DOMINGO III DE ADVENTO
- CICLO A
Primeira Lectura
Is 35, 1-6a. 10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Virá o mesmo Deus e salvaravos
Que se alegren o deserto e mais a terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo
cantará xubilosa.
E os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.
Palabra
do Señor R/
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/. (cf. Is 35, 4): Ven, Señor, a salvarnos.
Ou: Aleluia.
O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.
o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.
O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Segunda Lectura
Sant 5, 7-10
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO
Afincade os vosos corazóns, porque está xa cerca a chegada
do Señor.
Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en
como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con
paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede
folgos, porque o Señor axiña chegará.
Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos
sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia,
irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.
Palabra
do Señor R/
Grazas a Deus
ALELUIA Is 61,
1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.
Evanxeo Mt
11, 2-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Es ti o que ha de vir, ou agardamos a outro?
Naquel tempo, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de
Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
‑ Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
‑ Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os
cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos
resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se
escandalice de min!
Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á
xente:
‑ Que fostes ver ao deserto?: unha cana abaneada polo
vento?
Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas
finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, a
que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este
é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca
Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
Palabra do
Señor R/. Loámoste, Cristo