domingo, 12 de mayo de 2013

Reflexión


Hoxe é a festa da Ascensión. Nesta celebración quéresenos invitar aos crentes a tomar conciencia de que a vivencia da fe non pode ser doutro xeito máis que asentándose no mundo. Só quen é capaz de entender que a plenitude en Deus pasa pola plenitude e o compromiso coas causas xustas que moven as persoas, conseguirá entender por que, no tramo final do tempo de Pascua, celebramos a festa da Ascensión. Si, tamén nós aspiramos a entrar en diálogo e comuñón con Deus; tamén nós sabemos que o sentido final de canto facemos, rezamos e compartimos ten o seu punto de chegada nese encontro total e definitivo con Deus, ao final do noso camiño. Pero antes de gozar del, necesitamos ancorarnos ben no aquí e agora da historia que cada un de nós, xunto cos que con nós a comparten, imos construíndo e desenvolvendo. De aí que, como nos di a palabra de Deus, non podemos quedar mirando ao ceo agardando o final, senón que estamos chamados a facer da nosa vida oferta de disposición a traballar en todas aquelas causas nas que o ser humano se ve inmerso. Só desde este xeito activo de estar no mundo poderemos entender por que a plenitude de todo e a meta non pode estar máis que no encontro final con Deus. Dispoñámonos a celebrar facendo presentes na oración os problemas e tamén as esperanzas de cantos nos esforzamos, coa nosa presenza e traballo, para que o mundo siga avanzando e non se estanque.

Lecturas


Domingo VII de Pascua -A ASCENSIÓN DO SEÑOR. Ciclo C
  
Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
 
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
             Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo

            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. 
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo Lc 24, 46-53
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Mentres os bendicía, era levado ao ceo

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.
            Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
            Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
            E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo