sábado, 27 de septiembre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXVI ORDINARIO -  CICLO A

  
Primeira Lectura     Ez 18, 25-28
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Cando o malvado se arrede da súa impiedade, salvará a súa vida

            Así fala o Señor:
            Comentades entre vós: "Non é xusto o proceder do Señor".

            Escoitade, Casa de Israel:
            Non é xusto o meu xeito de comportarme?
Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?

            Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.

            Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.

            Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.

            Palabra do Señor                      R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5. 6-7. 8-9
R/.  (6a):  Lémbrate, Señor, da túa compaixón.


Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     Flp 2, 1-11 
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Tede entre vós os mesmos sentimentos que Cristo Xesús

             Irmáns:

            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.

            El, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza  ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz.

            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que  ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.


            Palabra do Señor                                 R/. Grazas a Deus

                      

ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir

 Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas, e elas séguenme.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO    
Mt 21, 28-32
Arrepentido, foi. Os publicanos e as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
            "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.

            Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
            Quen dos dous fixo a vontade do pai?

            Respondéronlle:
            O primeiro.

            Entón díxolles Xesús:
            Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.


             Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.

 Porque son demasiadas as persoas que, confesándose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para elas un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.

 Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como temos a cara de “falar no nome de Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de “xuntémonos e ide”.


 Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.