dignidade do outro faino igual a min, canto fagamos vólvese contra nós e empórcanos as mans e o pensamento, pois o que facemos é para o noso propio interese e desde o egoísmo máis radical. De aí que Santiago nos lembre onde teñen que estar os centros non só das nosas convicións, senón do noso actuar e da razón que nos leva a facelo. Que actualidade teñen estas palabras neste momento!. E Santiago non fai política, senón que se limita a aplicar á realidade as palabras de Xesús en defensa dos que son maltratados e utilizados como cousas e non como persoas. Acaso hoxe  non se pagan xornais de miseria, se recortan dereitos, se minte para os que xa gañan máis sigan facéndoo a custa dos explotados ou se xustifican, se pechan empresas ou se recortan plantillas só por non gañar tanto coma hai ben pouco?. Logo non vemos como, no nome de non sabemos moi ben que, se suprimen axudas e servizos aos maiores, medios para a sanidade ou para a educación?. Vemos logo que inda que pasaron vinteún séculos, a cobiza do ser humano é a mesma, polo que as palabras da carta que hoxe lemos como segunda lectura, non só seguen a ter actualidade e vixencia, senón que, se cabe, hoxe téñenma máis ca nunca. E por que pasa isto?. O mesmo Santiago nolo di ao final do texto: porque as persoas esquecemos o que somos, e cebamos os nosos corazóns nos praceres para o día da matanza, condenando ao xusto, e aproveitándonos del no nome do progreso e dos beneficios.

Se queremos estar non contra Xesús senón con El, xa é tempo de que nos paremos a pensar se o noso actuar, que dicimos de cristiáns, responde a esta palabra que sempre quere estimular e alentar a nosa vida. E se somos pedra de escándalo pola nosa maneira de facer as cousas, non nos queda outra que virar o rumbo e encarar canto facemos e dicimos coa claridade e fondura que nos ofrece o evanxeo, sabendo que se queremos estar con El, e sen ser doado o camiño, temos que poñernos a camiñar xa.

Lecturas


26º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO-CICLO B


Primeira Lectura     Núm 11, 25-29
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas!
  
            Naqueles días, descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo aos setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
            Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: Eldad e Medad profetizan no campamento! Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
-          "Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"

            Mais Moisés respondeulle:
            "Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio  ao inxenuo.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.

Preserva o teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.





Segunda Lectura     Sant 5, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
As vosas riquezas podreceron
  
            E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
            Atención! O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
            Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.
            Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Xn 17, 17b. a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.

Evanxeo     Mc 9, 38-43. 45. 47-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Quen non está contra nós, está connosco. Se a túa man te escandaliza, córtaa
  
            Naquel tempo, díxolle Xoán a Xesús:

-          Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
            Xesús contestoulle:
            Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.

            E a quen escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen  ao mar.

            E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 28 de septiembre de 2012

Festividade de San Miguel, San Rafael e San Gabriel arcanxos



A Igrexa honra con culto litúrxico a tres figuras de anxos, ós que na Sagrada Escritura chámaselles cun nome.

San Rafael Arcanxo, "Rafa-El" significa: "Deus cura". El fíxose coñecer pola historia de Tobías no Antigo Testamento (Cf. Tob. 12, 50.20, etc.), tan significativa no feito de confiar aos anxos os pequenos fillos de Deus, sempre necesitados de custodia, coidado e protección.

Oh! poderoso Príncipe da gloria, San Rafael,
chamado menciña de Deus,
saúde dos enfermos,
luz dos cegos, guía de camiñantes,
protector da esmola,
do xaxún e da oración:
por aquela caridade
con que acompañaches
ao mozo Tobías, pídoche,
oh! glorioso protector meu,
me líbres de todos
os males e perigos
e me acompáñes na peregrinación
desta vida mortal,
para chegar felizmente
ao porto de salvación na eterna.
Amén.



  San Gabriel Arcanxo, figura vinculada sobre todo ao misterio da Encarnación do Fillo de Deus (Cf. Lc. 1, 19.26). O seu nome significa: "O meu poder é Deus" ou "Forza de Deus", como para dicir que no culme da creación, a Encarnación, é o signo supremo do Pai omnipotente.

Oh! Glorioso Arcanxo San Gabriel,
chamado fortaleza de Deus,
príncipe excelentísimo
entre os espíritos anxélicos,
embaixador do Altísimo,
que mereciches ser escollido
para anunciar á Santísima Virxe
a Encarnación do Divino Verbo
nas súas purísimas entrañas:
eu suplícoche teñas a ben
rogar a Deus por min,
miserable pecador,
para que coñecendo
e adorando este inefable misterio,
logre gozar o froito
da divina redención
na gloria celestial.
Amén.


San Miguel Arcanxo (Cf. Dan. 10, 13.20; Ap. 12, 7; Jdt. 9). O seu nome expresa sintéticamente a actitude esencial dos espíritos bos: "Mica-El" significa, en efecto: “Quen como Deus?” Neste nome está expresada, a elección salvífica grazas á cal os anxos "ven a face do Pai" que está nos ceos.



San Miguel Arcanxo,
deféndenos na batalla.
Se o noso amparo contra a perversidade
e as asexanzas do demo.
Reprímao Deus, pedimos suplicantes,
e ti, príncipe da milicia celestial,
arroxa ao inferno co divino poder
a satanás e aos outros espíritos malignos
que andan dispersos polo mundo
para a perdición das almas.

Amén.





Cada unha destas tres figuras (Mica-El, Gabri-El, Rafa-El), reflicten de modo particular a verdade contida na pregunta exposta polo autor da Carta aos Hebreos:

"Non son todos eles espíritos administradores, enviados para servizo en favor dos que han de herdar a salvación?" (Hb. 1, 14)".

Xoán Paulo II
Catequese de Agosto 6 de 1986, número 8

viernes, 21 de septiembre de 2012

Comentario


A primeira lectura, do libro da Sabedoría, fálanos do difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que viven e queren vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os medios (chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non teñen escrúpulos, que burlan a lei, que buscan prebendas, que pisotean dereitos... Sóanos o conto?. Porque tod@s nós, en maior ou menor medida, en certos aspectos da vida, somos das persoas que nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas de refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é forza, vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en práctica dos compromisos bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas opcións que temos que sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor, camiño diferente ao da meirande parte da sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos a tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo o baleiro. Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo, ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de sempre, polo que fan todos, polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas importantes. Por unha banda o feito de que cando unha sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo), fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser solidarios nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun mundo cheo de violencia física e verbal; non se pode aprender a ser persoa nun mundo inhumano.... xa que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que se di está en contradición co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar. Doutra banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s, senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e que nos axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se preocupan por nós, que non nos abandonan... o que fai que a pesares das dificultades e das cruces da vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El invítanos a ver a realidade con outros ollos e danos forza e alento para volver comezar de novo.

Un recomezar sempre desde a tolerancia, o respecto e o diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e asumir que os cristiáns e as cristiás somos un grupo dentro da sociedade, dentro dunha sociedade plural e democrática chamada a construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, e iso fainos caer na tentación da imposición e da intolerancia, que levan a enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima de crispación que non é bo para ninguén, e menos para as persoas que nos consideramos seguidoras de Xesús de Nazaré, que deberamos ter como compromiso facer do mundo a casa de tod@s. Parapetados na nosa verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar, e moito menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo que lles ocorría a aqueles aos que lle escribía Santiago: tod@s queremos ser “machos dominantes da manada” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os ciumes..... Hoxe é un bo día para recomezar desde a óptica de que “o froito da paz é a xustiza” e que acoller o Reino é acoller á persoa de Xesús. Se non conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa, na tensión, no enfrontamento e na división que tanto dano fan.
Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se deixaran embaucar, tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder, importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe, porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas, daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos, desposuídos, escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final. O neno é o famento, o nu, o que está no cárcere, o marxinado... O que fai grandes non é dominar, senón servir aos máis pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas e leig@s), que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas mundanas de pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos transparentar. Será un antitestemuño. Cando aprenderemos?.

Lecturas


25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO B



Primeira Lectura     Sab 2, 12. 17-20
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Condenémolo a unha morte ignominiosa

            Dixeron os malvados:
            Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo
e se opón aos nosos feitos,
botándonos na cara as transgresións da lei,
reprochándonos faltas da nosa educación.
            Examinemos se son veraces as súas razóns,
comprobemos como é o seu finar.
            Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo
e ceibarao da man dos seus inimigos.
            Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento
para constatarmos a súa mansedume
e experimentarmos a súa resistencia  ao mal!
            Condenémolo a unha morte ignominiosa,
pois, segundo el fala, terá quen o protexa!

                        Palabra do Señor       R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 53, 3-4. 5. 6 e 8
R/.  (6b):  O Señor é quen sostén a miña vida.

Oh Deus, polo teu nome sálvame,
co teu poder faime xustiza.
Oh Deus, escoita a miña súplica,
atende as miñas palabras.

Érguense contra min homes soberbios,
homes violentos buscan a miña vida,
sen teren a Deus en conta.

Mais Deus é a miña axuda,
o Señor é quen sostén a miña vida.
Ofrecereiche un sacrificios voluntario,
enxalzarei, Señor, o teu nome que é bo.


Segunda Lectura     Sant 3, 16 -- 4, 3
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
O froito da xustiza seméntase na paz para aqueles que cultivan a paz

            Irmáns benqueridos:
            Onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
            De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?
            Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.


                        Palabra do Señor       R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. 2 Tes 2, 14
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo,
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.


Evanxeo  Mc 9, 30-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home é entregado... Quen queira ser o primeiro, ha ser o servidor de todos
 
            Naquel tempo, Xesús e mais os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando os discípulos, dicíndolles:
            Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
            Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
            Chegaron a Cafarnaúm, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
            De que viñades discutindo polo camiño?
            Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou,  chamou polos Doce e díxolles:
            O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.
            Despois colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno, e díxolles:
            Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

                        Palabra do Señor                R/. Loámoste, Cristo

viernes, 14 de septiembre de 2012

Lecturas


DOMINGO XXIV DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

PRIMEIRA LECTURA Is 50, 5-9
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Ofrecínlle-lo meu lombo ós que me ferían

O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

O que defende a miña causa está cerca.
¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.
O Señor axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?


SALMO RESPONSORIAL Sal 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
R/ (9): Camiñarei á vista do Señor na terra da vida.
Ou: Aleluia

Amo ó Señor que escoita
a miña voz suplicante,
e pon cara a min o seu oído
no día en que o chamo.

Cando me envolven lazos de morte
e as redes do abismo me atrapan;
cando me atopo en apreto e aflicción,
invoco o nome do Señor:
¡Ai, Señor, sálvame a vida!

O Señor é xusto e clemente,
o noso Deus é compasivo.
O Señor garda os humildes:
na miña febleza hame socorrer.

Ti libras da morte a miña vida,
os meus ollos das bágoas,
os meus pés da caída.
Camiñarei á vista do Señor
na terra da vida.


SEGUNDA LECTURA Sant 2, 14-18
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Se a fe non fructifica en obras, está morta

Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos?
¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados
do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos",
pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o
mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

Pode dicir alguén: "ti te-la fe, eu teño os feitos". -Móstrame a túa fe sen feitos que eu
polos feitos heiche de mostra-la miña fe.


ALELUIA Gal 6, 14:
Lonxe de min gloriarme senón é na cruz do Señor,
por quen o mundo está crucificado para min e eu para o mundo


EVANXEO Mc 8, 27-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ti e-lo Cristo...É preciso que o Fillo do home padeza moito

Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño
preguntoulles:
-¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:
-¿E vós, quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías.

E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo
do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mailos
letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle.
Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:
-¡Arreda de min, Satanás, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!

E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:
-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga.
Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola
miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.


Comentario


Camiñar na presenza do Señor non é sempre doado; é máis, nunca é doado. E non o é non polas dificultades do camiño, senón pola tendencia que todos temos á comodidade, a adecuar as esixencias da fe á nosa comenencia, a facer do feito de crer un “bunker”, un coto, o noso, privado, no que nos sentimos seguros porque facemos o que queremos, o que nos gusta ou o que menos esforzo esixe... pero non o que Deus nos propón e invita a desenvolver. Cando actuamos así, e facémolo todos e moitas veces, estamos a quitarlle á fe o que ten de proposta nova e enriquecedora para a nosa vida, deixando que o insulso e o repetitivo, o de sempre, as formas, o externo, o superficial … entren na nosa vida como se fosen resposta ao que Deus nos pide. Que enganados estamos!. Camiñar na presenza do Señor é encher a vida de froitos que se volven saborosos cando poden ser degustados polos demais en forma de xustiza, colaboración, diálogo, denuncia de todo engano, participación, igualdade, e todo canto leve a descubrir que seguir a Xesús e ser cristián hoxe non é unha liga que se xoga nos grandes estadios compostos pola fermosura das nosas igrexas e das nosas imaxes, senón nos campos que están máis alá das portas das nosas igrexas, e que fan que nos atopemos con persoas que só poderán descubrir quen é e que entendemos por Deus grazas ao noso xeito de actuar, ao noso comportamento. Somos conscientes disto?.

A clave de todo canto vimos dicindo témola hoxe na carta de Santiago. Cando el escribe o texto está a correr entre os cristiáns un run-run, ao que moitos facían caso, de que non pagaba a pena ser honestos, ser responsables, ser xustos, denunciar inxustizas, esforzarse por facer ben as cousas e pensar sempre nos demais. Que o único e verdadeiro era confesar, crer en Xesús e esperar a que chegase o final para volver estar con El. E este run-run ía cada día tan a máis que moitos dos cristiáns acabaran por separar a súa vida -o que facían e como se comportaban cada día- da súa fe -do que crían e rezaban-; o que dera lugar non só a un total desconcerto entre as comunidades, senón a un afastamento da mensaxe que Xesús tanto se esforzara, e o manifestara coa súa vida, por mostrar, ensinar e vivir. De aí que Santiago se vexa na obriga de lembrarlles a aqueles cristiáns da primeira hora que se non son capaces de darlle xeito e forma en comportamento ao que rezaban e crían, todo acabaría por converterse en ermo e baldío. Algo así parece que nos está tamén a pasar hoxe a nós. Dá a impresión de que non temos claro que o que celebramos dentro dos templos e os sacramentos que recibimos se os separamos da vida acaban por converterse en simple suma de ritos e costumes, sen forza ningunha na nosa vida. E neste século XXI, os cristiáns ou saímos ás rúas, e co noso actuar mostramos que nos supón e esixe crer, ou dificilmente as xeracións máis novas poderán descubrir e entender quen foi e que fixo Xesús de Nazaré.

E a resposta volvemos atopala no Evanxeo que vimos de proclamar. Tamén a nós se nos pregunta en quen cremos e por que cremos , e temos que saber responder de xeito sinxelo e claro; pois a resposta ha ser froito da fondura e da riqueza dunha vida vivida desde o seguimento e a fidelidade á mensaxe do Reino, non só coa palabra e coas fórmulas dogmáticas, canónicas e teolóxicas; moitas das veces incomprensibles e moi afastadas da vida e dos problemas que cada día nos toca vivir, e polo tanto moi fóra do mundo dos homes e mulleres de hoxe. Que o noso confesar que El é o Mesías, saibamos expresalo non con seguridades que se escriben nos papeis pero logo non se cren, entenden nin viven, senón con actitudes, comportamentos e valores que convencidos van modulando a nosa vida e facendo de nós verdadeiras testemuñas de Cristo Resucitado.

Festividade da Santa Cruz


sábado, 8 de septiembre de 2012

Comentario


Como raiola de esperanza, tamén hoxe as palabras do profeta Isaías queren converterse en imaxe activa, creadora e gozosa dun Deus que, de xeitos múltiples e en todo momento, nos vai dando mostras da súa presenza e da súa preocupación por nós. A través dos sentidos, que nos fan tomar conciencia da realidade da que formamos parte e da necesidade que temos, no medio desa realidade, de non illarnos dos problemas e dificultades que día a día van xurdindo. Dificultades e problemas das que todos somos conscientes na mais abrir os ollos cada mañá e descubrir, que cada vez son máis as persoas, non números nin estatísticas anónimas, que van quedando nas beiras dunha sociedade que se pensou que non tiña nin límites nin fin, e que nos vai mostrando con toda a súa crueza o equivocados que estabamos. Nesta situación, as palabras do profeta lévannos a que nos esforcemos por sacar a máscara que ás veces pomos nos ollos e nos impide ver e oír o grito desesperado de tanta xente á que ata hai ben pouco nada lle faltaba, e ás que agora tódalas defensas se veñen abaixo e necesitan non voces de condena e superioridade que lles lembren os seus erros, senón mans abertas e corazóns dispostos a facer camiño xuntos para, asentados na forza da solidariedade, dar pasos que afasten do abismo da pobreza e exclusión social.

●      Santiago volve insistir no mesmo cando escribe que os preferidos de Deus, porque os outros xa se valen por si mesmos, son os pobres e necesitados. e advírtenos contra a doada e perigosa tentación de facermos distincións. Que ben lle viría á nosa Igrexa poñer en práctica esta sinxela recomendación da súa carta: “non xuntedes a fe no noso Señor Xesucristo coa acepción de persoas”. Cantas veces temos utilizado a relixión e o nome de Deus en vano para xustificar o noso facer distingos entre as persoas. Porque desgraciadamente a Igrexa institución segue, en moitas ocasións, ligada ao poder e aos poderosos, tanto na súa xerarquía coma nos seus membros leigos e relixiosos. Ou é que moitas veces non tratamos tamén nós dun xeito diferente a quen ten máis cartos, máis poder, máis estudios.... que ao resto dos nosos veciños?. E aínda máis, non nos cremos inferiores a eles?. Porén, non é este o xeito de actuar de Xesús, que foi perseguido, calumniado e crucificado por non unirse aos intereses dos poderosos , por denunciar a súa dobre moralidade, por non render acatamento nin permitir que llo rendesen a El. Ese é o camiño que nós, coma seguidores seus, queremos andar: o do servizo a prol dos empobrecidos e marxinados da terra.
  
●      Aprendamos logo a prolongar a caridade, non na palabra e nos xestos aos que se lles da publicidade, senón no servizo desinteresado e sempre entregado aos pobres e necesitados. E se ata hai ben pouco todo parecía ir tan ben que non nos poñiamos límites e construíamos unha vida sobre as areas movedizas do posuír e consumir; que agora, poñendo sempre os pes no chan, non esquezamos que sen Deus a vida convértese en sen sentido e fracaso. Que saibamos achegarnos a El con actitude de escoita para ser, tamén nós, mediación a través da que os xordos e os mudos do noso tempo; xordos e mudos de comunicación, sinxeleza, solidariedade, humildade, entrega gratuíta... descubran que ter fe non nos afasta nin illa do mundo, senón que nos compromete e achega para ser sementadores de Boa Nova en tempos recios e cheos de dificultade.

Lecturas

DOMINGO XXIII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

Primeira Lectura     Is 35, 4-7a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Abriranse os oídos dos xordos, cantará xubilosa a lingua dos mudos

            Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
            Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
            Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
            Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
            Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:
a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en mananciais de auga.

     Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1):  Loa, miña alma, ó Señor.
Ou:  Aleluia.

El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.

O Señor libra os cativos,
o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Sant 2, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Non é que Deus elixiu os pobres como herdeiros do reino?

            Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea é un supoñer un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ao pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan aos meus pés", non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
            Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 
ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 7, 31-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Fixo oír aos xordos e falar aos mudos

            Naquel tempo, Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
            Effatá (ou sexa: "ábrete").
            E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
            Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

       Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

sábado, 1 de septiembre de 2012

ORACIÓN DA SEMENTE



Ser como un gran de trigo,
pequena semente,
que garda no seu interior a posibilidade de ser pan,
para ofrecerse, sinxelo, cotián,
a todo o que o necesite.

Ti nos chamas a ser semente, Señor.
E a semente,
que está chea de vitalidade e potencial,
debe morrer a ser semente
para converterse en planta e crecer.

A túa vida amósanos
que é posible morrer para vivir.
Entregar todo para ser para os demais...
Pura ofrenda e doazón.

Ensínanos, Señor,
a entregar a nosa vida
ao servizo do Evanxeo e da vida dos outros.
Ensínanos a ser semente
para dar froitos en abundancia.

Para crecer,
unha semente necesita
terra boa e auga xenerosa.
Señor, a túa vida amósanos
que a mellor terra
é a realidade de todos os días
e as necesidades dos outros,
chámanos a plantar a nosa semente
nas situacións que vivimos,
na vida que compartimos,
na terra de hoxe, aquí e agora.

Queremos ser semente de cambio e Reino
no mundo que vivimos,
axúdanos Señor!

O teu exemplo ensínanos
que a auga verdadeira
é a que nace da Palabra,
pozo de auga viva ofrecida para todos.

Ensínanos, Señor,
a regar as nosas sementes coa túa Palabra.
Axúdanos a coñecela,
amósanos como saborear a súa mensaxe,
para que impregne a nosa existencia
e que empape noso camiñar.

Queremos ser sementes de cambio e Reino;
e necesitamos ser fecundados pola túa Palabra.
Axúdanos Señor!


Marcelo A. Murúa

Lecturas

DOMINGO XXII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

PRIMEIRA LECTURA Dt 4, 1-2. 6-8
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á palabra que vos falo... cumpride os mandamentos do Señor

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.
Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois, ¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? E ¿que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?

SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): ¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:
 que ten sinceridade no corazón
 e non calumnia coa súa lingua;

o que non lle fai mal ó veciño
e non difama ó seu próximo;
o que estima desprezable ó malvado
e apreza ós que temen ó Señor;

o que non presta con usura o seu diñeiro
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporte,
endexamais non perecerá.

 

SEGUNDA LECTURA Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Cumpride a palabra

Benqueridos irmáns e irmás:

Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas criaturas.
Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.



ALELUIA Sant 1, 18:

Libremente enxendrounos o Pai por medio da palabra da verdade
para sermos primicias da súa creación


EVANXEO Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

 Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:
 -¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
 El contestoulles:
 -¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
 Este pobo hónrame cos labios,
 pero o seu corazón está lonxe de min.
 Danme un culto inútil,
 porque a doutrina que ensinan
 non son máis que costumes humanos.
 Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
 E convocando á xente, dicíalles:
 -Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan o home.