DOMINGO XXV ORDINARIO
- CICLO A
Primeira Lectura
Is 55, 6-9
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Os meus plans non son os vosos plans
Buscade o
Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
Que o
malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva ao Señor
para que teña misericordia del,
que se volva ao noso
Deus
que tanto engrandece
ao perdoar!
Pois si,
os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
‑ é o Señor quen fala ‑.
Canto máis
altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros cós vosos vieiros.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 144, 2-3. 8-9. 17-18
R/. (18a): O Señor está cerca dos que o chaman.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
Grande é o Señor e digno de loanza,
a súa grandeza é insondable.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.
Segunda Lectura
Flp 1, 20c-24. 27a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
A miña vida é Cristo
Irmáns:
Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga
vivindo como que morra.
Porque
para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia.
Ora, como
vivir neste mundo me permite traballar
con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería
morrer para estar con Cristo, pois é moitísimo mellor. Con todo, por mor de
vós, cómpre que eu fique neste mundo.
Unha cousa
só: mirade de vos comportar conforme ao
Evanxeo de Cristo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Feit
16, 14b
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Abre, Señor, o noso corazón,
para que comprendamos as palabras do teu Fillo.
Aleluia.
Evanxeo Mt 20,
1-16a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
Naquel
tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
- O Reino
dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar
xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos
á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza.
E díxolles:
‑ Ide vós tamén á miña viña, e
dareivos o xusto.
Eles
foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda
volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
‑ Pero, que facedes aquí, todo o día
sen traballar?
Eles
responderon:
‑ É que ninguén nos contratou.
El díxolles
entón:
‑ Ide vós tamén á miña viña.
Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña
ao administrador:
‑ Chama os xornaleiros e págalles o
xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
Chegan os
da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros
coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao
recibilo, murmuraban contra o propietario:
‑ Eses, os derradeiros, traballaron
unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza
do día.
Pero el
replicoulle a un deles:
‑ Amigo, non che fago ningunha
inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se
quero darlle ao último igual ca a ti,
non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo
que eu sexa bo?
Así, dese mesmo xeito, os últimos
serán os primeiros.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo