sábado, 8 de noviembre de 2014

LECTURAS

XXXII Domingo: Dedicación da Basílica de Letrán - Festa


Primeira Lectura  Ez 47, 1-2. 8-9. 12
LECTURA DO PROFETA EZEQUIEL           
Vin que saía auga do templo e onde chegaba esta auga facía revivir todo o lugar
 
            Naqueles días, o anxo fíxome volver á entrada do templo, e velaí que por baixo do vestíbulo do templo saía auga cara ao nacente, pois a fachada do templo daba ao nacente e a auga baixaba polo lado dereito do templo, ao sur do altar.
            Logo fíxome saír pola porta do norte e dar a volta polo exterior ata a porta exterior, que mira ao nacente, e velaí que a auga ía correndo pola ladeira dereita.
            Entón díxome:
            - Esta auga está correndo cara á bisbarra do nacente, e baixará sobre a Arabah e entrará no mar Morto; estas augas conducidas cara ao mar, quedarán de certo saneadas.
            E todo ser vivente que rebula en calquera lugar onde vai tal río, vivirá; peixes haberaos abondo, pois estas augas chegarán alí e farán revivir todo o lugar: onde desemboque o río haberá vida.
            Á beira do río, nunha marxe e noutra medrará toda clase de árbores froiteiras: a súa follaxe non murchará, e a súa froita non acabará, senón que cada mes dará unha nova colleita, pois as augas do río son as que saen do santuario; por isto a súa froita servirá para comer, e as súas follas servirán para remedios.

         Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL   Sal 45, 2-3. 5-6. 8-9
R/. (5):   As correntes dun río alegran a cidade de Deus, a morada santa do Altísimo.

Deus é para nós refuxio e forza,
axuda certa na angustia.
Por iso non tememos, aínda que a terra trema
e os montes se derruben no fondo do mar.

As correntes dun río alegran a cidade de Deus,
a morada santa do Altísimo.
Deus está no medio dela, non a poden abalar;
Deus vai socorrela ao despuntar o día.

O Señor dos exércitos está connosco,
a nosa fortaleza é o Deus de Xacob.
Vinde e vede as obras do Señor,
os portentos que realizou na terra.



Segunda Lectura   1 Cor 3, 9c-11. 16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sodes templo de Deus
 
            Irmáns:
            Vós sodes edificio de Deus. Na medida da graza que o Señor me outorgou, coma un bo arquitecto, eu botei os alicerces, outro edificou enriba.
            Que cadaquén olle como edifica. Pois ninguén pode poñer unha cimentación distinta da que está posta, que é Xesús Cristo.
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?
            Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.

       Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   2 Cro 7, 16

Escollo e consagro este templo, di o Señor,
para que estea nel o meu nome eternamente.



EVANXEO   Xn 2, 13-22
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Dicíao referíndose ao templo do seu corpo

            Naquel tempo, estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén.   Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores sentados; vai e facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e aos que vendían as pombas, díxolles:
            - Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa de m
eu Pai unha casa de negocio.
            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".   
            Pero replicáronlle os xudeus:
            - Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            - Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            - Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.


           Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

Reflexión

- Como lles custa a algunhas persoas, quizais tamén a algúns dos que estamos hoxe aquí, deixarnos atopar; é dicir deixarnos querer e agarimar polos demais. E tanto nos custa que, ás veces, parecemos toxos bravos á hora de dar/recibir un bico, unha aperta ou unha caricia de parte de quen nos quere e deste xeito busca mostrárnolo. Por que nos custa tanto, por que escapamos das mostras de agarimo como se estas fosen malas ou trouxeran algunha enfermidade? Diante disto, o libro da Sabedoría chámanos a esforzarnos por deixarnos agarimar; pois no agarimo sinxelo e sincero sempre se fai presente a achega de Deus. El móstrase por medio das persoas, e sobre todo neses momentos cando máis as necesitamos. Aprender a ser maduros é sempre unha tarefa inacabada, porque pouco a pouco e en cada momento imos percibindo situacións, persoas ou testemuños que nos fan cambiar a perspectiva –moitas veces rutineira e chea de prexuízos– sobre as cousas e as persoas. Por iso é tan importante o que nos di esta primeira lectura: deixémonos atopar polos que nos procuran.

- Saber que os demais non son inimigos, senón irmáns, lévanos a medrar desde a perspectiva do encontro e a colaboración. E non só no que se refire ás cuestións da fe, que tamén, senón en calquera dos ámbitos da vida. Os outros enriquécenme e axúdanme, non están para facerme vida imposible nin para crearme tensións. Ben é verdade que pode haber algunhas persoas que si o fagan así; pero non debemos xulgar a todos polo que fan uns, xa que estariamos sendo inxustos cos demais. Por iso a tentación –ás veces facilmente consentida...ás veces, non sempre– de agoniarnos, de só ver problemas, de non facer esforzo ningún para tratar de ver un pouco de luz no medio das dificultades..., é o que nos leva a ese pesimismo que nada pode vencer, e que casa bastante mal co sentido cristián da vida. Para Xesús, sen negar as dificultades, estas non poden ser nunca o final do camiño de ninguén. A diferenza dos que non se confesan crentes, ou o son simplemente por rito, pero non por convicción, os cristiáns que facemos da fe pulo e do Evanxeo esperanza e loita por cambiar e mellorar, no nos deixamos levar pola tentación da agonía. Para nós sempre hai unha raiola que nos mostra un pouco de luz para seguir o camiño. Non hai situación máis triste que atopar con alguén para quen a vida é só baleiro e sensentido. Para que vivir entón, para que facer nada máis; o mellor é desaparecer. Quen ten posto os seus cimentos en Xesús non se deixa levar deste pesimismo existencial, que nunca levanta cabeza e está abocado a permanente desesperación. Cando nós falamos de esperanza estamos a referirnos a que sempre é posible cambiar, inda que só sexa un pouco as cousas; de que a realidade non pode ser sempre a mesma; de que os débiles non teñen porque ser sempre as vítimas. E iso non será posible sentilo e vivilo se non é desde o seguimento e a proposta que nos fai Xesús.

- O atoamento nunca ten bo final, tal e como acabamos de escoitar no evanxeo. Quen sempre anda ás présas nunca ten tempo para nada; pero tampouco nunca é capaz de facer nada ben porque sempre se sente inseguro, ansioso e coa sensación de non ser capaz de chegar. Por iso cando é necesario dar un paso adiante non é capaz. Porén, quen reflexiona, distribúe ben o seu tempo, sabe valorar e dar prioridade, e esfórzase por non ser arroutado, é capaz de ver a realidade desde outra perspectiva. Xesús hoxe dinos que esteamos atentos e vixiantes para non converternos en atolados, senón en seguidores seus asisados que non teñen/mos medo a afrontar retos nin a abrir camiños de diálogo e encontro con quen quere facer do mundo casa común. Non podemos mirar atrás –iso fixeron as atoladas”: abrídenos, somos nós, non nos recoñeces?”-. O noso é mirar adiante, e iso supón camiñar con actitude vixiante, que non desconfiada, para encontrarnos e facer cousas que nunca permitan que as persoas sexan menos cos cartos, a ideoloxía ou as estruturas. Vixiemos logo para non caer nesta tentación.