domingo, 29 de diciembre de 2019

"Teño que ir a un funeral"

Do tema funerario sabemos moito os curas, pero non só os curas. En Galicia consérvase o bo costume de «estar» á beira de quen perdeu un ser querido. Por iso os funerais celébranse case sempre coa asistencia masiva de veciños e amigos. Tamén se dá a coñecer a noticia do falecemento de alguén por todos os medios: necrolóxicas murais nos lugares habituais da localidade, as que se publican en prensa ou radio e, ultimamente, tamén nas redes sociais e por correo electrónico.
Os curas temos que estar sempre dispoñibles para cando xorde un funeral e facelo o día e á hora que a familia considera mellor. Non importa que haxa outra cousa na axenda. Todo queda en función da vontade da familia. Por suposto que ninguén quere unha Misa de funeral antes das doce da mañá nin despois das cinco ou sete da tarde, dependendo de se estamos no verán ou inverno. O mesmo sucede cos aniversarios. E o rosario ou Misa de velorio tampouco ninguén os quere antes das oito da tarde para que poidan vir os que traballan até esa hora.
Podería contar aquí unha ducia de anécdotas relacionadas coa data e hora de funerais de enterro e aniversarios polas que non saberiamos se rir ou chorar, a pesar do delicado do asunto.
Con esta descrición das cousas que acabo de facer pode concluírse doadamente que o defunto é o que menos nos importa nun funeral. E isto xa sería o colmo dos colmos. Pero nesas estamos. Xa sei que o defunto pertence a unha familia e que nestes casos todo vai unido. Pero tamén é certo que todo o que se fai é en función da familia e dos amigos da familia: «para que poidan vir».
Entón, que pasa co defunto?, que beneficios teñen para el os pésames en forma de abrazo, firma ou tarxeta (agora tamén por correo electrónico) que se lle dan á familia? Por certo, o momento da paz e da comuñón da Misa non é para dar o pésame á familia, que tamén hai moito disto: persoas que non van nunca a Misa e ese día van e, ademais, comulgan, asegurándose así de que os viron os da familia.
Insisto, teñamos coidado de non esquecer o defunto cando imos a un funeral. Unha cousa é o acompañamento á familia, que o temos claro, e outra cousa é o que podemos e debemos facer por unha persoa cando rematan os seus días neste mundo.
Se somos cristiáns e imos á celebración dun funeral cristián, a primeira cousa que temos que facer é pedirlle a Deus que sexa misericordioso co defunto por quen estamos alí e que lle conceda a vida eterna. E a segunda é a de facer memoria do defunto ante Xesucristo. Isto faise participando como se debe na Eucaristía, estando con actitude de oración e cun silencio respectuoso tanto no interior da igrexa como na procesión cara ao cemiterio e no momento da inhumación.
O do silencio respectuoso serve tamén para os non cristiáns e para os funerais civís. É que, ademais, sabemos como facelo. O mesmo silencio e respecto que hai cando se trata da morte dun mozo tamén debe habelo cando é unha persoa maior.
Cando vaiamos a un funeral non vaiamos só por quedar ben coa familia, vaiamos tamén polo defunto que necesita das nosas oracións. Se o facemos así, todo será moi distinto.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada