lunes, 9 de diciembre de 2013

LECTURAS

INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
Solemnidade  -  Día 8 de decembro



Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller
 
     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     Onde estás?
     El respondeulle:
     Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.



Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.



Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo
 

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
             Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.



                        Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

CON MARÍA


Con María, bendicímoste e loámoste, Pai,
porque nela fixécheste:
Boa Nova para todos,
luz da alba que abre camiños ao Sol,
estrela da mañá que anuncia o Día,
libro aberto que acolle e aluma a Palabra,
muller e nai da Vida.

Con María, Pai de todos:
alegrámonos da túa presenza entre nós,
compartimos o gozo de sentirnos nas túas mans,
anunciamos a túa fidelidade
e proclamamos a túa misericordia.

Con María, Pai bo:
anúnciasnos o teu proxecto de xustiza e salvación,
encamiñas os nosos pasos polas pegadas de Xesús,
reúnesnos na fermosa casa do teu Reino,
iluminas a esperanza e anticipas o futuro.

Con María, Deus e Pai:
recoñecémoste pequeno nos sinxelos,
sabemos que es misteriosamente débil;
sentimos a túa tenrura e proximidade,
humanamente non te vemos,
comprendemos un pouco o teu Misterio
e abóndanos saber
que nos levas na palma das túas mans

Con María, noso Pai, dicímosche:
Estamos aquí; glorificámoste, loámoste
e dámosche grazas desde o máis íntimo de nós;
actúa en nós segundo a túa Palabra,
Que queres que fagamos?
Ti es o Deus que nos salva;
Como será todo isto?
Somos os teus fillos e desde sempre

convivirnos como irmáns na túa única casa.