domingo, 2 de abril de 2017

LECTIO

DOMINGO V DE CORESMA
(Ciclo A: 2 de abril de 2017)

            Xa no próximo domingo, que é Domingo de Ramos, entramos na Semana Santa. E parece que a liturxia ten présa para nos anunciar xa agora o que vai vir despois da treboada da Paixón de Xesús. Para nos dicir que sempre hai, sempre, detrás de todo e pese a todo, Resurrección.
            O evanxeo, é dicir, a boa e alegre noticia da resurrección de Lázaro é un anuncio anticipado da propia resurrección de Xesús e, consecuentemente, tamén da nosa propia resurrección. Un anuncio que os cristiáns deberiamos proclamar ós catro ventos con tódalas nosas forzas, alicerzados na graza que nos vén do Espírito de Deus.
            O relato da resurrección de Lázaro é realmente impresionante por moitas veces que un o lea ou escoite. Mais é, sobre todo unha maneira de nos facer Deus comprensíbel o porqué da Resurrección de Xesús e tamén da nosa.
     Se o pensamos ben, a resurrección de Lázaro é moi diferente da resurrección de Xesús ou da futura nosa. Por que? Porque Xesús resucita a Lázaro para unha vida que será ou sería máis ou menos coma a que tivera antes. Xesús resucita aquí a Lázaro para unha vida aínda mortal, pois o Lázaro resucitado por Xesús morrería aínda.
            A resurrección de Lázaro é así só unha pequena mostra do que será a verdadeira resurrección definitiva e para sempre. O máis importante do relato é o que nel se deixa entender e que no fondo se nos anuncia con claridade. Xesús vén falarnos nel de quen é Él de verdade, cal é o seu poder e o seu amor.
            Eu adoito comentar, co gallo de misas de defuntos ou nos cabodanos, que se se xuntan e suman estas tres “cantidades” (para dicilo dalgunha maneira), que son Deus e mailo seu poder e o seu amor, entón o resultado desta suma é igual a: resurrección.
            Vexamos por que e como, aínda que algunha destas cousas xa volas comentei algunha vez. Mais os vellos temos o costume de repetir moito as cousas. Un chisco de paciencia, pois. E, en calquera caso, algo de chuvia sobre un terreo que aínda ten algo de lentura axúdao a amolecer para que poida producir froitos abondosos.
            Pois ben, en relación con esas tres cousas (Deus, poder e amor), sobre o poder de Deus non fai falla falar moito. Nós cremos que El é o creador de todo canto existe, sen que antes houbese absolutamente nada, ningún material, que lle puidese axudar ou valer para facelo. Así o confesamos sempre ó principio do “Credo” na eucaristía: “Cremos nun só Deus, Pai todopoderoso, creador do ceo e maila terra”. Ese poder infinito de Deus é o que se manifesta dalgunha maneira no seu Fillo, cando no texto de Xoán se nos di que Xesús, ante a sepultura de Lázaro, “berrou con voz forte: Lázaro, ven para fóra!”. Con voz forte, poderosa, de quen sabe que ninguén, nada, pode escapar á súa forza, á súa omnipotencia.
            No que se refire ó amor de Deus para connosco, tampouco precisamos estendernos moito. Deus quérenos de verdade, infinitamente máis do que podemos amar nós a unha persoa neste mundo. Xesús falaba continuamente do seu Pai Deus como Pai tamén noso. Deus-Pai quérenos polo tanto verdadeiramente coma a fillos seus, coma a irmáns do seu “Fillo predilecto”. Xesús é, pola súa parte, o noso irmán maior. Quérenos, polo tanto, verdadeiramente como se queren os irmáns dunha mesma familia. Son moitas as pasaxes no Evanxeo nas que se nos fala deste amor inmenso, infinitamente delicado,  paciente e constante que Deus-Pai e o seu Fillo Xesús nos teñen.
            Agora ben, algunha vez vos falei xa tamén do que dicía o filósofo francés Gabriel Marcel. El escribiu unha vez o seguinte, que a min me gusta moito e por iso me comprace comentárllelo a outros: “amar a unha persoa é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”. Isto sabémolo ben nós. Cando de verdade queremos a unha persoa (o noso pai, nai, esposa, esposo, filla, fillo, noivo, noiva, etc.), fáisenos dificilmente aturábel, case impensábel, que esa persoa poida morrer, que vaia morrer. Amar leva consigo, pois, que a persoa querida sexa considerada por nós en certo modo como inmortal, como alguén que non pode morrer, que non debería morrer. E se, a pesar de todo ou polo que fose, morrese e nós tivésemos o poder para lle devolver a vida, fariámolo de contado. Resucitámolo e punto.
            Lembremos agora o texto da resurrección de Lázaro. Que ocorre alí? A familia de Lázaro é unha familia especialmente querida por Xesús. Xesús é moi querido tamén polos membros desta familia. Onda a sepultura de Lázaro atópanse, pois, Lázaro, que leva varios días morto, as súas dúas irmás, Xesús e maila xente que os acompañaba. Mais Xesús é o verdadeiro centro do que alí ocorre. Nel habita toda a divindade do Pai, todo o seu poder e todo o seu amor.
            Realicemos agora a operación da suma que os rapaces aprenden doadamente na casa ou no cole. Temos os tres sumandos: Deus, poder e amor. O resultado desta suma é: resurrección de Lázaro. Se “amar” é, con razón, para Gabriel
Marcel, “dicirlle a un: ti non morrerás nunca”, isto convértese necesariamente en resurrección.
            Como Deus é Deus e, polo tanto, ama e pode infinitamente, por iso fainos, faranos, vivir para sempre, máis alá do que fixo con Lázaro. O ocorrido con Lázaro foi só un sinal para nós, para o que ocorrerá para sempre despois da nosa morte. Como vai permitir Deus que morramos para sempre aqueles ós que Él de verdade quere, tendo poder como ten para nos dar vida, e para sempre?
            Se vos decatastes do que se di no relato evanxélico, o amor de Xesús a Lázaro é algo que está alí presente á maneira dunha música de fondo. As irmás mándanlle con tempo o recado a Xesús: “Señor, mira, o que amas está enfermo”. E Xoán engade aínda: “Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela e mais a Lázaro”. Xesús mesmo comunícalles ós apóstolos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Dísenos tamén que Xesús “se botou a chorar” ante a súa sepultura. A xente que estaba alí interpretou correctamente as bágoas de Xesús como un sinal do moito que o quería. “¡Ai que ver como o quería!”, comentaban os xudeus.
            Agora podemos entender ben como cando se xuntan o poder de Deus e o seu amor a nós o resultado é a incríbel nova da nosa Resurrección, moito máis marabillosa e grandiosa que a ocorrida con Lázaro.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Pidámoslle ó Pai de Xesús e Pai noso que polo seu Espírito nos dea a todos fe agradecida na resurrección de Xesús e mais na nosa, dicindo: PEDÍMOSCHO, PAI.
Todos: Pedímoscho, Pai.

Aumenta no noso corazón, Pai, a nosa fe en Ti, que resucitas os mortos.
Todos: PEDÍMOSCHO, Pai.
Robustece a nosa fe no teu poder infinito, capaz de resucitar os que xa morreron.
Todos: PEDÍMOSCHO, Pai.
Fortalece a nosa confianza no teu amor infinito, que nos quere resucitar.
Todos: PEDÍMOSCHO, Pai.      

Por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.



                                                                                                                     Manuel Cabada Castro