XXXII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura 2
Mac 7, 1-2. 9-14
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS MACABEOS
O rei do mundo hanos resucitar para unha vida eterna
Naqueles
días, aconteceu que meteron na cadea a sete irmáns e a súa nai, e o rei mandou
que os azoutasen con trallas e vergas para facer que, en contra do que era
lexítimo, comesen carne de porco.
Un deles,
o primeiro, falou no nome de todos, e dixo:
‑ Que máis vas preguntar? Que outra cousa queres saber de nós? Estamos
dispostos a morrer antes que quebrantar as leis dos nosos maiores.
O segundo,
cando xa estaba nas últimas, dixo:
‑ Ti, criminal, quítasnos a vida presente, pero o rei do universo hanos
resucitar para unha vida eterna a cantos morremos pola súa Lei.
Despois
deron en meterse co terceiro. Mandáronlle botar fóra a lingua e fíxoo de
contado; estendeu as mans todo decidido e dixo con valentía:
‑ De Deus recibín estes membros, e pola súa Lei os entrego; espero
recibilos del novamente.
O rei e os
que estaban xunto del quedaron abraiados polo valor do rapaz, que non tiña medo
aos tormentos.
Cando este
morreu, torturaron o cuarto de xeito semellante; e cando estaba xa para morrer,
dixo:
‑ Paga a pena que os homes maten a un, cando se espera que Deus nos vai
resucitar. Pero ti non has resucitar para a vida.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 16, 1. 5-6. 8b e 15
R/. (15b): Ao espertar, saciareime da túa presenza,
Señor.
Entende, Señor, a causa xusta,
atende ao meu clamor;
escoita a miña pregaria
de labios sen engano.
Guía polas túas pisadas os meus pasos,
para que non tremelen os meus pés.
Eu chamo por ti, meu Deus, respóndeme;
inclínate cara a min, escoita a miña voz.
Escóndeme á sombra das túas ás.
Mais eu, pola miña inocencia,
contemplarei o teu rostro;
ó espertar, saciareime da túa presenza.
Segunda Lectura 2
Tes 2, 16 -- 3, 5
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S. PAULO AOS
TESALONICENSES
Deus vos confirme en toda palabra e obra boa
Irmáns:
O mesmo
Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu
gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza, vos conforte e vos afinque en
toda obra e palabra boa.
Polo
demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se
acolla con honor como pasou entre vós, e deste xeito nos vexamos libres da
xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos. Pero o Señor é fiel
e afincaravos e protexeravos do Ruín.
Tocante a
vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer
canto vos temos mandado.
Que o
Señor encamiñe os vosos corazóns ao amor de Deus e á paciente espera do Cristo.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Ap 1, 5a.
6b
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo é primoxénito dos mortos;
a El a gloria e o poder por sempre eternamente.
Evanxeo Lc 20,
27-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deus non é Deus de mortos, senón de vivos
Naquel
tempo, chegaron algúns saduceos ‑eses que
negan que haxa resurrección ‑ e
preguntáronlle a Xesús:
‑ Mestre, Moisés deixou escrito: "Se lle morre a alguén o seu
irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar
descendencia". Pois dunha vez había
sete irmáns. O primeiro casou, e morreu sen fillos. Despois casou con ela o
segundo; e logo o terceiro; e así os sete foron casando coa viúva, morrendo
tamén sen deixar fillos. Ao cabo, morreu
tamén a muller. Ora, cando resuciten,
de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús
contestoulles:
‑ Neste
mundo os homes e mais as mulleres casan entre eles. Pero os que sexan dignos da
vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin
elas, pois non poden morrer. Son coma anxos, e son fillos de Deus por naceren
na resurrección.
E que
resucitan os mortos, ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor, no
episodio da silveira: O Deus de Abrahán, o Deus de Isaac e o Deus de
Xacob. E Deus non é un Deus de mortos,
senón de vivos, para El todos están vivos.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo