lunes, 20 de enero de 2014

Carta Pastoral

Octavario de oración pola unidade dos cristiáns
Enero 2014
¿É que Cristo está dividido? (1Cor 1, 1-17)

Queridos diocesanos:
A Igrexa chámanos a intensificar a nosa oración pola unión de todos os cristiáns, recordándonos que o verdadeiro ecumenismo, ademais do diálogo teolóxico, afecta á vida espiritual e ao testemuño común. O texto bíblico elixido para esta Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns sinala que Cristo é o fundamento da unidade da Igrexa e nos pide desterrar canto signifique división e recuperar a harmonía pensando e sentindo o mesmo (1Cor 1,10-b). O amor por Cristo que ha de unirnos, hase de expresar nunha colaboración e serv
izo concreto, impulsando as relacións das nosas comunidades cristiás. A unidade dos cristiáns aprémanos e é inherente á credibilidade da Boa Nova que proclamamos: “A caridade de Deus cara a nós manifestouse en que o Fillo Unixénito de Deus foi enviado ao mundo polo Pai, para que, feito home, rexenerase a todo o xénero humano coa redención e o reducise á unidade" (UR,2).
Paulo na primeira carta aos corintios failles unha dura crítica pola forma en que distorsionaron o evanxeo cristián, rompendo a unidade da comunidade. Non podemos invocar o nome de Cristo para levantar muros a noso arredor, porque o seu nome crea comuñón e unidade, non divisións: “É que Cristo está dividido?”. Enraizados en Cristo, estamos chamados a dar grazas polos dons de Deus que outros fóra do noso grupo achegan á misión común da Igrexa: os dons dos demais achégannos na fe e na misión, e condúcennos cara a esa unidade pola que rezou Cristo, con respecto cara a unha auténtica diversidade de adoración e de vida. “Son tantas e tan valiosas as cousas que nos unen! E se realmente cremos na libre e xenerosa acción do Espírito, cantas cousas podemos aprender uns doutros! Non se trata só de recibir información sobre os demais para coñecelos mellor, senón de recoller o que o Espírito sementou neles como un don tamén para nós" (FRANCISCO, Evangelii Gaudium, 246).
Os elementos centrais do discipulado cristián son o bautismo e a cruz cristiá. Temos de preguntarnos se transmitimos con fidelidade a boa noticia de Cristo ou se levamos división mesmo no seu nome, baleirando a cruz do seu poder. As divisións e a desunión, non só entre as igrexas senón tamén nas nosas comunidades cristiás, distorsionan a proclamación do evanxeo e a súa credibilidade. A fe e o bautismo únennos a Cristo e fannos partícipes do don da unidade que Deus Un e Trino comunicou á súa Igrexa e que Xesús suplicou ao Pai para todos os crentes.
Temos de acoller o don da unidade na construción e vivencia da comuñón eclesial. O ecumenismo constitúe unha dimensión existencial, un estilo de vida cristiá cuxo referente inmediato e último é a vida de Xesús e a súa Mensaxe. Crecer en comuñón con Deus en Cristo, ser fieis á propia identidade eclesial e á verdade, buscar a plenitude da unidade visible da súa Igrexa por medio da oración e o diálogo fraterno é o noso compromiso. “Ás veces xorden tensións e conflitos que feren a unidade da Igrexa, pero somos nós que as provocamos. Por iso hai que fomentar sempre a comuñón en todos os ámbitos da vida para crecer na unidade que Deus nos dá, e tamén para favorecer o camiño ecuménico. E, como esta unidade non é froito de acordos humanos, senón obra do verdadeiro artífice, o Espírito Santo, habemos de pedila con perseveranza na oración” (FRANCISCO, Catequese do 25 de setembro de 2013).
Cando se iniciou o movemento ecuménico, o seu obxectivo declarado era derrubar a “medianeira divisoria” (Ef 2,14) e conducir as igrexas cara á unidade visible. Non obstante, non faltan tensións nesta inquietude na que as controversias das cuestións éticas, políticas e sociais con frecuencia encontran eco. Evidentemente o ecumenismo non pode diluír as ensinanzas doutrinais e morais, como tampouco pode conducir a un proselitismo e sincretismo. Debe seguir ofrecendo un espazo para que as igrexas afronten un diálogo sincero e consigan unha maior coherencia na preocupación de vivir a comuñón entre elas, sen ignorar as súas diferenzas. “A credibilidade do anuncio cristián sería moito maior se os cristiáns superasen as súas divisións e a Igrexa realizase «a plenitude de catolicidade que lle é propia, naqueles fillos que, incorporados a ela certamente polo Bautismo, están, non obstante, separados da súa plena comuñón». Temos que recordar sempre que somos peregrinos, e peregrinamos xuntos. Para iso hai que confiar o corazón ao compañeiro de camiño sen receos, sen desconfianzas, e mirar ante todo o que buscamos: a paz no rostro do único Deus” (Ibid., 244).
Aínda nos queda por facer moito camiño para chegar á meta. No espírito de conversión descubriremos que para Deus nada hai imposible en noso peregrinar ecuménico, superando as fatigas que nos poidan estar a paralizar e agradecendo a Deus o noso Pai que nos enviara ao seu Fillo para a nosa salvación. Cristo Jesús reconciliounos con Deus por medio da cruz. Todos os cristiáns, unidos nun só Espírito, habemos de sentirnos familia de Deus, que peregrina cara á cidadanía dos santos. Esta fraternidade vivida na Igrexa debe ser signo para toda a humanidade, na que xa ninguén é estranxeiro nin forasteiro senón concidadán do novo pobo de Deus (cf. Ef 2, 14-22).
Saúdavos con afecto e bendice no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela