sábado, 18 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XII T. O.
(Ano C: 19 xuño 2016)

            Segue a liturxia e seguimos nós tamén neste domingo co evanxeo de Lucas. Xa desde o comezo aparécenos algo típico del, que o distingue bastante doutros evanxelistas. A Lucas gústalle recordarnos que Xesús oraba moito, que reservaba momentos importantes do seu quefacer diario para falar e conversar confiada e agarimosamente co seu paiciño Deus. Xesús dicíalle cousas ó seu Pai, consultáballas e escoitábao. Todo isto realizado co máximo agarimo e amor que pensar podemos.
            A escena ou, máis ben, o diálogo entre Xesús e os seus discípulos que hoxe nos presenta Lucas xorde así deste anterior diálogo de Xesús co seu Pai Deus na oración. Pois Lucas sitúa este diálogo nun momento en que, como el di, Xesús estaba “en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos”. Deus Pai íalle dando a coñecer así, día tras día ou noite tras noite, ó seu “fillo benquerido” quen era el (o seu Pai Deus) e de quen el mesmo, Xesús, viña sendo (como adoitamos expresarnos os galegos). O misterio desta persoa tan singular que foi Xesús, que se sentía querido dunha maneira moi especial por Deus, percibíndose a si mesmo como moi “de Deus”, é algo que supera totalmente a nosa capacidade de pensar e de imaxinar. Pois inimaxinábel debeu de ser a conciencia que foi acadando Xesús de quen era el mesmo, de cal era a súa identidade.
            Hoxe en día (quizais máis que noutras épocas) preocúpanos chegar a coñecermos quen somos, cal é a nosa propia identidade, a persoal de cada un e tamén a do país ou lugar no que nacemos ou vivimos. Algo disto lle pasaría tamén a Xesús cando, trala súa fonda e íntima conversa con seu Pai Deus, se achega ós seus discípulos para lles preguntar a eles quen era el, ou, polo menos, que é o que nun sitio ou noutro se comenta sobre el. “¿Quen di a xente que son eu?”, dinos Lucas que lles preguntou Xesús ós seus discípulos.
            Non se trata de que Xesús estivese desinformado sobre o que a xente pensaba sobre el. É só un modo, unha moi pedagóxica estratexia, de intentar comunicarlles ós seus discípulos quen é el verdadeiramente. O resultado final, tras esta especie de enquisa que realiza Xesús cos seus discípulos, é algo sen dúbida inesperado para eles e tamén, en consecuencia, para cantos nos achegamos á súa mensaxe. Pois Xesús aparecerá, unha vez máis, como algo desconcertante, como algo que non está en continuidade cos esquemas normais e habituais de pensar da xente.
            Podemos dicir, de xeito algo xeral, que os modos de pensar da xente, das culturas tradicionais ás que se dedican por exemplo os antropólogos, están moi ancoradas no pasado, en acontecementos míticos pasados ou supostos fundadores do concreto grupo social. Pensade por exemplo, no noso caso, en Breogán. Para case tódolos pobos, o bo está sempre no tempo pasado. O que hai que facer é, polo tanto, que os grandes feitos ou personaxes do pasado volvan rexurdir. Por iso, cando os discípulos lle responden a Xesús sobre o que a xente pensa sobre el, acoden sen máis ó pasado. Xesús viría sendo coma un personaxe pasado redivivo. Máis próximo, no caso de que fose un Xoán Bautista volto á vida, ou máis lonxano no caso de que fose Elías ou algún outro profeta redivivo.
            O que marca a diferenza con este modo tradicional de pensar da xente é Simón Pedro. Para algo estaba a facer desde había algún tempo, digámolo así, cursos intensivos, aínda que fose a trancas e barrancas, no coñecemento da persoa de Xesús, vivindo ó seu lado. Para Pedro, Xesús é –di el- “o Mesías de Deus”. Como vedes, Pedro apunta, referíndose ó Mesías, cara ó que vai vir, cara ó esperado, cara ó futuro, non cara ó pasado, por grandes que fosen os tempos ou os personaxes pasados. Comenteivos algunha vez, se a lembranza non me falla, o que o gran teólogo Karl Rahner, profesor que foi meu durante bastantes anos en Austria e Alemaña, dicía sobre Deus. Sostiña el que Deus é “o futuro absoluto”. É dicir, non o futuro previsíbel ou imaxinábel, senón o futuro “absoluto” sen máis, é dicir, totalmente inimaxinábel e imprevisíbel para nós.
            Pois ben, se nós confesamos que Xesús é fillo de Deus, e polo tanto imaxe e semellanza perfectísima de Deus, tamén el terá que aparecer ante nós como algo que está máis alá dos nosos pensamentos pasados ou presentes. Terá que ser el tamén, dalgún modo, futuro absoluto, inimaxinábel e tamén desconcertante. Desconcertante tamén para Pedro, quen, despois de confesar el mesmo que Xesús é “o Mesías de Deus”, intentará darlle pola súa conta algunhas leccións ou bos consellos a Xesús ante o anuncio del de que vai ter que padecer aínda moito, ata incluso ser executado polos sumos sacerdotes e letrados. Advírtese aquí que Lucas respecta e trata con consideración a Pedro, porque á diferenza do que din sobre esta escena os evanxelistas Marcos e Mateo, Lucas non comenta coma eles que Pedro tomara moi a mal o que dixera Xesús de que, a pesar de ser o Mesías, tería que sufrir e morrer de maneira escandalosa.
            O anuncio de Xesús de que despois de todo iso resucitaría non lle consolaba moito a Pedro e, por iso, “rifándolle”, teima Pedro por convencelo de que non permitise tal cousa. Porfía de Pedro que só parou cando Xesús lle recriminou que se estaba a comportar con el coma se fose “Satanás”, é dicir, como un adversario e non como un amigo.
            Xesús maniféstase, pois, ós seus apóstolos como alguén que non vai  ir agora nin nunca polos camiños do pasado aténdose dese xeito ós modos tradicionais, “politicamente correctos”, de ser e de se comportar. Xesús non foxe da dor da vida, do sufrimento e da morte, que serán consecuencia do seu modo de proclamar e defender a xustiza e a misericordia en relación sobre todo coas persoas máis discriminadas e marxinadas.
            Mais como Xesús non é, como digo, “pasado”, senón que é sobre todo “futuro”, aí está o seu anuncio da resurrección non só del senón tamén de cantos cren na súa persoa, na súa palabra. Apelando el, tal como fai noutras ocasións, a algo que ocorre xa na natureza. A semente, toda semente, é portadora de futuro. Se a semente non cae na terra e morre, non sería portadora de futuro, quedaría privada dunha vida que se renova e multiplica na nova planta e nos novos froitos. Se a semente foxe deste proceso, queda entón privada de futuro. E entón si que morre verdadeiramente e totalmente. Dínolo hoxe Xesús doutra forma: “O que queira  poñer a salvo a súa vida, perderaa; mais quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo”.
            Deámoslle, pois, grazas a Deus por nos conceder gratuitamente en Xesús un futuro que desde nós mesmos non poderiamos sequera maxinar.

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, coñecemento de ti e do teu fillo benquerido Xesús para dese modo coñecérmonos tamén a nós mesmos e o destino ó que ti nos chamas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á seguirmos animosos e agradecidos polos camiños do teu fillo Xesús que levan á vida e á resurrección.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, de espírito evanxélico para anunciarmos a tódalas persoas a boa nova de Xesús. TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro