27º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura
Xen 2, 18-24
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
E farán unha soa carne
O Señor Deus
pensou: Non é bo que o home estea só. Voulle facer unha axuda semellante a el.
Entón o Señor
Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e
presentoullos ao home, para ver que
nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.
O home púxolles
nomes aos animais domésticos, aos paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero non
daba cunha axuda semellante a el.
Entón infundiu o
Señor Deus un sono profundo no home e, cando este adormeceu, sacoulle unha
costela e cerrou con carne o sitio.
Da costela do
home, o Señor Deus formou unha muller e presentoulla ao home.
O home exclamou:
Agora esta é coma
min, óso dos meus ósos, carne da miña carne. Chamarase muller, porque foi
sacada do home.
Por iso o home
deixará seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e os dous farán unha
soa carne.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 127, 1-2. 3. 4-5. 6
R/. (cf. 5): Bendíganos o Señor todos os días da nosa vida.
Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.
A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.
Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.
Que vexas os fillos dos teus fillos.
Paz sobre Israel!
Segunda Lectura
Heb 2, 9-11
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O consagrante e os consagrados teñen que ser todos da mesma liñaxe
Irmáns:
Aquel que
"rebaixaron só un chisco con respecto aos anxos", Xesús, por aturar
os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito,
a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen existe todo, se
quería conducir moitos fillos á gloria, levase á perfección por medio do
sufrimento o que ía ser o primeiro dos que se salvarían; pois o consagrante e
os consagrados veñen todos da mesma raíz. Por isto non se avergonza de lles
chamar irmáns.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Xn 4, 12
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se nos amamos mutuamente, Deus está connosco,
e o seu amor chega á plenitude en nós.
Aleluia.
Evanxeo Mc 10,
2-16 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O que Deus uniu que non o separe o home
Naquel
tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle
está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
‑ Que foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
‑ Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles
Xesús:
‑ Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para
vós esa norma. Pero desde o principio da creación, creounos Deus varón e femia.
Por iso deixará o home seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e serán
os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne.
Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa na
casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
‑ O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a
primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete
adulterio.
Daquela
leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos
rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
‑ Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque
deles é o Reino de Deus. Dígovolo de
verdade: Quen non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
E
abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.
Palabra do Señor
R/. Loámoste, Cristo