domingo, 26 de mayo de 2013

COMUNIDADE ABERTA



Señor Xesús, fainos unha comunidade aberta,
confiada e pacífica,
invadida polo gozo do teu Espírito Santo.

Unha comunidade entusiasta,
que saiba cantar a vida, vibrar diante da beleza,
estremecerse diante do misterio
e anunciar o Reino do amor.

Que temos a festa no corazón, inda que sentimos
a presenza da dor no noso camiño,
porque sabemos, Xesús resucitado,
que ti venciches a dor e a morte.

Que non nos acovardan as tensións
nin nos afogan os conflitos
que poidan saír entre nós,
porque contamos -na nosa debilidade-
coa forza creadora e renovadora do teu Espírito Santo.

Regala, Señor, a esta familia túa
unha grande dose de bo humor
para que saiba desdramatizar
as situacións difíciles e sorrir abertamente á vida.

Fainos expertos en desfacer nós
e romper cadeas, abrir sucos,
curar feridas e manter viva a esperanza.

E concédenos ser, humildemente,
nun mundo abatido pola tristeza,
testemuñas e profetas da verdadeira alegría.

LECTURAS


DOMINGO DA SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO C



Primeira Lectura     Prov 8, 22-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Antes de que se fixera a terra xa fora concibida a Sabedoría

            Isto di a Sabedoría de Deus:
            O Señor posuíume ao encetar a súa tarefa,
antes das súas primeiras actividades;
desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,
antes das orixes da terra.
            Aínda non había océanos abismais, cando fun xerada,
nin había mananciais de auga;
antes de que fosen afincadas as montañas,
denantes dos outeiros fun dada a luz;
aínda non fixera a terra e as campías
nin os terróns primeiros do mundo.
            Cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;
cando gravaba o cerco arredor do abismo,
cando aseguraba as nubes no alto
e daba enerxía ás fontes subterráneas,
cando lle impuxo os lindes ao mar
de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,
cando fixaba os alicerces da terra,
alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un aprendiz:
eu era o seu pracer día tras día:
            Entretíñame diante del continuamente,
recreábame no orbe da terra.
            A miña delicia é estar cos fillos dos homes.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 8, 4-5. 6-7. 8-9
R/.  (2a):  Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra!

Cando contemplo o ceo, feitura da túa man,
a lúa e as estrelas que nel dispuxeches,
que é o home, para que te lembres del,
o fillo do home, para que o veñas visitar?

Fixéchelo pouco menos ca un anxo,
coroáchelo de honor e dignidade;
décheslle mando sobre as obras das túas mans,
todo o sometiches baixo os seus pés.

Rabaños de ovellas e touros,
e mesmo os animais en liberdade,
os paxaros do ceo e os peixes do mar,
que fan carreiros polas augas.


Segunda Lectura     Rm 5, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Chegamos a Deus por medio de Cristo no amor derramado polo Espírito

            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos coa esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E non só isto, senón que nos alegramos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 16, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Todo o que ten o Pai é meu; o Espírito recibe do meu e darávolo a coñecer

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o
que ha de pasar.
            El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará.
            Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo