domingo, 25 de enero de 2015

LECTURAS

III DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     Xn 3, 1-5. 10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS
Convertéronse os ninivitas da súa mala vida
 
            Veulle de segunda vez a palabra do Señor a Xonás:
            Érguete, vai a Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
            Xonás ergueuse e marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade enormemente grande, de tres días para atravesala.
            Xonás comezou a entrar na cidade o camiño dun día e predicaba así:
            Dentro de corenta días Nínive será destruída.
            Os homes de Nínive creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao máis pequeno.
            Viu Deus as súas obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera que lles ía facer, e non llelo fixo.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/.  (4a):  Amósame, Señor, os teus camiños.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     1 Cor 7, 29-31
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Pasou a configuración deste mundo
 
            O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que gozan no mundo, coma se non gozasen.
            Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Mc 1 , 15
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Chega o Reino de Deus;
convertédevos e crede no Evanxeo.
Aleluia.



Evanxeo      
Mc 1, 14-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Facede penitencia e crede no Evanxeo
 
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
            O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus; convertéde­vos e crede no Evanxeo.

            Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
            Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes.

            Eles deixaron de contado as redes e seguírono.

            Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

   Hai acontecementos na vida das persoas que fan cambiar o noso comportamento, o noso xeito de vida: namorarnos, unha nova amizade, o nacemento dun fillo… Por desgraza, a fe e o encontro co Resucitado non é un deles. Porque vinte séculos despois, o encontro con Xesús, desgraciadamente, non provoca en nós unha integración, un cambio de vida. É verdade que seguimos dicindo e escoitando que o Reino está cerca, mesmo que está dentro de nós; pero na meirande parte dos casos non cremos o que dicimos e, en consecuencia, non cambia a nosa vida. Pedro, André, Santiago e Xoán escoitaron estas palabras de Xesús e créronas. Deixaron as súas barcas, as súas redes, a súa casa… todo o que tiñan. Pero había algo naquela chamada que os convence. E nós?. É posible que ata o de agora, recibiramos unha chamada sociolóxica: nacemos nunha civilización, nunha familia e nun momento no que tiñamos que ser cristiáns. Herdámolo, coma os apelidos. Pero fáltanos o adestramento persoal, a resposta concreta, consciente, madura, reflexiva.

   Porén, o encontro con Xesús debería transformar todas as realidades deste mundo: redes, familia, barca, negocios, traballo... quedarán descentradas. Porque o Deus que nos revela Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, próximos aos pobres e aos que precisan xustiza. E nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, os seus ollos, o seu corazón, neste noso Nínive de crise, de nihilismo, de paro, de marxinación, de contratos-lixo.

   Porque só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con Aquel en quen cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. A isto é ao que fai referencia a expresión “pescadores de homes”, que hoxe escoitamos no evanxeo e que moitas veces interpretamos mal primando a cantidade sobre a calidade, converténdoa en sinónimo de imposición. Hoxe, máis que nunca, é importante que entendamos que o camiño nunca pode ser o da imposición, o do medo ou o da obriga, nin tampouco o da obediencia cega, pois ademais de seren contrarios á mensaxe de Xesús, son armas de dobre fío que se volven contra nós co paso do tempo. O camiño pasa pola invitación, e non pola imposición; polo discernimento, e non pola obediencia cega; polo afondamento da fe coma resposta ao sentido da vida, e non polo adoutrinamento ou cumprimento de normas sen sentido.
   
   Hoxe tamén, Xesús, dinos a cada un e cada unha de nós: vinde comigo. Hoxe pode ser un gran día, vivámolo así.