sábado, 17 de noviembre de 2012

Comentario


O texto do profeta Daniel que escoitamos como primeira lectura, ben poderiamos dicir que foi escrito para o noso tempo ou mesmo, no noso tempo. O tempo de angustia e dificultade do que fala, ben se parece a este momento, tamén cheo de angustia e dificultade. A pesar diso, hai unha invitación a non deixarse levar do desencanto e da desesperanza que sempre supoñen estas situacións. Se nos deixaramos ir, pouco sentido tería que fixeramos afirmación de Deus, ou confesaramos a fe nel, pois Deus é o contrario do derrotismo e do sen sentido. Desde Deus, o destino de ninguén - e pensemos ben sobre esta afirmación - nunca está escrito nin formulado de antemán. El créanos libres e con capacidade de tomar decisións. Unhas veces estas serán acertadas, outras equivocadas; as veces serán inxustas e levarannos a poñernos contra del e dos demais; noutras moitas veces a xustiza da decisión supoñerá levar felicidade e realización persoal para nós e os irmáns. O gran reto dos seres humanos é facer da liberdade a columna desde a que maduremos, crezamos e non renunciemos a ser nunca nós mesmos, máis alá dos problemas, dificultades ou presións que sobre nós poidamos ter. É esa a liberdade, froito da experiencia que nos fai sabios e capaces de testemuñar coa vida a grandeza do ser humano que, confiando en Deus, non se pecha en si mesmo, senón que se abre, man tendida e aberta, a recoller e acompañar os irmáns/ás que van quedando no camiño.
  
 No Deus que nos creou libres sentímonos protexidos, queridos e agarimados, por iso tantas veces damos grazas por non estar sós. É verdade que na sociedade do efémero, do aquí e xa, do presentismo que perde a paciencia e cústalle dicir mañá e futuro, sentir á beira de cada un a presenza de Deus; o Deus que se axuda das mediacións de persoas e situacións para dicir aquí estou..., moitos non son capaces de entender que El é agarimo, compaña, palabra, silencio, compromiso ou protección. A protección que non deixa que os medos e as inseguridades, inda que estean, nos dominen e impidan que aflore e se manifeste nas decisións e accións a liberdade. Nós, que si o temos experimentado como presenza na vida, e en moitas das situacións que temos vivido, si que podemos entender por que dicimos: protéxeme que me refuxio en ti. E podemos facelo porque só quen entende a Deus como amor e dando amor, non pode imaxinalo senón á carón e sempre a prol daqueles que máis quere: os seus fillos/as.

Por iso, os cristiáns seguimos pensando que detrás da tebra sempre acaba saíndo o sol; que detrás das dificultades poden ir aparecendo pequenas esperanzas, que na medida que se van unindo ás dos demais, acaban conformando a esperanza que se converte en salvación e plenitude. A esperanza do Deus amor que se manifesta na súa totalidade en Xesús, de quen aprendemos e desde o que somos invitados a ir e anunciar, coa palabra e coa vida, que Deus é amor, que salva e non se deixa derrotar por moitas que sexan as dificultades e os problemas. Para un crente, e isto aprendémolo de Xesús, sempre hai unha raiola de esperanza que o fai confiar en que é posible saír do foxo, por moi grande que sexa, porque a esperanza está nel e na confianza que nos dá. El, o Fillo de Home, ofrécenos a experiencia de ter vencido escuridades e tribulacións. Mesmo na dificultade seguiu confiando en Deus. Esta é a chamada que nos fai: confianza. E a confianza en Deus fai que atopemos as mans solidarias dos irmáns, nos que Deus se vai facendo presente.
Remol

No hay comentarios:

Publicar un comentario