A experiencia que as persoas imos acumulando ao longo da
vida fai que aprendamos a ver as cousas con certa perspectiva; unha perspectiva
que non teñen as persoas máis novas, inda que moitas veces consideren o
contrario e pensen que saben máis e mellor que os seus maiores. Isto, que é un
feito que a pouco que reflexionemos podemos facilmente darnos conta del, fai
que moitas veces xurdan desencontros ou mesmo enfrontamentos xeracionais entre
novos e maiores. Uns desencontros nos que case sempre son os maiores os que
saen perdendo, pois se lles acusa de estar fóra da realidade, de non comprender
o que está a pasar ou de terse quedado no pasado. Porén, as palabras que hoxe
escoitabamos como primeira lectura, cuestionan este xeito de ver as cousas, á
vez que nos invitan a repensar un pouco o noso xeito de actuar e dicir. O libro
da Sabedoría lémbranos algo que non deberiamos esquecer, e que só quen ten
pasado ou coñecido situacións semellantes é capaz e entender: non está a
felicidade e o atoparse a gusto cun mesmo na acumulación de riquezas e cousas
materiais, senón en aprender a ver as cousas en perspectiva, desde todos os
ángulos posibles. Unha perspectiva así só pode dala o tempo e a capacidade de
reflexión. Non nos deixemos enganar, mocidade non é sinónimo nin de acerto nin
de dominio e coñecemento, ao contrario, porque falta experiencia, porque o
percorrido ten sido curto, necesitamos escoitar a outros que xa teñen andado;
mesmo se teñen equivocado, para así poder aprender deles. Non deixemos logo que
isto caia en saco roto.
Por iso é tan
importante ser sinceros. Sinceros con nós mesmos, e tamén sinceros cos outros.
Ocorre que moitas veces, crendo que podemos enganar os demais, non dicimos toda
a verdade, escondemos datos cando manifestamos algo, buscamos só a perspectiva
que nos beneficia e non facemos o mesmo fincapé nas cousas que poderían
clarificar as situacións inda que nós non saiamos tan beneficiados. En fin, que
moitas veces actuamos coma se foramos resabidos estando de volta de moitas
cousas, buscando unicamente sacar tallada e aproveitarse de quen vai sen
segundas intencións, con confianza ou falando as cousas con e desde a
sinceridade. Entronca isto que vimos dicindo co que acabamos de ler na carta
aos Hebreos, onde se nos di que Deus “xulga os desexos e intencións do
corazón”. De aí que teñamos que preguntarnos cales e como son as nosas
intencións cando actuamos, cando buscamos algo ou cando necesitamos dos demais.
É o noso actuar sincero e sinxelo, ou temos sempre preparada a retranca do que
queremos conseguir? Abordamos as
cuestións con limpeza e claridade, ou móvennos, moitas das veces, segundas
intencións? Á luz da palabra que hoxe
vimos de escoitar, si que poderiamos preguntarnos onde estamos, por que estamos
e que pretendemos cando actuamos. Non vaia ser que por deixarnos levar da
cobiza, ou do que nos din outros que non teñen intencións claras, acabemos nós
tamén caendo na negrura da mentira e o engano.
Seguir a Xesús
vainos pedindo cada día sinxeleza no actuar, claridade no dicir e modestia no
vivir. Sinxeleza porque aprendemos del que o noso vivir non debe levarnos nin a
crernos superiores a ninguén nin tampouco máis espelidos para enganar aos
outros; claridade á hora de manifestarnos, porque quen sabe o que quere e é
capaz de comunicarllo aos demais, vaise labrando un camiño no que xera
confianza, tanto á hora de ofrecela como de recibila dos demais, pois cando
fala e se manifesta, sábese o que quere e como o quere, sen enganar nin deixar
que o enganen. Estamos acostumados a ver aparecer entre nós persoas que, desde
intencións escuras, inda que se presenten baixo unha falsa afabilidade,
intentan enganarnos e buscar como sacar proveito para os seus interese, sexan
estes do tipo que sexan. Xesús é claro á hora de marcar cales son os vieiros
polos que debe descorrer a vida de quen está disposto a seguilo –e non
esquezamos que a fe é básica e fundamentalmente seguimento de súa persoa, non
un conxunto de imposicións ou tradicións impostas a través do tempo–. A
invitación do Evanxeo de hoxe non deixa a menor das dúbidas ao respecto.