XXXIV DOMINGO:
SOLEMNIDADE DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO,
REI DO UNIVERSO Ciclo A
Primeira Lectura
Ez 34, 11-12. 15-17
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Vós sodes o meu rabaño, eu xulgo entre ovella e ovella
Así fala o
Señor:
‑ Velaí, eu
en persoa virei
seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas.
O mesmo
que mira o pastor polos años,
o día en que el se atopa diante do rabaño dispersado,
así eu vou mirar polas miñas reses,
e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios
por onde se espallaron un día de nubes e escuridade.
Eu mesmo
apacentarei o meu rabaño,
e eu en persoa fareino acougar
‑é o meu Señor, quen fala ‑.
Buscarei a
ovella perdida,
farei volver a extraviada,
vendarei a que ten a pata partida,
fortalecerei a feble,
pero farei que perezan a gorda e a forte.
Apacentarei o meu rabaño conforme a xustiza.
Oíde vós,
meu rabaño! Así fala o meu Señor:
‑ Vede, eu vou xulgar entre ovella e ovella,
entre carneiros e castróns.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 22, 1-2a. 2b-3. 5. 6
R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;
Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.
O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.
Segunda Lectura 1
Cor 15, 20-26. 28
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Entregaralle o Reino a Deus Pai, para que Deus sexa todo en
todo
Irmáns:
Cristo
resucitou dos mortos, como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un
home entrou a morte, tamén por un home chegou a resurrección dos mortos.
Igual que
todos morren por Adán, así tamén revivirán todos por Cristo. Pero cada un no
seu momento: primeiro, Cristo; logo, no Día da súa chegada, os que sexan de
Cristo; despois será a fin, cando lle entregue o Reino a Deus Pai, unha vez
destruído todo Principado, toda Potestade e toda Dominación.
Porque é
necesario que El reine ata que poña a todos os seus inimigos por debaixo dos
seus pés. A morte será o derradeiro inimigo destruído.
E cando
lle teña todo sometido, entón tamén o propio Fillo se someterá a quen lle
someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo.
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mc 11, 9.
10
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.
Evanxeo Mt 25,
31-46
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Sentará sobre o trono da súa gloria e separará uns dos
outros
Naquel
tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: Cando veña o Fillo do Home na súa
gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del
xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as
ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita, e as cabras á súa
esquerda.
Entón dirá
o Rei aos da súa dereita:
‑ Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado
para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame, e déstesme de
comer; tiven sede, e déstesme de beber; fun forasteiro, e acolléstesme;
estiven en coiro, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e
viñéstesme ver.
Entón
preguntaranlle os xustos:
‑ Señor, cando te vimos famento e che demos de comer, ou sedento
e che demos de beber? Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou en coiro e
te vestimos? Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?
O Rei
contestaralles:
‑ Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes irmáns meus
máis pequenos, fixéstelo comigo.
E diralles
logo aos da súa esquerda:
‑ Arredade de min, malditos, ide para o lume eterno, preparado para o
Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer;
tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro, e non me acollestes;
estiven en coiro, e non me vestistes; enfermo e na cadea, e non me visitastes.
Entón
tamén eles lle preguntarán:
‑ Señor, cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en
coiro, enfermo ou na cadea, e non che acudimos?
El
responderalles:
‑ Dígovolo de verdade: Canto deixastes de facerlle a un destes máis
pequenos, deixastes de mo facer a min.
Estes irán
ao castigo eterno, e os xustos á vida eterna.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo