sábado, 14 de diciembre de 2013

Comentario

Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus: Nos tempos que vivimos, cada día é maior o número de persoas que se senten tristes, sen horizonte. Persoas que afirman unha e outra vez que a vida non vale nada, que o que fan non ten sentido, que a rutina as vai engulindo pouco a pouco. Moitas destas persoas din que son crentes, mesmo participan en funerais, enterros, bautizos... ou na celebración do domingo. Que ocorre entón para que, manifestándose homes e mulleres de fe, Deus, e máis en concreto, Xesús e a súa mensaxe, non impacten nin ilusionen a súa vida?. Cómo pode un confesarse con conviccións de fe, se estas non inciden na súa vida de cada día, alentándoa, esperanzándoa ou indicándolle un camiño de sentido?. Non é que Deus se fora e nos deixase ao pairo. Non. El está sempre presente, nin cansa nin desmaia. Somos nós os que cansamos, os que imos con présa, os que non atopamos momentos ao longo do día para dialogar con El, para poñernos na súa man, para compartir desde unha oración viva e agradecida canto nos pasa e vivimos. Sempre é tempo para recomezar. Nunca é tarde para nada aos ollos de Deus. Collamos ánimo e non abandonemos o camiño.

• Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará: Quen é capaz de avanzar non con temor, senón con confianza, é tamén capaz de aprender a valorar e distinguir o importante do secundario. E algo fundamental, e polo tanto importante para un seguidor de Xesús, é non deixarse arrastrar polos problemas e dificultades. O fácil, o que podemos coller como primeiro recurso é deixarnos ir, abandonarnos diante das dificultades, e converter a nosa vida nun sensentido, como se todo dera igual, a nosa liberdade non existise e estiveramos predestinados de antemán. Se pensamos así, non é que non esteamos preto, senón que estamos moi lonxe daquilo no que, unha e outra vez, insistiu Xesús ao longo de toda a súa vida pública. Por iso, para un cristián as présas nunca son as mellores compañeiras na viaxe da vida; ao contrario, son a antítese –o oposto– do que debe ser o actuar e o vivir dun seguidor daquel que, encarnándose, asumiu a nosa condición humana. Camiñar na paciencia irá facendo de nós homes e mulleres con folgos suficientes para ir abrindo ocos na dureza do corazón que tantas veces se resiste a deixar atrás a dureza da pedra, para comezar o latexo dun corazón de carne. Que mellor que este tempo de Advento para ir facendo en nós esta conversión que fará posible acollelo cando chegue!.

• Mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño: Como moi ben nos di Xoán, el é o mensaxeiro que nos lembra constantemente que algo novo está a pasar, algo se está movendo ao noso redor, algo está comezando a xurdir. Tamén nós, coma Xoán, estamos a percibir este movemento que nos invita a cambiar e a abandonar rutinas e desganas?. Estamos desde xa preparando o camiño desta acollida?. Seremos capaces de romper cos costumes que nos impiden tantas veces descubrir que a fe é sempre esperanza e nunca costume; que a fe é convicción e non obriga; que a fe é acollida e liberdade e non imposición e discriminación?. Deixemos que a palabra de Deus nos ilusione sobre o que é importante e fundamental. Abandonemos canto nos fai cristiáns tristes, fanáticos, intolerantes ou resabidos.
Aínda temos moito tempo para facer esta viraxe na vida e no corazón, porque só estando en camiño poderemos prepararnos para acoller. Se non queremos poñernos en camiño, todo o que faremos son prácticas externas e rituais, pero pouco dispostas a prepararnos, desde a vida, para acoller ao amigo que chega: o noso Neno.


No hay comentarios:

Publicar un comentario