O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor.
Esta celebración é sempre unha chamada a todos os cristiáns, pastores ou non,
para que dirixamos a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e
reflexionemos de que maneira estamos vivindo o compromiso adquirido no bautismo
de ser testemuñas de Xesús confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar
cotián alí onde desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e
tamén eclesiais. É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e
tomamos en serio a afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro
e a nosa esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa
mensaxe. Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que
cada día facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario.
Afirmar que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar
sempre téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a todos,
non só a aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades.
Así, tamén aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os
preside o faga con criterios evanxélicos, de servizo, de en
trega xenerosa,
humilde e sinxela..., afastados do foco do “estrellato“ no que moitas veces
teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por criticar e non actuar,
todos, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora de deixar de estar como
cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos nosos pastores se vai
afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor, como non o era Xesús,
non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e ascender na escala
eclesial como se fose un “yupi con “colariño”; todo o contrario, quen queira
ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a quen está enfermo,
consolar a quen se sente triste, defender a quen non é respectado nos seus
dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa Francisco na Misa da
consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que queiran ser pastores da
Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as alfombras vermellas, para
“cheirar como as ovellas”.
É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir,
polos que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio
sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans,
o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cantos o necesiten. Os pastores
das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das
mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os
cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan
importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón,
cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está
unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode
reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con
eles para que se fagan máis humanos, achegados e sensibles aos problemas das
súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a
seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin
a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles
a descubrir.
Os textos que
acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o camiño que debemos
seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en diferentes momentos
da historia da Igrexa perotendo sempre como guieiro ao Pastor Xesús, foron
poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio sacerdotal en actitude
de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias” das
persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo, tamén é posible facelo se
todos, pastores e comunidades, sabemos estar á altura do que a sociedade e as
persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa quedan moi atrás os tempos
dos pastores soberbios, autoritarios, mando e pensamento único, movidos pola
taxa dun servizo relixioso, prestado moitas veces de xeito rutineiro e sen
capacidade de expresar a transcendencia de relación con Deus e a paixón e o
amor pola que viven, senten e sofren aqueles aos que din servir. Porque os
pastores non poden ser nin profesionais nin funcionarios, senón servidores
dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de saber que Cristo é resposta e
a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa confianza en Deus, espertemos
do sono que nos leva a criticar, pero non a colaborar, e traballemos xuntos
para ser comunidades vivas e ledas, que testemuñan coa súa vida e o seu facer,
que seguir a Cristo paga a pena.
Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre
compañeiro para que sexamos capaces de pasar de ser comunidades de
conservación, tristes e consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as
que somos capaces de compartir a alegría de renovarnos para que a forza da
mensaxe de Xesús chegue con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores
á nosa sociedade tan de volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.