domingo, 7 de mayo de 2017

LECTIO

DOMINGO IV DE PASCUA
(Ciclo A: 7 de maio 2017)

As lecturas da Eucaristía teñen desta vez un ton marcadamente bucólico, aínda que ó tempo moi esixente. Oímos nelas falar de pastores e pegureiros, do bo pastor, do curral das ovellas, das ovellas extraviadas. Fálasenos de que Xesús é o bo pastor, de que coñece as súas ovellas e de que elas o coñecen a él. Nos tempos de Xesús era unha estampa habitual da súa terra e da súa cultura popular e.
Tamén nos meus tempos de rapaz as ovellas facían aínda acto de presenza na miña aldea natal do interior da provincia de Pontevedra, cando as botabamos pola mañá para pastar ou volvían á tardiña para a casa dos seu respectivos donos. E nisto das ovellas Galicia e Galilea, máis alá da semellanza dos nomes, teñen bastante que ver. Dentro de Galicia, especialmente a nosa provincia de Pontevedra. Por algo será que, se mirades nalgún buscador electrónico, dirásevos que onde máis apelidos “Ovelleiro” hai é xustamente na provincia de Pontevedra e con bastante diferenza respecto das outras provincias galegas. Os “ovelleiros” eran as persoas que tiñan ou gardaban ovellas ou as levaban a pastar. Hoxe, se non o apelido, este oficio está reducido á mínima expresión. Pois ben, Xesús fálanos de que El é o bo pastor: “Eu son o bo pastor. Coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min”. A comparanza non ten nada que ver con submisións ou calquera xénero de sometemento servil das ovellas ó seu pastor. Hai nesta relación, máis ben, unha corrente igualitaria de coñecemento, igualdade e confianza mutuas. Por iso o pastor coñece as súas ovellas e as ovellas coñéceno a El. Podemos dicir que o  rabaño e o seu pastor forman un todo de mutua confianza, onde non resulta imaxinable rabaño sen pastor nin pastor sen rabaño. Entre as ovellas e o seu pastor, entre nós e Xesús flúe así unha mesma vida, a vida que procede del e do noso común Pai Deus.
Onde isto non é así, non pode haber vida. Por iso fálanos Xesús de que Él non só é o bo pastor, senón que incluso é a porta mesma pola que entran e saen do curral as ovellas. “Eu son o camiño”, proclamara xa Xesús. E, ó dicir isto, vén el indicarnos que nas nosas relacións tanto con Deus Pai coma cos demais non valen supostos atallos que estean á marxe de Xesús e do que el significa. Todo o evanxeo, a boa nova de Deus á humanidade, non fai senón anunciar ó mundo que non hai salvación fóra do amor, fóra do coñecemento e aprecio mutuos, fóra da estima e da defensa da vida  En son a Vida, proclamara Xesús.
Os que empregan outros sistemas ou outras estratexias para se faceren donos das ovellas, non entrando no curral pola porta (que é Xesús e todo o que isto significa), eses son (e deberían selo tamén para nós) “ladróns” e “bandidos”. Se as ovellas non escoitan nin seguen a tales pastores, tampouco deberiamos facelo nós.
Os cristiáns deberiamos ser, pois, persoas que nos esforcemos pola defensa da vida de todos. Coma o bo pastor que quere as súas ovellas e que as defenderá sempre contra calquera inimigo que intente roubalas ou matalas. Coma o pastor que non se aproveita das ovellas para o seu propio interese e que é capaz de correr calquera risco en beneficio delas. Que non é violento cos outros, aínda que o sexan con el. Na carta de Pedro da segunda Lectura dinos Pedro, neste sentido, como debería ser un bo pastor: “Cristo –dinos el- deixounos un exemplo para que sigamos os seu pasos. Él, que non fixo pecado, nin engano se atopou na súa boca, cando o aldraxaban non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza”.
Manténdonos na comparanza utilizada por Xesús do rabaño e do pastor, Xesús opón ben claramente os que proceden mal ós que se comportan ben: os “matóns” opóñense ós defensores da vida. “O ladrón –dinos Xesús- non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan abonda”.
Para que teñan vida e abonda!! Estamos en tempo litúrxico de lembranza e conmemoración da Resurrección de Xesús. O Xesús resucitado é o que nos dá vida aquí e tamén alén da nosa morte temporal. É bo pastor nesta vida e tamén o será na outra.
Como cristiáns, como seguidores de Xesús, temos que especializarnos, pois, en sermos favorecedores da vida e radicalmente contrarios a toda mentalidade ou modo de obrar que dunha ou doutra forma conduza á morte ou ó asoballamento dos demais. Veñen ben aquí as palabras do papa Francisco na súa encíclica “A alegría do evanxeo”, que tanto teñen que ver coa imaxe do “bo pastor”. “A comunidade evanxelizadora –dinos Francisco- métese con obras e xestos na vida cotiá dos demais, achica distancias, abáixase ata a humillación se é necesario e asume a vida humana, tocando a carne sufrinte de Cristo no pobo. Os evanxelizadores teñen así ‘olor a ovella’ e estas escoitan a súa voz”. Para Francisco “olor a ovella” vén ser o mesmo có que el chama tamén “olor a evanxeo”. E neste sentido advírtenos aínda: “Prefiro unha Igrexa accidentada, ferida e manchada por saír á rúa ca unha Igrexa enferma por encerrarse en si mesma e pola comodidade de aferrarse ás propias seguridades”.
Sermos, pois, “bos pastores” ou “boas pastoras”. Este é o encargo de Xesús. E digo expresamente “pastora”, porque hoxe (primeiro domingo de maio) celebramos o día da Nai e as virtudes do oficio e do bo comportamento pastoril acáenlle moi ben ás nosas nais, entregadas ós seu fillos e defensoras das súas vidas. En homenaxe a todas elas, remato xa léndovos unhas liñas do noso escritor Xosé Neira Vilas (do que eu fun bo e agradecido amigo hasta que hai pouco se nos foi). Levan como título  “Lembranza” e son estas:
O mencer eras ti. Poñías claridade nas xanelas, música nos gonzos de cada porta, lume de billardo ou garabullos na lareira. O lene plo plo dos teus zocos era como un reloxo dicíndonos que o eixe terráqueo deu outra volta e roe sen acougo nas dentoiras da vida. Ti eras a man que botaba nos presebes o verde arrecendo do prado. Eras a forza do sangue bulindo nas arterias do fogar. Eras a campá que nos chamaba, a tenra voz resoando máis aca das arañeiras do sono para nos dicir que inda viviamos. Nai-raiola, Alborada nosa. Lembranza que renace cada mañá ó longo do tempo”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu propio fillo Xesús para nos ensinar o camiño da vida, dirixímosche a nosas oracións, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Dános, Pai, corazóns de bo pastor, para sermos bos, compasivos e misericordiosos con todos, irmáns nosos.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a sabermos apreciar o don da vida que nos deches, para así podelo respectar e fomentar nos demais.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concede, Pai, á túa Igrexa ímpeto pastoral para saír de si mesma na busca das persoas necesitadas da túa palabra, que é Xesús, Vida e Porta de salvación.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso. AMÉN.


Manuel Cabada Castro