DOMINGO III CORESMA
(Ciclo B: 8 de marzo
2015)
O misterio
da personalidade de Xesús amósase en que sempre ou case sempre é
desconcertante. Se estamos acostumados a velo como cheo de amor e agarimo coas
persoas e coas cousas, a escena de hoxe co vergallo ou látego na man parece que
non casa ben con todo isto.
Mais dado
que de Xesús con razón temos que supoñer que debe estar ben ó tanto de quen é
seu Pai e de como é el, teremos en consecuencia que estar moi atentos cando nos
fala sobre el. Como fillo especialísimo que é do seu Pai, ese Fillo proclamado
polo Pai unha e outra vez como o “benquerido”, ten que estar moi ben informado
de como é a casa de seu Pai Deus.
Polo que
se nos di no evanxeo de hoxe, nin seu Pai é un “negociante”, nin a casa de seu
Pai é tampouco unha casa de “negocios”. Nin Deus nin a súa morada poden ter
nada que ver con ganancias, con intereses ou con cousas que se mercan
baseándose nos propios haberes ou poderes. “Non fagades da casa do meu Pai unha
casa de negocios”, bérralles Xesús ós asustados vendedores e cambistas. Na casa
de seu Pai non se está por méritos propios nin á busca de medras particulares.
A casa de seu Pai é simplemente a casa onde se vive agradecido a familiaridade
con Deus, onde se aprende fraternidade e igualdade entre todos.
Por iso,
propiamente, a casa de Deus non é casa ningunha, senón esa relación filial
fonda que se ten con El e que crea fraternidade entre todos, esteamos onde
esteamos ou fagamos o que fagamos. É verdade que no templo de Xerusalén se
practicaban ritos de sacrificios de animais, bois, ovellas, pombas, etc. e que
para iso se precisaban persoas que se ocupasen tamén destas cousas. Pero Xesús
non quere que estes materiais e estas actividades de tipo exterior acaben ó
final por afogar e distorsionar o que máis importa: o amor a Deus Pai e ós máis
necesitados. E nisto non fai Xesús máis que continuar coa denuncia que xa antes
del fixeran moitos profetas en relación cos cultos baleiros e puramente
exteriores que se realizaban no templo. Cousa que por certo, como ben sabedes,
non deixa de estar hoxe en día tamén na mente do actual papa Francisco cos seus
intentos de reforma da curia vaticana.
Naturalmente, todo isto era tamén nos tempos de Xesús un asunto
complicado e delicado, porque aquí se xogaban moitos intereses das clases dirixentes,
relixiosas e políticas. De feito, Xesús aludirá algunha vez con suficiente
claridade a este problema cando nunha determinada ocasión, tal como sabemos por
outras pasaxes dos Evanxeos, se parou a conversar tranquilamente cunha muller
afectada por problemas persoais e con dúbidas sobre se a súa fe era a
verdadeira ou non. Refírome a aquela fermosa escena na que Xesús, cansado e con
sede, lle pide de beber a unha muller samaritana que vai co seu caldeiro a
sacar auga do pozo. Naquela conversa con Xesús hai, sen dúbida, fonduras moito
maiores que as do pozo. Ela séntese sorprendida polo feito de que Xesús a
atenda con tanta delicadeza e amor, xuntándose como se xuntaban nela varios
feitos dos que cada un deles semellaba ser xa razón suficiente para non atendela
como de feito a atendería Xesús. Era unha muller (por tanto, culturalmente
discriminada), pobre, e para máis inri non xudía, pertencente ademais a outra
relixión distinta da dos xudeus. Por iso, ó longo da súa conversa, atreverase
ela a manifestarlle a Xesús as súas dúbidas sobre a propia fe, comentándolle a
Xesús: “Os nosos pais adoraron a Deus neste monte [a samaritana refírese ó
monte sagrado do seu pobo, o Garizim] e vós [é dicir, os xudeus] dicides que é
en Xerusalén onde hai que adorar...”.
É unha consulta moi importante,
porque aquí a muller estalle a preguntar en realidade a Xesús (aínda que ela
non o saiba) onde ten el (Xesús) a súa casa. Porque, claro, o templo do
verdadeiro Deus, a verdadeira casa de Deus, é tamén a casa do seu Fillo, a casa
de Xesús. E Xesús, naturalmente, terá que saber moito destas cousas.
Cal é a
resposta de Xesús a esta cuestión que, se lle preocupaba á samaritana hai vinte
séculos, continúa a ser hoxe actual nun mundo tan interrelacionado coma o noso?
A resposta que lle dá Xesús é a seguinte: “Mira, muller, nin o teu templo nin o
noso van ser dende agora en adiante a casa de Deus”. Dito coas palabras do
Evanxeo de Xoán: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte [é
dicir, o dos samaritanos] nin no de Xerusalén adoraredes ó Pai ... Chega a hora
–é xa agora- na que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e
verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai”. Como vedes, Xesús non
pretende varrer para a súa casa xudea...
A resposta
que lle dá, pois, Xesús á Samaritana é a de que a verdadeira casa de Deus é
aquela onde hai espírito e verdade. É dicir, onde queira que haxa sinceridade,
boa conciencia, humildade, amor, xustiza, rectitude de miras, etc. etc., alí
está o Pai Deus. Polo tanto, a casa de Deus é unha casa moito meirande có
templo de Xerusalén ou calquera sinagoga, mesquita, igrexa, etc. etc.
Onde está
a casa, o templo de Deus? Non onde haxa egoísmos, particularismos excluíntes,
dogmatismos e cousas semellantes. Xesús diranos incluso que todos e cada un de
nós somos os verdadeiros “templos” de Deus e que o Espírito Santo habita en
nós, se nos mantemos en comuñón con el na fe, no amor ó Pai e a tódalas
persoas. Que onde queira que nos reunamos dous ou tres no seu nome, alí esta el
no medio de nós... O verdadeiro templo de Deus son os humildes, os sinxelos, os
perseguidos, os tratados inxustamente pola sociedade. Xesús identifícase con
eles, como ben sabemos por moitas pasaxes do Evanxeo. E se Xesús está alí, con
eles, entón o Pai Deus está alí tamén con Xesús e con eles. Eles son a súa
casa.
Onde está
a casa, o templo de Deus Pai? Agora pódenos servir, unha vez máis, o P. Seixas,
falando da súa estancia na República Dominicana, antes de vir para Vigo: “Eu
procuraba facer actos un pouco rechamantes para educar. Por exemplo, nas
reunións de xente, cando viñan doutras partes, abríalles a casa parroquial para
que vivisen nela e ocupábana toda, pero había un cuarto moi importante, o
dedicado ó bispo, que era a habitación máis grande e a mellor posta. Unha vez
chamei o cociñeiro que tiña, de raza india, e mandeille preparar o cuarto do
bispo. E acórdome que entre a xente que viñera había un da cidade veciña,
Dajabón, que era moi negro, limpabotas de oficio, collino e díxenlle, aquí tes
a túa habitación: ó vela quedouse un pouco abraiado e díxenlle: Mira, este é o cuarto do bispo, que para nós
é a representación de Cristo, pero ti representas para min a Cristo máis co
bispo, porque ti representas unha raza explotada e oprimida, que é a raza de
Cristo, así que ti estarás aquí con todo o dereito. E na mesa tamén ocupou o
lugar e usou os cubertos do bispo. O cociñeiro andaba dicindo: non saio do meu
asombro...”.
Cal é a
casa do Pai Deus? Quizais saibamos agora algo máis sobre o tema. Pidámoslle,
pois, a Deus Pai, por medio de Xesús, que nos axude a darnos conta de cal é a
verdadeira casa súa e que nos bote, aínda que sexa a vergallazos, dos falsos
templos dos nosos egoísmos e intereses particulares.