NON TIREMOS AS PEDRAS QUE FOMOS DEIXANDO ATRÁS AO LONGO DA
CORESMA; APROVEITÉMOLAS PARA CONSTRUÍR A CASA, NON PARA PECHARNOS NELA
PRESCINDINDO DOS DEMAIS, SENÓN PARA ABRILA E OFRECELA A CANTOS CON NÓS SENTEN O
SEU CORAZÓN DE CARNE QUE LATEXA BUSCANDO A QUEN NECESITA SER ATOPADO E ACOLLIDO
1) ESCOITA ACTIVA
Comezamos esta festa de luz e ledicia. Facémolo invocando a
Deus para que este lume que temos prendido, e do que imos acender o cirio
pascual, sexa lume que queime todo canto na nosa vida nos impide abrir ventás
para que entre o aire novo que a renove e lle dea folgos cando se sente
esmorecer.
Queimemos neste lume todo canto nos impedía ter sede de paz,
de esperanza e misericordia na nosa vida, e que nos fai infelices e persoas
tristeiras e queixosas, sen a ledicia de recoñecer que Xesús está ao noso lado.
Botemos ao lume tódalas pedras que imos atopando en nós, e
que nos van afastando de canto Xesús nos invita a levar á práctica para ser
felices: rancor, soberbia, superioridade diante dos demais, importancia,
aparencia ...
Que todo canto hoxe imos queimar afastándoo de nós, nos faga
lixeiros para camiñar buscando facer o ben a quen nos precise; e superando
vellos medos que non nos deixan sentir que o Evanxeo é sempre ledicia e vida, e
non palabra morta.
Dispoñamos logo o corazón e o ánimo a participar ledos e con
espírito de festa nesta Vixilia de vida e resurrección.
2) LITURXIA DA LUZ
No paso da morte a
vida de Xesús estabamos tod@s presentes, os daquel tempo e os de hoxe. Neste
paso queremos manifestar que na vida, por moitas que sexan as pedras que imos
atopando, se queremos e poñemos da nosa parte gañas e esforzo, podemos superar
os momentos de pesimismo e tristura. Porque son moitos máis os momentos de
ledicia, esperanza e fraternidade, compartidos con tantos rostros amigos e
queridos, que os que nos producen escuridade e dor. Bendigamos entón este lume,
e prendamos do cirio pascual, Luz de Cristo, a chama que vaia iluminando a nosa
vida.
BENDICIÓN DO LUME
Señor:
por medio do teu Fillo Xesús,
déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume.
Neles estás Ti coma principio e orixe de todo.
Coa presenza dos membros da nosa comunidade,
queremos bendicilos +,
para que sexan verdadeiro signo
de transformación renovadora das nosas vidas,
e que a pascua que agora comeza
prenda en cada un de nós
para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome,
a tantos irmáns e irmás que agardan de nós
a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.
ACENDEMOS AS VEAS
Unhas poucas persoas
acenden as súas candeas no cirio pascual, e despois van acendendo coa súa
candea as dos demais, ata telas todas acendidas. Se hai bautizos, é neste
momento no que os pais e padriños (que xa acenderon do cirio a candea), se lles
pregunta polo nome d@ nen@ que presentan á Igrexa, e pola súa intención estando
alí. A partires dese momento, comezamos a procesión cara á Igrexa.
PROCESIÓN POLO TEMPLO
Canto: CAMIÑAREI NA PRESENZA DO SEÑOR/LUMIÑO DE LÚA CLARA
PREGÓN PASCUAL
(con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do
cirio e as das nosas candeas)
Aledémonos cantos esta noite queremos participar da festa da
resurrección!.
Gocemos da presenza entre nós de quen nos vén traer a luz!.
O que venceu a tebra e se abriu paso deixando pegada de
esperanza e vida!.
Sintámonos comunidade que, dun cabo ao outro do mundo,
se reúne gozosa, para anunciar que a tebra foi vencida,
e que a luz chegou a tod@s!.
Que gozo e que ledicia, poder dicir ben alto:
que o corazón de Deus vaise abrindo camiño
no medio dos nosos corazóns,
que a súa invisibilidade fíxose presenza
no testemuño agarimoso das xentes de ben!,
que a morte foi vencida, que a vida é celebrada,
e que o ben segue a ser posible.
É verdade que seguimos sen aprender!.
É verdade que retrucamos unha e outra vez;
que non acabamos de fiarnos,
que a palabra se nos vai pola boca,
mentres os nosos feitos non acaban de chegar.
É verdade todo iso;
pero non é menos verdade,
que Ti, Señor, segues a confiar en nós,
que unha e outra vez,
renovas o teu compromiso de amor e fidelidade buscándonos,
saíndo ao noso encontro,
e tratando de facernos ver que,
vencido o mal,
o camiño é máis doado.
Estas son as festas da Pascua,
nas que resurrección e vida
camiñan xuntas na persoa de Xesús.
Nesta noite, coma aquela vez en Exipto,
tamén Ti, Señor, te pos á fronte,
para superar atrancos e afastar neboeiras.
Está é a noite na que o mundo treme,
porque en Cristo a salvación chegou a nós.
Esta é a noite na que a ruptura de cadeas
nos abre un camiño de liberdade,
afastándonos da escravitude
que nos enfronta, domina e encarcera.
Que abraiante a presenza do teu amor en nós!.
Que incomparable a túa tenrura e xenerosidade!.
Que testemuño de fraternidade o camiño aberto
para deixar atrás o pecado que en Adán
nos converteu en limitados e débiles.
Que noite de lumieiras
na que ceo e terra se atopan
na riqueza do divino e humano!.
E así, nesta noite santa,
a ledicia volve agromar nos nosos corazóns,
a comunidade volve reunirse,
e o pasado quedou atrás,
namentres o abrente se nos vai achegando.
Que o cirio do que compartimos a luz,
sexa sempre facho de claridade
que nos afaste das nosas escuridades,
e nos faga camiñar
no que une, aleda, ilusiona e nos marca
un camiño novo no que a esperanza xa non marcha,
e Cristo resucitado faise un entre nós
e para sempre.
Resucitou, Aleluia!.
(Acéndense as luces)
3) LITURXIA DA
PALABRA
PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2.2)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
No principio creou Deus o ceo e a terra.
Despois dixo Deus:
- “Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que
mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos
réptiles todos da terra”.
E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus,
varón e femia os creou.
E bendiciunos así:
- “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea.
Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra”.
E díxolles aínda:
- “Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa
propia semente, e tódalas arbores que dan froito, coa súa propia semente, a fin
de que vos sirvan para a mantenza; ás feras todas do monte, ós paxaros do ceo e
ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza”.
E así foi.
E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.
ORACIÓN: Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes
en señor@s de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de
tod@s, onde ninguén se poida sentir estraño e desprazado. P.X.N.S. Amén.
SEGUNDA LECTURA (Xén
22, 1-8)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
Naqueles días, Deus puxo a proba a Abraham, chamándoo:
- Abraham!
El respondeu:
- Aquí estou!
Deus mandoulle:
- Colle o teu
fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah.
Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cumio dunha das montañas que eu che
mostrarei.
Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo
dous criados e mailo seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio,
púxose ao camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. Ao terceiro día
Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.
Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu
fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
Isaac
díxolle ao seu pai:
- ¡Meu pai!
El respondeu:
- Que queres,
fillo?
O rapaz dixo:
- Levamos lume e
leña; pero, onde está o año para o sacrificio?
Abraham respondeulle:
- Meu fillo, o
año Deus o proverá.
Chegados ao lugar que Deus dixera, Abraham construíu un
altar, puxo enriba del a leña, atou ao seu fillo Isaac e deitouno no altar, por
enriba da leña. Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar ao seu
fillo.
Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
- ¡Abraham!,
¡Abraham!
El respondeu:
- Aquí estou
O anxo dixo:
- Non poñas a
man no rapaz nin lle fagas mal ningún.
Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha
silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio,no posto do seu
fillo. Abraham púxolle ao lugar de nome Moria.
O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo:
- Por faceres isto e non me negares ao teu fillo, o único
que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do
ceo e as areas do mar. Todos os pobos da terra terán bendición na túa
descendencia, por me teres ti obedecido.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Pai, aquí estamos, como estivo tamén Abrahám, para
dicirche que si. Para acoller a túa invitación e poñernos en camiño. Que
saibamos devolverche coa nosa vida toda a confianza que vas poñendo en nós.Que
ela nos axude a ir sementando de luz e vida o camiño que percorremos xunto cos
nosos irm@ns. P.X.N.S. Amén.
TERCEIRA LECTURA (Ex
14,15 - 15,1)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
- “Que queixas
son esas cara a min?. Manda aos israelitas que se poñan en marcha. Ti ergue a
vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas
pasen polo medio a pé enxoito. Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que
seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus
carros e á dos seus cabaleiros. Ao mostrar a miña gloria á conta deles,
aprenderán os exipcios que eu son o Señor”.
Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor moveuno cun
vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas
partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas
facían muros á súa dereita e á súa esquerda. Os exipcios que os perseguían, a
cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e
de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. Pexou as rodas dos
carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron:
- “Fuxamos dos israelitas, pois o Señor loita por eles
contra nós”.
O Señor díxolle a Moisés:
- “Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os
exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros”.
Moisés alongou a man cara ao mar e, contra a mañá, este
volveu ao seu sitio. As augas, ao xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros
e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin
sequera un.
Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar,
mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.
Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios.
Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu
o Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír
de Exipto, é dicir, deixar atrás escravitudes que nos van atando e impedindo
ser nós mesmos e verdadeiramente felices: unhas escravitudes do efémero que van
esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros. P.X.N.S. Amén.
CUARTA LECTURA (Is
55, 1-11)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Isto di o Señor:
“ Oíde,
sedentos todos, vinde por auga!
Os que non
tedes prata, vinde,
comprade comida
e comede,
vinde e
comprade comida;
sen prata e
sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque
cambiades prata polo que non é pan
e o voso
xornal polo que non farta.
Escoitádeme
ben:
comede ben e
que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o
oído e vinde onda min,
facédeme
caso e revivirán as vosas ilusións,
pois
pactarei convosco unha alianza eterna.
Velaquí:
como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non voltan alá sen enchoupar a terra,
fecundala e
facela brotar,
para que lle
dea semente ao que sementou
e pan ao que
come,
así tamén
será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá
a min en van,
senón que
fará o que eu queira,
e conseguirá
aquilo para o que a mandei”.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Señor, aquí estamos tamén nós sedentos e famentos
de paz, de consolo, de esperanza, de silencio. Si, Señor, facemos moito
barullo, pero con el só conseguimos disimular as nosas incapacidades para
escoitarte e descubrirte no silencio de quen non ten voz para defenderse dos
que poñen por diante das persoas os papeis, as leis ou o que deciden os que
mandan e dominan. Queremos volver a Ti e deixar que a túa auga e o teu pan nos
sacien de esperanza, forza e solidariedade. P.X.N.S. Amén.
QUINTA LECTURA (Ez
36, 16-28)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Veume a palabra do Señor nestes termos:
“Fillo de Adán, cando a Casa de Israel habitaba na súa
terra,
volvérona
impura co seu comportamento e cos seus feitos.
Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue
que verteron
sobre a terra,
e polos
feitos cos que a mancharon.
Entón eu esparexinos por entre os pobos
e
dispersáronse polos países;
xulgueinos
conforme o seu comportamento
e conforme
os seus feitos.
Ao entraren nas nacións onde foron,
profanaron o
meu santo Nome.
Pero eu vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande
Nome,
profanado
entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
-é o meu
Señor quen fala-,
cando eu vos
faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.
Pois recollereivos das nacións,
xuntareivos
de tódolos países
e traereivos
á vosa terra.
Asperxirei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de todas as vosas impurezas
e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo
e poñerei
nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da
vosa carne o corazón de pedra
e poreivos
un corazón de carne.
Porei nas vosas entrañas o meu espírito
e farei que
camiñedes conforme os meus preceptos
e que
gardedes os meus mandamentos e os cumprades.
Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seredes o
meu pobo e eu serei o voso Deus”.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Que duros son moitas veces os nosos corazóns!.
Duros para chorar con quen chora, para amar a quen o necesita, para unirse a
quen está fundido e necesita de nós para erguerse, e que a dureza dos nosos
corazóns impide que abramos as nosas mans e nos fundamos nunha aperta fraternal
e sincera. P.X.N.S. Amén.
SEXTA LECTURA (Rom 6,
3-11)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS
ROMANOS
Irmáns e irmás:
Ignorades
que a cantos nos bautizaron en Cristo Xesús, bautizáronnos na súa morte?.
Enterráronnos, logo, con el polo bautismo na morte, para que, como Cristo
resucitou dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida
nova.
Pois se nos
enxertaron nel pola semellanza dunha morte coma a súa, seguro que tamén o farán
por unha resurrección semellante.
Pois habedes
saber que o noso home vello foi crucificado para destruír o corpo pecador, de
xeito que non sirvamos máis ao pecado. Porque o que morre, queda liberado do
pecado.
Se xa
morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que
Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada
contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu
vivir é un vivir para Deus.
Así tamén,
vós considerádevos mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús.
PALABRA DO SEÑOR
Canto: Canta aleluia, aleluia ao Señor
ORACION: O bautismo, Señor, incorpóranos á comunidade; pero
moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouca alegría e pola
nosa deixadez. Que esta incorporación á vida nova da graza e da esperanza na
que fomos mergullados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada
momento da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
EVANXEO (Mt 28, 1-10)
Canto: Aleluia, aleluia, aleluia: o Señor resucitou
ou Hoxe o Señor resucitou
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO
MATEU
Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana,
María Magdalena e maila outra María foron visitar o sepulcro. Entón produciuse
un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e
sentou enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma
a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles
ás mulleres:
Non teñades medo,
ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como
dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles aos seus
discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para
Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.
Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero
cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante
el.
Xesús díxolles:
Non teñades medo:
ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.
PALABRA DO SEÑOR
PALABRA ENRAIZADA
• Desde o
principio e para sempre, somos imaxe. Non nunha imaxe calquera, senón imaxe de
Deus. Isto fainos iguais uns aos outros, fai que posuamos a mesma dignidade e
lévanos a superar divisións e enfrontamentos. Sabernos referencia concreta e
presente de Deus, inda que moitas veces non o teñamos en conta ou o esquezamos,
lévanos a esforzarnos por aplicar na nosa vida as palabras de Xesús, que nos
di: “cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”.
Nesta noite de luz e auga, esperanza e vida, renovación e compromiso; tod@s nós
somos invitados a non deixar pasar esta oportunidade de renacer, de esforzarnos
por ver con outros ollos aquilo que aparentemente non cambiou, o que facemos
todos os días, o que tantas veces nos leva a preguntar se a nosa vida ten
sentido e razón de ser. Pois claro que o ten!!!!!!!!!. Canto hoxe, aquí e agora
celebramos, estánolo a demostrar.
• A afirmación,
tantas veces proclamada ao longo desta noite, de que Cristo vive, non é algo
banal ou superficial, senón afirmación central da nosa fe cristiá, que
constantemente nos lembra que a vida das persoas non esmorece e desaparece para
sempre no momento da morte, que xa non hai nada máis, que todo acabou. O que
esta noite estamos a celebrar dinos todo o contrario. E así o celebraron,
creron e viviron cantos de xeración en xeración nolo foron transmitindo. E
porque El vive e venceu a morte, tamén nós sabemos que, con El e desde El,
tamén viviremos e venceremos a morte. Como tantas veces temos cantado: a morte
non é o final do camiño; senón que desde ela seguimos cara Deus. Gocemos desta
boa nova e compartamos a ledicia de saber que a esperanza da que falamos os
cristiáns ten a súa plenitude en Cristo resucitado... E se El resucitou, tamén
nós resucitamos. Gocemos celebrando esta gran nova!!!!!!!!!!!!!!!!!!.
4) LITURXIA
BAUTISMAL
MONICIÓN
Iniciamos agora a
liturxia da auga; un ben que cando falta fai que a vida esmoreza. Neste momento
a celebración quere axudarnos a ver como algo aparentemente tan simple ten unha
forza e unha importancia fundamental na vida dos seres humanos, o que nos fai
percibila coma un don co que Deus nos agasalla, e que debemos coidar sen
estragar.
Comecemos, logo,
entoando agora as ladaíñas da resurrección que nos invitan a limpar o corazón
coa auga fresca e clara que nos trae Xesús, véndonos chamad@s a seguir o camiño
aberto por aquelas persoas ás que chamamos santas.
A) LADAÍÑAS
- Señor, ten piedade.
- Cristo, ten piedade.
- Señor, ten piedade.
- Xesús, Salvador do mundo e semente de esperanza, GRAZAS
POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa María, Nai de Deus, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Miguel, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Xosé, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Pedro, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Paulo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Francisco de Asís, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Clara, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Andrés, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Xoán, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa María Magdalena, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Simón, GRAZAS
POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Fins, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Mamede, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Adrián, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santiago, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Breixo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Mateu, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Rosendo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Froilán, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Martiño, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Ignacio, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Tareixa de Ávila, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Bieito, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Catarina de Siena, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Beato Xoán XXIII, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Nai Tareixa de Calcuta, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Óscar Romero,mártir da causa de Xesús, GRAZAS POLA FE QUE
NOS RENOVA
- Dom Helder Cámara,Bispo dos pobres, GRAZAS POLA FE QUE NOS
RENOVA
- Ghandi, Luther King e demais testemuñas de xenerosidade,
GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Tódolos homes e mulleres de ben, GRAZAS POLA FE QUE NOS
RENOVA
- Pola túa morte e resurrección, GRAZAS POLA FE QUE NOS
RENOVA
- Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, GRAZAS POLA
FE QUE NOS RENOVA
(SE hai bautizos)
- Para que o bautismo incorpore a est@ nen@ á túa
comunidade, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Para que a auga do bautismo sexa símbolo de nova vida,
GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Xesús, Fillo de Deus e amigo de tod@s, GRAZAS POLA FE QUE
NOS RENOVA
Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o
Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a
túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo
construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
B) BENDICIÓN DA AUGA
(e inmersión do cirio na pía bautismal)
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga limpa
e que calma a nosa sede de paz.
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga que
desde o comezo do mundo quixeches que calmara a nosa sede de misericordia.
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga que
enchoupou a terra e lle deu o mellor dos froitos: o amor, entregado e xeneroso
da resurrección.
Limpa Pai coa túa
auga os corazóns das persoas que hoxe celebramos con gozo a ledicia da
renovación que nos traes na resurrección do teu Fillo; e que agora nesta noite
de luz e vida, quere renovarse coa forza da oración compartida. Que esta auga
reciba, poloEspírito Santo, a graza do teu Fillo, para que aqueles que creaches
á túa imaxe e semellanza, polo bautismo, morramos ao vello e renazamos á luz
dunha nova humanidade inaugurada en Xesús .
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda
sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporados
a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.
C) RENOVACIÓN DAS
PROMESAS BAUTISMAIS
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe
celebramos cheos de esperanza e vida:
• Estades
dipost@s a loitar contra o mal que non nos deixa sentir a ledicia do Evanxeo?.
Si, estou dispost@.
• Estades
dispost@s a non caer na tentación de considerar ás persoas como descartes que
podemos facer cando non nos interesan?. Si, estou dispost@.
• Estades
dispost@s a que no voso corazón non aniñe atristura, a rutina ou unha vivencia
vergoñenta da fe?. Si, estou dispost@.
• Credes en Deus
Pai que nos creou libres e con capacidade de tomar decisións sen ser
manipulad@s?. Si, creo.
• Credes en
Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e
que hoxe nos invita a renovar a fe na resurrección?. Si, creo.
• Credes na
forza e presenza do Espírito Santo, que alenta a acción da Igrexa no medio do
mundo para encamiñarnos a unha comuñón na que sintamos que o perdón e máis a
reconciliación son medios que nos levan a gozar da resurrección que nos achega
á presenza Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa
sempre para nós a lento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
(Agora tod@ nós recibimos a aspersión coa auga bendicida,
que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)
FRATERNIDADE ORANTE
Gozosos de acoller a forza da esperanza que nos trae Xesús
resucitado, dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
- Pola Igrexa que nos invitas a construír: fraterna,
solidaria, ocupada e preocupada cos pobres, afastada do poder e da riqueza,
OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
- Polas comunidades cristiás nas que somos acollidos e desde
as que imos aprendendo canto significa dicir: paz, perdón, misericordia,
colaboración, cercanía, solidariedade, sorriso, ledicia e traballo comunitario,
OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
- Porque nesta noite de pascua volves xuntarnos para que
sintamos a ledicia dunha fe que non mira ao pasado, senón que, desde o
presente, chámanos a construír camiños de futuro onde o entendemento, a
xustiza, a liberación, a esperanza vannos axudando a descubrir o Evanxeo como
ledicia que enche e dá sentido ás nosas vidas, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
Grazas Señor, por toda a forza de renovación, esperanza e
ledicia que nos invitas a transmitir coa nosa vida. Que saibamos poñela ao
servizo de cantos senten o gozo de compartir esta experiencia comunitaria que
está noite nos reúne para celebrar a vida. PX.N.S. Amén.
5.- Liturxia da Eucaristía
OFERTORIO
Canto: Na nosa terra
SANTO
Canto: Santo
NOSO PAI
Canto: No camiño do amor
PAZ
Canto: Por riba das nosas distancias
COMUÑÓN
Canto: Gracia, Señor, graciñas
MIRADA ESPERANZADA
Quen se achegue a Xesús con fe, resucita.
Quen diga de corazón: Xesús, pacifícase.
Quen confese: Señor meu e Deus meu, renóvase.
Quen escoita a súa Palabra, ilumínase.
Quen ofrece a súa dor, redímese.
Quen parta o pan da Eucaristía, achégase.
Quen dá testemuño da súa presenza, santifícase.
Quen aprende a perdoar, divinízase.
E o que comparta os seus pans, sempre os verá multiplicados.
O que busca a verdade atoparaa, ou será pola verdade
atopado.
Quen crea beleza verá a Deus.
O que acenda a
esperanza converterase en estrela.
O que enxuga unha bágoa será anxo.
O que denuncia inxustizas será profeta.
Os que unen, pacifican e cooperan serán irmáns universais.
E o que se viste de misericordia, comprenderá a Deus.
Onde hai comunidade, alí está Deus.
Onde hai liberdade, alí está o Espírito.
Onde hai amor, alí está Deus.
E onde está Deus, hai vida.
E onde está o Espírito, hai paz.
E onde está Cristo, sempre hai fraternidade.
Nesta noite Cristo fíxose presente entre nós,
construamos entre tod@s a fraternidade que nos ensina.
DESPEDIDA
CANTO FINAL Á VIRXE: Boas noites, María