sábado, 24 de noviembre de 2012

Comentario


Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei, que pecha o ano litúrxico. Xesús acepta o cualificativo de Rei cun sentido totalmente distinto ao dos romanos e xudeus. Para os romanos, rei era sinónimo de emperador ou xefe, con todos os poderes. Para os xudeus, o Mesías era o rei esperado que instauraría o reino de Israel. Porén, a realeza de Xesús responde ao proxecto de Deus sobre as persoas e a sociedade, no que o rei é defensor do pobo, o que imparte xustiza e defende os débiles.
            Por iso Xesús é rei ao longo do evanxeo, porque alimenta os pobres, cura os enfermos, practica o servizo, rexeita o dominio e a violencia, dá testemuño da verdade, implanta xustiza e entrégase ata o final pola causa do Reino. Inverte así os valores da súa sociedade... e tamén da nosa. Temos que recoñecer e aceptar, dunha vez por todas, que o Reinado de Cristo non é un reinado etéreo, senón que é unha realidade que quere conseguir a transformación radical do mundo. Cristo é un Rei Liberador, porque nos libera de todo aquilo que nos impide ser realmente persoas:
  §  Fronte ao afán consumista que nos desvela e nos impide vivir, Xesús lémbranos que os ricos xa recibiron o seu consolo, que quen pon o valor da súa vida no que posúe é un insensato. A persoa vale por si mesma, pero se se ata ás cousas que se pagan, o seu prezo serán os cartos.
  §  Fronte das estruturas que intentan reducir as persoas a un produto en serie, Xesús deixa ben claro que leis e estruturas están ao servizo da persoa e non ao contrario. O testemuño evanxélico non se dá a base dunha boa organización; o Espírito e a liberdade, non as leis, son a base da nosa actuación.
  §  Fronte aos prexuízos que destrúen a paz das persoas, Xesús non ten inconveniente en comer con publicanos e pecadores, sen facer caso das críticas “dos bos”, en falar cos samaritanos, ou cos estranxeiros e en tratar con naturalidade as mulleres.
 §  Fronte á violencia, que sementa sangue na xeografía do noso mundo, Xesús propón a liberdade daquel que é quen de romper a espiral de violencia, que nunca remata, e devolve ben por mal. A xenreira e a violencia son escravitudes das persoas.
  §  Fronte ao medo, que nos paraliza e nos converte en monicreques, Xesús propón a liberdade do amor: nin medo a Deus, porque é Pai - Nai; nin medo ás persoas, porque son irmáns e irmás. Non ter medo a nada, confiando en Deus, que dirixe a historia cara á súa plenitude.
  §  Fronte á escravitude de buscar o éxito doado, tan de moda no noso tempo, Xesús propón buscar o único éxito que paga a pena: o do Reino de Deus. Diante da posibilidade de converter pedras en pan, Xesús recorda que non só de pan vivimos, senón da Palabra de Deus.
  §  Fronte a escravitude do mal, Xesús preséntase coma o liberador que trae o Reino do ben e que nos encarga a nós, seguidores e seguidoras súas, a posibilidade de facer o ben: pecado, enfermidades, demos, soidades... de todo iso vémonos libres se entendemos que a relixión é unha proposta que dá sentido á vida.
  §  Fronte á escravitude de ver o mundo sen futuro, sen saída, nós afirmamos que Xesús xa deu comezo a un mundo novo no que non haberá loito, nin choros, nin dor.
            Xesús é o liberador soberano e universal; o seu Reino é un Reino de liberdade e vida. Nós, os seus discípulos, non podemos reducir a súa misión, a súa tarefa, a súa mensaxe, a un simple culto externo; somos responsables de espallar a Boa Nova e de traballar por facer presente o seu Reino de amor no mundo de hoxe, aquí e agora. Con frecuencia, a frase “o meu reino non é deste mundo”, que vimos de escoitar no evanxeo de hoxe, serviu para reforzar unha visión do cristianismo espiritualista, coma se fose unha relixión que non debe preocuparse polas cousas deste mundo. Moitos cristiáns pensan, de xeito erróneo, que canto máis entregado se vive á tarefa do Reino, menos deben comprometerse en asuntos sociais, económicos ou políticos. Porén, a frase que pronuncia Xesús comporta unha distancia e unha ruptura, pero non entre o relixioso e o temporal, senón entre a dominación e o servizo. O Reino de Xesús non é un reino de arbitrariedade, privilexios e dominación, senón un reino de xustiza e de servizo que estamos chamados a facer medrar no medio das persoas, das institucións, da sociedade enteira.
            A sentencia “o meu reino non é deste mundo”, non debe levarnos á despreocupación e á evasión, senón ao inconformismo. Unha igrexa preocupada por non ser deste mundo deberá estar atenta a tomar distancia dos poderes influentes e a non caer na falsa ilusión de fortalecer o reino de Cristo con diplomacia, poder, cartos... Pero, ao mesmo tempo, se quere estar no mundo, coma Xesús, deberá asumir que “onde estea a persoa sufrindo dor, inxustiza, pobreza ou violencia, alí debe estar a voz da Igrexa, a nosa voz”. Oxalá sexa así.
Remol

Lecturas


FESTIVIDADE DE CRISTO REI. 
DOMINGO XXXIV DO TEMPO ORDINARIO-CICLO B

Primeira Lectura    Dn 7, 13-14
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
O seu poder é eterno

Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.
Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.
O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 92, 1ab. 1c-2. 5
R/.  (1a):  O Señor reina vestido de maxestade.

O Señor reina, vestido de maxestade;
o Señor está vestido e cinguido de poder.

O mundo está firme e non abalará.
Consolidado está o teu asento desde sempre,
ti es desde a eternidade.

A revelación do Señor é verdadeira,
a santidade é o ornato da túa casa,
polos séculos, Señor.


Segunda Lectura     Ap 1, 5-8
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN
O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o noso Deus

            Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.
            A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.
            Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
            Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.


Evanxeo     Xn 18, 33b-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ti dis que eu son rei

            Naquel tempo, díxolle Pilato a Xesús:
            Es ti o Rei dos Xudeus?
            Xesús respondeu:
            Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
            Pilato replicou:
            E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
            Xesús contestoulle:
            O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
            Díxolle entón Pilato:
            Logo ti es Rei?
            Xesús respondeu:
            Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo        

sábado, 17 de noviembre de 2012

Comentario


O texto do profeta Daniel que escoitamos como primeira lectura, ben poderiamos dicir que foi escrito para o noso tempo ou mesmo, no noso tempo. O tempo de angustia e dificultade do que fala, ben se parece a este momento, tamén cheo de angustia e dificultade. A pesar diso, hai unha invitación a non deixarse levar do desencanto e da desesperanza que sempre supoñen estas situacións. Se nos deixaramos ir, pouco sentido tería que fixeramos afirmación de Deus, ou confesaramos a fe nel, pois Deus é o contrario do derrotismo e do sen sentido. Desde Deus, o destino de ninguén - e pensemos ben sobre esta afirmación - nunca está escrito nin formulado de antemán. El créanos libres e con capacidade de tomar decisións. Unhas veces estas serán acertadas, outras equivocadas; as veces serán inxustas e levarannos a poñernos contra del e dos demais; noutras moitas veces a xustiza da decisión supoñerá levar felicidade e realización persoal para nós e os irmáns. O gran reto dos seres humanos é facer da liberdade a columna desde a que maduremos, crezamos e non renunciemos a ser nunca nós mesmos, máis alá dos problemas, dificultades ou presións que sobre nós poidamos ter. É esa a liberdade, froito da experiencia que nos fai sabios e capaces de testemuñar coa vida a grandeza do ser humano que, confiando en Deus, non se pecha en si mesmo, senón que se abre, man tendida e aberta, a recoller e acompañar os irmáns/ás que van quedando no camiño.
  
 No Deus que nos creou libres sentímonos protexidos, queridos e agarimados, por iso tantas veces damos grazas por non estar sós. É verdade que na sociedade do efémero, do aquí e xa, do presentismo que perde a paciencia e cústalle dicir mañá e futuro, sentir á beira de cada un a presenza de Deus; o Deus que se axuda das mediacións de persoas e situacións para dicir aquí estou..., moitos non son capaces de entender que El é agarimo, compaña, palabra, silencio, compromiso ou protección. A protección que non deixa que os medos e as inseguridades, inda que estean, nos dominen e impidan que aflore e se manifeste nas decisións e accións a liberdade. Nós, que si o temos experimentado como presenza na vida, e en moitas das situacións que temos vivido, si que podemos entender por que dicimos: protéxeme que me refuxio en ti. E podemos facelo porque só quen entende a Deus como amor e dando amor, non pode imaxinalo senón á carón e sempre a prol daqueles que máis quere: os seus fillos/as.

Por iso, os cristiáns seguimos pensando que detrás da tebra sempre acaba saíndo o sol; que detrás das dificultades poden ir aparecendo pequenas esperanzas, que na medida que se van unindo ás dos demais, acaban conformando a esperanza que se converte en salvación e plenitude. A esperanza do Deus amor que se manifesta na súa totalidade en Xesús, de quen aprendemos e desde o que somos invitados a ir e anunciar, coa palabra e coa vida, que Deus é amor, que salva e non se deixa derrotar por moitas que sexan as dificultades e os problemas. Para un crente, e isto aprendémolo de Xesús, sempre hai unha raiola de esperanza que o fai confiar en que é posible saír do foxo, por moi grande que sexa, porque a esperanza está nel e na confianza que nos dá. El, o Fillo de Home, ofrécenos a experiencia de ter vencido escuridades e tribulacións. Mesmo na dificultade seguiu confiando en Deus. Esta é a chamada que nos fai: confianza. E a confianza en Deus fai que atopemos as mans solidarias dos irmáns, nos que Deus se vai facendo presente.
Remol

Lecturas


XXXIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura         Dn 12, 1-3
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
Naquel tempo será salvado o meu pobo

            Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo.
            Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: todos os que se atopen inscritos no libro.
            Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna.
            Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza aos demais serán coma as estrelas por toda a eternidade.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 15, 5 e 8. 9-10. 11
R/.  (1):  Gárdame, Señor, que en ti busco agarimo.

Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.


Segunda Lectura     Heb 10, 11-14. 18
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que el santifica

            Irmáns:
            Todo sacerdote ten que estar decote a celebrar lo culto e ofrecer un tras outro os mesmos sacrificios, aínda que estes non poidan endexamais quitar os pecados.
            En troques, este sacerdote, logo que ofreceu un único sacrificio polos pecados, sentou para sempre á dereita de Deus e, deste xeito, non lle queda máis que agardar a que Deus faga os seus inimigos estrado para os seus pés.
            Cunha única ofrenda deixou para sempre perfectos os que santifica.
            Ora, se hai perdón dos pecados, xa non pode haber sacrificios polos pecados.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Lc 21, 36
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Vixiade, orando permanentemente,
para que poidades estar de pé ante o Fillo do Home.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 13, 24-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Congregou os seus elixidos de todos os puntos da terra

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumar,  as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do Home sobre as nubes con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
            Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e mais a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
            En canto ao día e mais a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo       

domingo, 11 de noviembre de 2012

Reflexión


A CARA: DÚAS MULLERES
O libro dos Reis narra a historia do profeta Elías e a viúva pobre que pensando que chega ao fin a súa existencia, prepárase para terminar as súas mínimas provisións e morrer despois, xunto co seu fillo. Se en calquera cultura ser viúva é símbolo de soidade e de baleiro, no momento histórico no que se nos presenta a viúva de Sarepta, ser viúva debía ser... como para morrer. Quizá non se podía atopar unha persoa menos persoa que unha muller viúva. Pois ben, onda ela chegou Elías e con ela fixo o milagre, un milagre arrincado pola fe cega e a xenerosidade sen límites daquela muller. Elías pediulle de comer e ela entregoulle, sen reservarse nada, todo o que tiña, fiada na promesa daquel home a quen non coñecía de nada, pero que lle falaba no nome de Deus. E o Deus de Israel velou para que a tina da fariña non se acabara e o aceite na aceiteira non minguara. Toda a forza de Deus aparece posta ao servizo dunha muller pobre, débil, abandonada e ignorada.

A outra muller que protagoniza o evanxeo é tamén pobre e insignificante. Non sabemos nin tan sequera o seu nome. Tamén era viúva. Tamén tiña unha situación difícil. Fronte dela pasan os ricos, botando abundantemente no peto do templo. De súpeto, dous céntimos tintinaron cun son especial. Era o donativo da viúva que, ao botalos alí, quedaba sen nada. Aquela muller, símbolo de persoa desamparada e débil, é insignificante para todos agás para Deus. Os ricos daban unha maior cantidade de cartos, pero a súa vida seguía igual, non o notaban, porque daban o que lles sobraba. Sentíanse seguros. Pola contra, a viúva deu do que necesitaba; e quedou sen algo do que precisaba para comer. Por mor da súa esmola, a súa vida cambiou. É esta xenerosidade a que destaca Xesús.

Dúas mulleres que merecen, na Escritura, honras dunha primeira páxina a toda cor. Dúas mulleres pouco decorativas, posiblemente engurradas, envellecidas, agoniadas por tantos e tantos problemas. Dúas mulleres que atravesaron o tempo para chegar ata nós e golpearnos co seu exemplo dunha relixiosidade auténtica. Non importa que non saibamos o seu nome nin a cor dos seus ollos. O verdadeiramente interesante é que esas dúas mulleres foron, por un momento, protagonistas dunha historia vivida con Deus e cumpriron perfectamente o seu papel nela. Ter fe, esperar contra toda esperanza, tirarse esperando caer nas mans seguras de Deus. Dar todo, ata quedar sen nada. E canto máis entreguemos, máis grande será a recompensa. Que insensatos somos, que malos negociantes... non nos damos de conta que o pouco que entregamos hásenos devolver centuplicado, revalorizado.

A CRUZ: OS LETRADOS
Na cruz da moeda atopamos a descualificación dos ricos... de relixión. Si, porque no evanxeo Xesús denuncia aos letrados xudeus. Eles son os especialistas da lei. Séntense orgullosos e satisfeitos dos seus coñecementos e das súas prácticas relixiosas, encántalles ser recoñecidos e reverenciados, reservándolles as primeiras filas. Porén, Xesús advírtenos “coidadiño con eles”, coidado con aquelas persoas que, onte e hoxe, utilizan a súa posición “relixiosa” para impoñer, para figurar, para obter beneficios, para explotar aos irmáns ou ás irmás, para medrar ou para encher petos e bandullos esquecendo o principal: o amor a Deus e ao próximo. Xesús denuncia a súa ostentación e a súa soberbia. Reacciona contra o seu proceder inxusto, enganando aos máis débiles con pretextos piadosos. El toma partido a favor dos sinxelos, dos que precisan axuda. E nós, que somos a súa Igrexa, tamén facemos nosa a opción de Xesús polos pobres?.

E NÓS... ONDE ESTAMOS?
Aquelas mulleres, que nada tiñan, dan unha lección do moito que se pode facer desde a sinxeleza e a grandeza humana. Para servir aos demais, para poñernos ao seu lado, para facer real o esforzo por poñernos no lugar do outro, non é necesario nin ter moitos bens materiais, nin tampouco facer doazóns ás entidades que traballan cos empobrecidos, e que os medios de comunicación se encargan de amplificar. Non. Nada diso é necesario. Bástanos con tomar en serio as persoas e ter a grandeza de compartir o pouco ou moito que temos. Sen facer barullo, sen querer chupar cámara por facelo, sen converter a crueza da pobreza e a dor que vai deixando detrás nunha nova que enche páxinas de xornais e consume minutos de pantalla nas televisións. A viúva deu o que tiña, e iso fíxoa grande aos ollos de Xesús, porque non buscou que se fixaran nela, senón que puxo todo o seu corazón para facer chegar toda a súa grandeza, -e iso foi o realmente importante-, a quen puidera necesitala. O pouco, cando se comparte desde a humildade e co corazón é moito. O moito, cando se busca que todos o saiban, acaba sendo soberbia e orgullo, que non engrandece, senón que converte a quen o fai en miserable. E iso nin naquel momento nin tampouco hoxe, o quere Xesús.

sábado, 10 de noviembre de 2012

Lecturas


XXXII  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     1 Re 17, 10-16
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
A viúva fixo un pequeno pan coa pouca fariña que tiña e deullo a Elías

            Naqueles días, foi o profeta Elías á Sarepta e, ao entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle:
            "Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber".
            Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle:
            "Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
            Ela díxolle:
            "Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na artesa unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
            Díxolle Elías o texbita:
            "Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel:
            A talla de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará,
            ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
            Foi ela facer o que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, sen que se acabase a fariña da talla nin minguará o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Heb 9, 24-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Cristo sacrificouse dunha vez para sempre para quitar os pecados de moitos

            Irmáns:
            Cristo non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no propio ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero agora manifestouse dunha vez para sempre, no derradeiro período da historia, para acabar co pecado polo sacrificio de si mesmo.
            Como o destino de todo home é morrer só unha vez e, a continuación da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, despois que se ofrendou para quitar os pecados, aparecerase por segunda vez, agora sen relación co pecado, para salvar os que o están agardando con ansia.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito,
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 12, 38-44
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Esta pobre viúva deu máis ca todos

            Naquel tempo, Xesús ensinaba á xente dicíndolles:
            Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
            Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou os seus discípulos, é díxolles:
            Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

sábado, 3 de noviembre de 2012

Lecturas


XXXI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B


Primeira Lectura     Dt 6, 2-6
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Escoita, Israel: amarás o Señor de todo corazón

            Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
            Respecta o Señor, o teu Deus, gardando todos os seus preceptos e os seus mandamentos, os que eu che prescribo hoxe, ti e o teu fillo e mais o teu neto, todos os días da túa vida, para que se alonguen os teus días.            
            Escoita, Israel, e ten coidado de obedecer para que sexas feliz e te multipliques moito, pois tal como cho falou o Señor, Deus dos teus pais, aquela é unha terra que deita leite e mel.
            Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con toda a túa forza. As palabras estas, que eu che prescribo hoxe, quedarán gravadas no teu corazón.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
R/.  (2):  Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.

Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.

Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.

Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá ao rei grandes vitorias
e mostra misericordia ao seu unxido.


Segunda Lectura     Heb 7, 23-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre

            Irmáns:
            Foron moitísimos os sacerdotes do primeiro Testamento, porque a morte non os deixaba ser duradeiros; pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre.
            Por iso pode levar á plenitude da salvación para sempre aos que por El se achegan a Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
            Pois era xustamente deste xeito o sacerdote que nos cumpría: santo, sen ruindade e sen pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta có mesmo ceo.
            Non necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e logo polos do pobo, como os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez para sempre, ofrecéndose a si mesmo.
            En síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote o Fillo que logrou a salvación plena para sempre.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 12, 28b-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón

            Naquel tempo, acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
            Cal é o primeiro de todos os mandamentos?
            Respondeu Xesús:
            O primeiro é: "Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza". O segundo é este: "Amarás o teu próximo coma a ti mesmo". Non hai mandamento máis importante ca estes.
            O letrado replicou:
            Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrifi­cios.
            Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
             Non estás lonxe do Reino de Deus.
            E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo      

viernes, 2 de noviembre de 2012

Comentario

A diferenza do que di Mateo (22, 34-40), este letrado non se presenta con ánimo de disputa, senón para facer a Xesús unha auténtica pregunta. Nas escolas rabínicas distinguíase entre mandamento "graves" (ou de peso) e "leves". Por outra parte, contábanse ata 248 preceptos positivos e 365 prohibicións legais. Así que estaba perfectamente xustificado que os rabinos investigasen cal de todos estes mandamentos era realmente importante, cal era o primeiro e principal e como o resumo de todos.

Xesús responde citando ao pé da letra a pasaxe do Dt 6, 4 s (cfr. primeira lectura), pero engade inmediatamente o mandamento do amor aos demais, que no A.T. áchase noutro contexto (Lv 19, 18). Para Xesús ámbolos dous mandamentos son como un só: "Non" hai "mandamento maior que estes". E é que non se pode amar a Deus sen amar aos demais (cfr. 1 Jn 4, 20). Neste mandamento do amor fúndase a única piedade verdadeira.
Así o recoñece o letrado que lle fixo a pregunta, por iso subliña que cumprir este mandamento vale máis que "tódolos holocaustos e sacrificios". Os xudeus non pretendían, claro está, unha relixión sen esixencias morais e vían que entre o mandamento primeiro do amor a Deus e o precepto de amar aos demais existía unha conexión necesaria. Mesmo entendían que o amor aos demais fose como un resumo da Lei; así, por exemplo, atribúese ao rabino Hillel esta sentenza: “Non fagas ao outro o que non desexas para ti. Isto é toda a Lei. O resto é interpretación”. Con todo, non estaba claro nas escolas rabínicas quen debía ser tratado como demais (cfr. Lc 10, 29-37) e, en xeral, crían que os demais eran soamente o paisano, pero non o estranxeiro. Por outra parte, a conexión entre os deberes relixiosos para con Deus e as obrigas morais para cos demais entendíase ás veces dun modo moi extrínseco: a "xustiza" consistía sobre todo no cumprimento das prescricións cultuais e o amor aos demais quedaba reducido á esmola, en caso de conflito prevalecía o culto á atención das necesidades dos demais (na parábola do bo samaritano os sacerdotes e levitas pasan de longo porque temían contraer unha impureza ritual, tocando ao que pensaban cadáver, que lles inhabilitaría para dar culto a Deus).

Xesús reúne ámbolos dous mandamentos nun só mandamento do amor, de sorte, que o verdadeiro culto non pode separarse xa da atención ás necesidades alleas. Ademais ensina que os demais son calquera necesitado que encontremos no noso camiño. Nesta mesma liña, Santiago afirmará rotundamente que "a relixión pura e incualificable aos ollos de Deus" é coidar dos demais nas súas necesidades (Sant 1, 27).

jueves, 1 de noviembre de 2012

Solemnidade de Tódolos Santos


A solemnidade de Tódolos Santos comezou a celebrarse en torno ao ano 800. É unha celebración que resume e concentra nun día todo o santoral do ano, pero que principalmente recorda aos santos anónimos sen fornela nin imaxe recoñecible nos retablos. Son innumerables as testemuñas fieis do Evanxeo, os seguidores das Benaventuranzas. Hoxe celebramos aos que souberon facerse pobres no espírito, aos sufridos, aos pacíficos, aos defensores da xustiza, aos perseguidos, aos misericordiosos, aos limpos de corazón.

Quen son eses santos? Son esa multitude innumerable de homes e mulleres, de toda raza, idade e condición, que se desviviron, polos demais, que venceron o egoísmo, que perdoaron sempre. Santos son os que fixeron da súa vida unha epifanía dos valores transcendentes; por iso os que buscan a Deus encóntrano con facilidade humanizado nos santos.

Parece que é Bernanos o que escribiu o seguinte: Perdín a infancia e non a podo reconquistar senón por medio da santidade". Que é, pois, a santidade? A santidade é a totalidade do espírito das Benaventuranzas, que se len no evanxeo da Misa. A totalidade é pobreza, mansedume, xustiza, pureza, paz, misericordia. É apertura e doazón que teñen como símbolo a confianza dun neno.
Santidade é ter conciencia efectiva de ser fillo de Deus. Este sentido de filiación debe ser acrecentado a través da purificación interior e así alcanzar a meta plena da nosa conformación con Deus.

Santidade é pluralidade. Cada un debe seguir a Cristo dende a súa propia circunstancia e talante; dende a súa nación, raza e lingua, nos días felices e cando a tribulación arranca bágoas do corazón; na soidade do claustro ou na vértixe da cidade; na boa e na mala saúde.

Alcanzar a santidade é descubrir o espírito de loanza e paz que debe animar toda a existencia. Buscar o bo sempre. Defender a teoloxía da bendición no medio de tantas maldicións.

A santidade é unha aventura, un risco que paga a pena correr. A transformación do mundo fixérona fundamentalmente os santos co seu testemuño de vida coherente que desbarata as rivalidades e crea a nova fraternidade. "No camiño cara a Cristo todos somos condiscípulos, compañeiros da viaxe á santidade".