sábado, 27 de octubre de 2012

Lecturas


XXX  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO B
 
Primeira Lectura    Xer 31, 7- 9
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei cegos e coxos

             Así fala o Señor:
            Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
            "Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
            Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
            Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
            Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar aos regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
            Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/.  (3):  O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Heb 5, 1-6
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec

            Irmáns:
            Todo Sumo Sacerdote, escollido de entre os homes, constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
            É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os perdidos, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
            Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos do pobo coma polos seus.
            Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como o foi  Aharón.
            Do mesmo xeito, tampouco Cristo procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
            "Ti es o meu Fillo,
hoxe xereite Eu".
            Entendido conforme o que di noutro sitio:
            "Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec".

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 46-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Mestre, que vexa!

            Naquel tempo,  ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño.
            Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:
              Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
            Moitos reprendíano para facelo calar, pero el gritaba aínda máis alto:
            Fillo de David, ten piedade de min!
             Xesús detívose e dixo:
            Chamade por el.
            Chaman entón polo cego e dinlle:
              Veña, érguete, que te chama!
            El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
            Que queres que che faga?
            O cego respondeulle:
             Mestre, que volva ver.
            Xesús díxolle:
            Vai; a túa fe salvoute.
            E no intre comezou a ver, e seguíao polo camiño.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo