sábado, 14 de junio de 2014

LECTURAS

  SOLEMNIDADE DA SANTÍSIMA TRINDADE  -  CICLO A
 
  
Primeira Lectura     Ex 34, 4b-6. 8-9
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor, o Señor Deus, compasivo e benfeitor
 
     Naqueles días, Moisés ergueuse cedo e subiu ao monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra.
     O Señor baixou na nube e presentouse alí onda Moisés, que invocaba o nome do Señor. O Señor, pasando diante del, proclamou:
     O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade.
     Moisés, ao tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:
     Se acadei graza na túa presenza, Señor, pídoche que veñas ti connosco; este é sen dúbida un pobo de dura caluga, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
R/.  (52b):  Ti es digno de gloria e loanza por sempre.

            Bendito es Ti, Señor, Deus dos nosos pais,
            bendito o teu nome, santo e glorioso.

            Bendito es Ti no templo santo da túa gloria,

            Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

            Bendito es Ti que sondas os abismos,
            e estás sentado sobre querubíns.

            Bendito es Ti no firmamento do ceo.


Segunda Lectura     2 Cor 13, 11-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A graza de Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo
 
            Irmáns:
            Estade alegres, camiñade cara á perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco.
            Saudádevos uns aos outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
            Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 3, 16-18
(https://www.youtube.com/watch?v=TQVCqze1g8Y)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus o seu Fillo para que, por El, se salve o mundo
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:
            - De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
            Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.


                                   Palabra do Señor                    R/. Loámoste, Cristo           

Comentario

  Moisés non se deixa ir, non queda quieto, senón que se move. E faino cunha dirección crara e ben determinada: camiña cara Deus. No seu fondo e pleno encontro con Deus, Moisés sentíase tocado pola súa man e pola súa presenza, por iso non ten medo, e non se deixa levar da tentación máis doada: mirar cara atrás, cara Exipto e queixarse. Para el o paso xa estaba dado, a confianza xa estaba posta en Deus, non era tempo nin de nostalxias nin de laios. Se Deus non falla, como non ían seguir confiando nel? Por iso non se deixa levar do desánimo e a tristura. Tamén nós hoxe deberiamos poñer a nosa mirada nesta actitude de Moisés, que é fondamente pedagóxica e madura. E debemos facelo así porque no momento no que todo vai ben é moi fácil dicir si, seguir o que fan todos ou deixarnos levar da retórica do que non compromete nin nos esixe nada...Pero cando as cousas se torcen, só aqueles que de verdade teñen as cousas ben asentadas –Moisés era destes- son capaces de facerlle fronte ás dificultades e problemas que se van presentando, sen deixarse levar do que fan todos, nin do abandono sen antes terse esforzado.
A isto mesmo nos invita Paulo desde este fragmento da carta que lle escribe aos corintios. Só quen entende o que significa estar alegres –que non é disimulo nin sorriso falso– é capaz de entender a Xesús e a súa proposta de vida. Unha alegría que ten que ir enchoupando canto somos e tamén o noso xeito de facer as cousas. Porque a fe non se reduce a un ascetismo moral nin tampouco a unha actitude mística de alta escola de espiritualidade. Os seguidores de Xesús estamos chamados a facer de cada paso que damos e de cada palabra que sae da nosa boca, unha experiencia de encontro cos demais; de paz ofrecida; de solidariedade compartida e de encontro sincero e fraterno con quen, coma nós, sabe recoñecer nos outros a presenza dun igual, dun coma nós, dun irmán... non polo sangue, senón pola esperanza compartida no amor con Aquel que é todo El amor.

E o broche a todo isto pono Xoán ao recoller no evanxeo que vimos de ler a síntese na que podemos resumir a mensaxe de Xesús: o amor de Deus foi total e tan grande que nin gardou para si ao seu Fillo, senón que o entregou para que se fixese un de nós; pois só así a ese amor pleno se lle podía poñer rostro. De aí que o rostro de Cristo, un coma nós, é rostro de esixencia, participación, unión na procura da xustiza ou paz de igualdade e respecto. E isto non se pode facer vida e realidade se andamos constantemente coa escopeta cargada para dispararlle a quen é distinto, a quen pensa e actúa diferente a nós, a quen non busca poder senón servizo e dispoñibilidade; a quen non mira ao pasado, senón que constrúe futuro asentándose con forza no presente de cambio e transformación. Nunha palabra: non será posible darlle rostro, vida e realidade ao proxecto de Xesús se sempre andamos xulgando, e non somos nunca capaces de escoitar nin de poñernos no lugar do outro. Iso que agora se chama intelixencia emocional. Sen ela, a salvación quédase en rito, e a fraternidade e beneficencia.