XXXI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B
Primeira Lectura
Dt 6, 2-6
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Escoita, Israel: amarás o Señor de todo corazón
Faloulle
Moisés ao pobo e díxolle:
‑ Respecta o Señor, o teu Deus, gardando todos os seus preceptos e os
seus mandamentos, os que eu che prescribo hoxe, ti e o teu fillo e mais
o teu neto, todos os días da túa vida, para que se alonguen os teus días.
Escoita,
Israel, e ten coidado de obedecer para que sexas feliz e te multipliques moito,
pois tal como cho falou o Señor, Deus dos teus pais, aquela é unha terra que
deita leite e mel.
Escoita,
Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo
o teu corazón, con toda a túa alma e con toda a túa forza. As palabras estas,
que eu che prescribo hoxe, quedarán gravadas no teu corazón.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
R/. (2): Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.
Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.
Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.
Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá ao rei grandes vitorias
e mostra misericordia ao seu unxido.
Segunda Lectura
Heb 7, 23-28
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para sempre
Irmáns:
Foron
moitísimos os sacerdotes do primeiro Testamento, porque a morte non os deixaba
ser duradeiros; pero este ten un sacerdocio imperecedoiro, xa que dura para
sempre.
Por iso
pode levar á plenitude da salvación para sempre aos que por El se achegan a
Deus, xa que en todo momento vive para interceder por eles.
Pois era
xustamente deste xeito o sacerdote que nos cumpría: santo, sen ruindade e sen
pecado, separado dos pecadores e levantado a unha gloria máis alta có mesmo
ceo.
Non
necesita ofrecer sacrificios cada día, en primeiro lugar polos seus pecados e
logo polos do pobo, como os outros Sumos Sacerdotes; pois isto fíxoo dunha vez
para sempre, ofrecéndose a si mesmo.
En
síntese, a Lei constitúe Sumos Sacerdotes a homes débiles, mentres que o
xuramento que vén despois da Lei constitúe Sumo Sacerdote o Fillo que logrou a
salvación plena para sempre.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.
Evanxeo Mc 12,
28b-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón
Naquel
tempo, acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:
‑ Cal é o primeiro de todos os mandamentos?
Respondeu
Xesús:
‑ O primeiro é: "Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único
Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma,
con toda a túa mente e con toda a túa forza". O segundo é este:
"Amarás o teu próximo coma a ti mesmo". Non hai mandamento máis
importante ca estes.
O letrado
replicou:
‑ Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que é único e non hai outro
fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a
forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os
holocaustos e sacrificios.
Xesús,
vendo que respondera con moito tino, díxolle:
‑ Non estás
lonxe do Reino de Deus.
E ninguén
se atreveu a facerlle máis preguntas.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo