sábado, 6 de febrero de 2016

Reflexión

*      Entre tanta información, tanto micrófono e cámara dispostos a recoller canto pasa no mundo, non é nada doado hoxe en día descubrir e distinguir o que é certo do que non o é; o que é importante daquilo que é secundario; o que verdadeiramente paga a pena prestarlle atención do que non debemos perder ningún tempo porque nos enreda e nos fai perder a perspectiva do fundamental na vida de cada un de nós. Por iso temos que deixar de ser crédulos e non pensar que o primeiro que escoitamos é o bo, o certo ou o importante.
*      Noutro tempo, cando a información era pouca e había que buscala de xeito pausado e intentando coñecer a verdade, todos nos esforzabamos en poñer a traballar a nosa capacidade de reflexión para non confundir nin confundirnos. Hoxe isto xa nos vai resultando máis difícil, de aí a necesidade de formarnos para non deixarnos levar da primeira opinión que escoitamos; de poñer as primeiras impresións antes que o discernimento; de non caer no “boísimo” de que calquera cousa vale porque o vin en internet, o escoitei na televisión ou o dixo este ou aquel famoso. Necesitamos contrastar as cousas, facer varias lecturas antes de emitir unha opinión, aprender a distinguir a verdade da suxetividade de quen só busca vendernos algo que lle acabe dando rendibilidade en forma de cartos, prestixio, poder ou votos.
         Porén, para Xesús o importante non estaba no externo, no que fai barullo, senón no interior. El invítanos a ser agradecidos, a aprender a perdoar e a pedir perdón, a transmitir e compartir canto temos experimentado como bo en nós. Nunha palabra: a facer da nosa vida unha experiencia de misericordia humanizadora.
*      Se poñemos atención á lectura da palabra de Deus, tanto nas celebracións como cando buscamos un momento na casa para lela e coñecela mellor, iremos descubrindo que un dos eixos nos que insiste constantemente é o do
perdón e cambio de corazón. Porque Deus é perdón, porque ama e acolle, non garda rancor nin busca culparnos nin humillarnos, acentuando a culpabilidade polo que teñamos feito mal. E é neste perdón no que se mostra, no que se vai poñendo de manifesto un camiño que nos invita a percorrer, para que tamén nós fagamos da nosa vida experiencia non de rancor, odio e resentimento, senón de perdón ofrecido e compartido. É verdade que temos que asumir as consecuencias do que teñamos feito mal, pero iso non supón caer no vitimismo de que xa estamos marcados para sempre co estigma da maldade e da incapacidade de cambiar e comezar de novo. É esta unha das características da fe que compartimos que máis lles custa entender e poñer en práctica aos que desde o seu dogmatismo consideran que non se pode esquecer que o perdón é imposible e que a conversión e o cambio nas persoas non é real. Por iso debemos nós, coa nosa vida e xeito de facer as cousas, demostrarlles -tamén demostrarnos a nós mesmos-, que non só é posible, senón que é o único camiño que nos pode facer felices e levarnos a sentírmonos verdadeiramente humanos.
*      El é quen nos manda, o que nos encomenda esta misión. Por iso agradecemos esta confianza ("douche grazas, Señor, de todo corazón") e bendicimos o seu nome a través da posta en práctica das actitudes que van manifestando que o amor, o perdón e a misericordia que Deus manifesta con nós, tamén as podemos manifestar cos demais. Que é posible facelo, que non é unha proposta para poñer nunha vitrina e contemplala. Esta gratitude cara a Deus temos que saber transmitirlla a aqueles cos que compartimos a realidade da nosa vida. Aos que temos máis preto, aos que vemos e cos que tratamos cada día; pero tamén aos que están lonxe, e que aínda sen coñecelos nos van lembrando que Deus non establece fronteiras. En Xesús a universalidade -El foi o primeiro gran globalizador da humanización- faise fraternidade e igualdade entre todos, e por iso non habemos ter medo a colaborar, participar e promover toda causa que busque transmitir que, sendo Deus amor e igualdade, ninguén ha ser tratado con diferenza por ser doutro sitio, ter outra cor de pel ou ter crecido noutra cultura. Aquí reside o propio da fe cristiá, o que podemos ofrecer como distinto das mensaxes planas e repetitivas que escoitamos cada día que falan de diferenza, exclusión e rexeitamento cara a quen vén buscando vida digna e trato humano e respectuoso... como se no canto deles, foramos nós, como noutro tempo fomos, os que buscaramos iso mesmo. Transmitir a experiencia de Xesús non é logo contar historias do pasado, senón converter os eixos do Evanxeo en actitudes e comportamentos que non discriminen nin penalicen, senón que escoiten, acollan e convertan a salvación nunha experiencia de amor e misericordia. Aquí e así, como noutro tempo o fixo Paulo, é onde temos que mostrar e confesar a fe: transmitir o recibido.
*      Como El tamén foi transmitindo co seu xeito de facer as cousas o que quería que recibiran aqueles que andaban ao seu carón. Ensinaba con confianza -"xa que ti o dis"- removía a quen o vía e escoitaba, non resultaba indiferente o que percibían nel -"quedaron parvos"- o que facía que responderan seguíndoo, para aprender del e transmitir canto foran descubrindo no seu actuar. Por iso tamén nós podemos preguntarnos se na relación con Xesús imos crecendo en confianza; se facemos do noso tempo palabra que alenta, sorriso que anime e trato xusto e igualitario cos que imos topando no acontecer de cada día. Os apóstolos, porque viron que aquí estaba a forza e o sentido da súa vida, dinos o evanxeo que o seguiron. Nós tamén o estamos a seguir?