sábado, 18 de agosto de 2012

Comentario


*        A vida de cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar, pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan. Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado momento e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos fixarnos, logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos sabios quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa vida madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir erros, a aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo ou para rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di o libro dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as columnas de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de actuar e facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo, podemos entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que nos afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un de nós somos únicos e irrepetibles.

*        Porque non somos feitos en serie nin temos que comportarnos de maneira uniforme en ningún sitio, e moito menos á hora de decidir sobre a nosa vida, podemos entender ben as palabras da carta de Paulo aos efesios. Mellor, non só entendelas, senón subscribilas, inda que teñan pasado dous mil anos desde que foron escritas. Si, porque ter tino, ser sensatos, aproveitar o tempo, non ser irreflexivos... son expresións que temos escoitado e utilizado nós mesmos moitas veces, e que poñen de manifesto o importante que é non actuar, inda que nos custe, de xeito arroutado, pois ademais de non levar a nada, acaba facéndonos sentir mal, con sensación de ternos equivocado. Nestes momentos nos que algúns se esforzan, e moito, en facernos crer que as cousas teñen que ser así e non poden ser de outro xeito, non quedándonos outra máis que a resignación, canto lle di Paulo a aqueles cristiáns de Éfeso ten para nós forza suficiente como para superar a tentación de deixarnos ir ou de escoitar os cantos de serea desesperanzados que día a día nos van chegando, para conseguir transformalos en actitudes activadoras de constancia e esforzo que nos leven a encarar o momento presente, -difícil e duro, para que negalo!-, non desde o pesimismo de que non hai outra, senón poñéndolle tino ao que escoitamos, sensatez ao que facemos e reflexión á complexa realidade na que vivimos inmersos. Se dicimos que a fe hai que rezala en comunidade e celebrala dentro dos templos; tamén dicimos que é necesario vivila no medio do mundo, no día a día cheo de contrastes e situacións ás que é necesario poñerlle os rostros de tantas persoas para as que estes momentos están a resultar difíciles e lles van provocando a exclusión e o esquecemento, como se foran simples números en estatísticas, esquecendo que son persoas, coma nós, ás que non podemos nin esquecer nin virarlle as costas. O seguimento de Xesús, as convicións de fe, maniféstanse desde o íntimo que un cre, pero móstranse no actuar con verdade e sinceridade á hora de vivir. É aí onde verdadeiramente mostramos a vontade de Deus.

*        O discurso do Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón, no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano, a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.

LECTURAS


DOMINGO XX DO TEMPO ORDINARIO

PRIMEIRA LECTURA Prov 9, 1-6
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Comede o meu pan e bebede o viño que mesturei para vós

A Sabedoría construíu a súa casa
tallou as súas sete columnas,
fixo a matanza do gando, mesturou o seu viño,
e preparou a súa mesa;
despachou as súas criadas a anuncia-lo convite
polos altos da cidade:
-"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí";
ó que carece de siso dille:
-"Vide, comede do meu pan
e bebede do viño que mesturei,
deixade a vosa inxenuidade e viviredes,
camiñade pola vía da intelixencia".


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
R/ : Gustade e vede que bo é o Señor


Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o temen.
Empobrecen os ricos, pasan fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.

Vinde, fillos; escoitade:
ensinaréivo-lo temor do Señor.
¿Quen ama a vida
e arela días de prosperidade?

Garda a túa lingua do mal,
os teus labios de falas enganosas.
Arrédate do mal e fai o ben,
busca a paz, corre tras ela.


SEGUNDA LECTURA Ef 5, 15-20
LECTURA DA CARTA DE S.PAULO ÓS EFESIOS
Comprendede cal é a vontade do Señor

Irmáns e irmás:
Mirade con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, aproveitando ben este tempo, que corren días malos. Por iso, non sexades irreflexivos;  ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.
Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor e dándolle gracias decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.


ALELUIA Xn 6, 56:
Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
permanece en min e eu nel, di o Señor


EVANXEO Xn 6, 51-58
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o
pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
Discutían entón entre eles os xudeus:
-¿Como pode este darnos a come-la súa carne?
Díxolles entón Xesús:
-Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do Fillo do Home e non bebéde-lo seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira
comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu
sangue, permanece en min e eu nel. Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo
polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non
coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para
sempre.