Urxe que revisemos a valoración que facemos dos bens deste mundo, e en que fundamos as grandezas da terra. Pensamos que os grandes da sociedade o son, porque teñen moitos subordinados ás súas ordes; que contan con moitos asalariados para afrontar todas as súas necesidades e até os seus caprichos. Dicimos que “grandes” son os que teñen moito poder para impor a súa vontade aos demais. Estamos equivocados: rei non é o que máis manda, senón o que máis serve; o que se preocupa do ben da comunidade ao seu cargo. Disto dános exemplo o Señor, que todo o fixo para noso ben, e en todo busca a nosa felicidade. Para facernos felices, creou dous paraísos: un terreal e outro celestial. Diríase que Deus deu ao home vocación de ceo, pero antes de levalo á felicidade celestial, regaloulle unha felicidade plena, aínda que temporal. A este proxecto de felicidade paradisíaca, non correspondeu o home, e coa súa desavinza, converteu a súa vocación de ceo, en vida de desdita, pero no ceo, hai cabida para todos. Os baleiros non caben no corazón de Deus nin as ausencias dos seus fillos son alleas aos seus divinos sentimentos. Por iso o decreto de eterna redención non se fixo esperar. Deus dispuxo que o seu Divino Fillo encarnase e restaurase o primitivo paraíso temporal, malogrado polo home. Tal restauración fíxoa realidade Xesús, fundando a Igrexa para recuperar o deteriorado paraíso do mundo. Esa foi a intencionalidade do Pai e tamén a misión do Fillo: devolverlle á sociedade o clima paradisíaco malogrado pola infidelidade do home, e dispoñelo para o futuro paraíso celestial. En efecto, a función da Igrexa é restaurar o mal causado polo pecado, e garantirlle ao home a eterna felicidade.
O plan
redentor de Cristo é ser portador de benestar para o presente, e garantía de
gloria para o futuro. A estrutura da Igrexa demóstrao palpablemente. Na súa
constitución eclesial, puxo o Señor catorce artigos doctrinais (os artigos da
fe) e un decálogo de comportamento, cuxos dez preceptos se sintetizan en amar a
Deus e amar ao próximo. O comportamento desta dobre normativa conductual
garante unha convivencia pacífica, na terra. Así debe ser a vida dos fillos da
Igrexa de Cristo. A Igrexa é católica extensivamente, porque a ela estamos
chamados todos, e é católica intensivamente, porque os seus membros deben
aceptar toda a mensaxe de Xesús e valorar todos os seus sacramentos. Nela
éntrase polo bautismo, que purifica de todo pecado e fainos Fillos de Deus, e
está chamada a crecer, porque así o ordenou o Señor aos Apóstolos: “Predicade o
Evanxeo a todas as xentes”
Con todo,
na Igrexa oficial hai bautizados que non merecen chamarse cristiáns, xa que non
viven os compromisos bautismais. Falando humorísticamente, podería dicirse
deles que “máis que bautizados son cristiáns pasados por auga”. Os que negan
algunha verdade revelada, son herexes, e os que non recoñecen a xerarquía da
Igrexa son cismáticos. Uns e outros separáronse voluntariamente da Igrexa
católica, non pertencen a ela. O cisma máis notable foi o da Igrexa oriental,
provocado polo patriarca Miguel Celurario que no ano 1054 , rompeu co Papa León
IX, ao que non recoñeceu como suprema autoridade da Igrexa.
Outras
moitas faccións separáronse da verdadeira Igrexa de Cristo. Lamentámolo, pero
non podemos miralos mal, porque aínda que equivocados, tamén eles buscan a
Deus, seguindo o ditame da súa conciencia. Compadezámolos e pidamos ao Señor
que algún día recoñezan á Igrexa católica, como a verdadeira Igrexa de Cristo,
e sobre todo, amémolos, porque o amor une máis que o raciocinio. Amémolos a
todos xa que é máis o que nos une, que o que nos separa.
Termino:
unha nai despedíase da súa filla que ía o estranxeiro, e mentres lle daba o
último abrazo, díxolle, mirando ao ceo: “filla, ves aquela estrela? Pois desde
o estranxeiro, míraa todos os días. Eu mirareina desde aquí, e que nela se
atopen as nosas miradas”.
Bonito
exemplo!
Indalecio
Gómez
Cóengo da
Catedral