sábado, 5 de mayo de 2012

LECTURAS

5º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B

Primeira Lectura     Feit 9, 26-31
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Contoulles como vira o Señor no camiño

                Naqueles días, cando chegou Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade.

                Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús.

                Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.

                Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32
R/.  (26a):  Ti espertas a miña loanza na asemblea!
Ou:  Aleluia.

Cumprirei os meus votos na  presenza dos que o temen.
0s pobres comerán ata fartarse,
loarán o Señor os que o buscan
e gozarán de vida duradeira.

Lembraranse do Señor e volverán a El
tódolos confíns da terra;
axeonllaranse na súa  presenza
as familias todas dos pobos.
Prostraranse perante El os que repousan na terra,
axeonllaranse na súa  presenza os que baixan ao po.

Eu hei vivir para El,
e hao servir a miña proxenie.
Falarase do Señor á xeración vindeira,
a súa xustiza será revelada ao pobo que ha de nacer:
"Velaí a obra do Señor".


Segunda Lectura    1 Xn 3, 18-24
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Este é o seu mandamento, que creamos e amemos

                Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade. Deste xeito saberemos que vivimos conforme á verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo.
                Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.

                Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns aos outros, coma el nos mandou.

                O que cumpre cos seus mandamentos está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 15, 4a. 5b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;
quen permanece en min, dá froito abondoso.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 15, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen permanece en min e eu nel, é portador de froito abondoso

                Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

-          Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O bacelo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve aínda máis froito. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.
                Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós os bacelos.


                Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden.

                Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer.

                Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

                           Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus