viernes, 11 de mayo de 2012

LECTURAS

6º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B

Primeira Lectura    Feit 10, 25-26. 34-35. 44-48
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tamén entre os xentís foi derramada a graza do Espírito Santo

                Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle aos pés, prostrouse. Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
                Érguete, que eu tamén son un home.
                Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
                Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ao que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
                Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra.
                Tódolos crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro ao veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus.
                Entón Pedro dixo:
                 Pode alguén negarlle a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
                E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
R/. (cf. 2b): O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.
 Ou: Aleluia

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

0 Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.


Segunda Lectura    1 Xn 4, 7-10
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Deus é amor

                Meus amigos, amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
                O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida.
                Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Quen me ama, cumprirá a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 15, 9-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos


                 Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
                - Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor.
                Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
                Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando.
                Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer.
                Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome, volo conceda.
                Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus