El médico y delegado diocesano de Pastoral de la Salud
valora la puesta en marcha de la iniciativa telefónica 'Xuntos na mesma barca'"A
delegación de Pastoral de Saúde, en colaboración con Cáritas Diocesana, está
pensando en ampliar este servizo de escoita e acompañamento a outras situacións
de vulnerabilidade"
En que consiste a iniciativa “Xuntos na mesma barca”?
A idea xurdiu falando con Ana García-Heras, unha das
responsables da atención relixiosa no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol,
que me dicía: Claro, vémonos nunha situación complexa porque hai pacientes
illados, plantas que son difíciles de visitar porque non é conveniente que haxa
moita xente circulando por aí, e por iso puxemos os nosos teléfonos a
disposición, a ver se alguén nos chama.
Pois ben, a raíz diso propuxemos estender esta iniciativa a
nivel diocesano, a través dos teléfonos de todos os capeláns, persoas idóneas e
outra xente responsable dos servizos relixiosos nos hospitais, e orientada
tanto aos pacientes de COVID-19 como aos familiares, persoal sanitario e, por
suposto, sen esquecernos das persoas que están a pasar por outras enfermidades
ou doenzas, que de maneira indirecta tamén se ven afectados por esta soidade ou
falta de acompañamento.
O nome parte dunha das últimas mensaxes do papa Francisco...
Si, da bendición Urbi et Orbi extraordinaria do 27 de marzo
con motivo desta pandemia. Foi extraordinaria de dous xeitos: en primeiro
lugar, porque foi pronunciada nunha Praza de San Pedro baleira de persoas pero
chea de almas con fe e confiadas; en segundo lugar, pola situación que estamos
a vivir, onde temos que estar xuntos na mesma barca e a todos nos compete
traballar, remar e colaborar para sacala a flote, sempre con ese patrón e ese
guía que nos dá confianza como é Xesús, por suposto.
E como está a funcionar ata o momento este servizo de
acompañamento telefónico?
Pois estamos recibindo chamadas de enfermos de coronavirus,
doutros pacientes ingresados e de familiares que utilizan tamén ao capelán ou
persoa idónea como intermediario para facer chegar unha mensaxe, un recado ou
unhas palabras de acompañamento. Logo tamén, por suposto, ese apoio que sempre
dan os capeláns de forma directa e presencial tamén o están facendo a través da
vía telefónica. O feito de saber como están, o poder contactar coa familia que
non puido visitar a ese paciente, tranquilizalos, apoialos e tamén poñerse á
súa disposición en calquera cousa que poidan facer a nivel hospitalario, como
algún tipo de xestión que poida facilitarlles a estancia.
Todo isto afonda na liña que se está a seguir este ano na
Pastoral da Saúde co lema “Acompañar na soidade”, do que xa falamos hai uns
meses con motivo da Xornada Mundial do Enfermo
E tanto que si. Providencialmente, a situación fainos vivir
de fondo esta soidade da que falamos na campaña. Esa soidade dos nosos anciáns
ou a de outra moita xente, que agora coa pandemia, o confinamento e a
restricción das relacións sociais tamén nos toca experimentar a todos nós. Isto
fainos reflexionar sobre a importancia das relacións e da interdependencia que
temos uns de outros, e fainos mirar cara aqueles que durante a maior parte do
ano e a maior parte do día viven sos, sen visitas nin apoios externos de
maneira regular.
E por iso pensades estender o proxecto “Xuntos na mesma
barca” a todos estes casos máis habituais e cotiáns, que non por iso deixan de
ser graves e complexos
A inciativa xurdiu no ámbito hospitalario e perihospitalario
con esa vocación de escoita, para pacientes, familiares e traballadores dos
centros que necesitan desafogar, falar, contar calquera cousa… Ás veces non é
tanto dar un consello como ter esa capacidade de escoitar, acoller e recoller
iso que nos contan para canalizalo e que sirva de terapia. Por todo iso, a
delegación de Pastoral de Saúde en colaboración con Cáritas Diocesana está
pensando en ampliar este servizo de escoita e acompañamento a outras situacións
de vulnerabilidade, co noso rural e os nosos anciáns no punto de mira desta
iniciativa.
Fará falta xente capacitada para levar a cabo esta tarefa,
que non é doada...
Necesitamos voluntarios, por suposto, e desde aquí xa
aproveito para facer unha chamada a aquela xente que se sinta un pouco con esa
vocación de axudar. Aínda así, so coa boa vontade non chega, polo que tamén
estamos pensando en realizar algún tipo de formación para saber como axudar a
quen se atopa nesta situación de soidade. Xa digo, isto é un proxecto que está
aínda xermolando e pretendemos que o froito saia adiante. Un froito sobre todo
a nivel espiritual, é dicir, que poida paliar esa soidade existencial na que se
ve metida moita xente sen pretendelo.
Falando de cuestións existenciais, que ensinanzas podemos
sacar desta situación de pandemia que estamos a vivir?
O primeiro, que se nos pon de manifesto a nosa fraxilidade e
vulnerabilidade. Pensamos que estabamos por riba de todo, e agora faise patente
a nosa insignificancia dentro do conxunto da creación. Vemos tamén que esa
vulnerabilidade afecta máis a certos colectivos da nosa sociedade, como todos
os anciáns que lamentablemente faleceron a causa do virus. Isto lévanos tamén á
ausencia de condolencias por estas mortes, algo do que me falaba algún
sacerdote estes días: “Unha das cousas máis duras que vivín na miña vida é esa
despedida dun defunto na que soamente hai dúas ou tres persoas da familia, sen
a posibilidade dun abrazo para conmoverse xuntos e acompañarse”. Isto fainos
ver o valor máis que simbólico destes xestos e ritos de despedida. Outra ensinanza
que sacamos de esta situación é o saber enfrontarnos ao medo. Podemos quedarnos
paralizados, retroceder, escapar ou, o que sería máis acertado, camiñar cara
adiante con moita cautela, esperanza e solidaridade, como fan todos os
colectivos que están traballando e colaborando na primeira liña estas últimas
semanas. Dicía Sigmund Freud que a ciencia moderna non ten producido nunca un
medicamento tranquilizador tan eficaz como unhas poucas palabras bondadosas, e
por iso hai que facer patente o noso agradecemento e acompañamento a todas
estas persoas.
Tamén é importante, por suposto, lembrarnos dos que se
foron, de todas as persoas que morreron, que non son so cifras, senón nomes e
rostros. Hai que facerlles un dó san e agradecerlles as súas vidas. E, como
estamos en tempo de Pascua, isto obriganos a comezar unha nova vida, a
resucitar de novo. Como dicía Xesús, “voltar a Galilea”, regresar ás nosas
casas para facer algo distinto: valorar o importante fronte ao accesorio, ser
conscientes da interdependecia que temos uns de outros, da situación dos máis
fráxiles e da responsabilidade que temos coa nosa saúde e a dos demais. Todos
estamos comprometidos nisto. E, xa para rematar, gustaríame facer un
paralelismo con todo o que se está a falar sobre a incidencia do COVID-19, en
relación aos pacientes que collen a enfermidade pero son asintomáticos. Eu
quero trasladalo á vida cristiá e á vida en xeral para que non sexamos
cristiáns asintomáticos. Que coa alegría do Evanxeo sexamos capaces de
transmitir esperanza e de transmitir ese compromiso e amor á vida, amando aos
demais e sentíndose amado polos demais.