miércoles, 17 de febrero de 2021

MÉRCORES DE CINZA

Pois si, xa imos comezar unha nova Coresma, coa sensación de que aínda non terminamos a do ano pasado, cando a mediados de marzo tivemos que interromper todas as actividades pastorais e a celebración da Semana Santa quedou reducida a celebracións privadas dos sacerdotes ás que algúns fieis se uniron por internet.

Penso que as cousas pouco cambiaron desde hai un ano e a vida das parroquias rurais, que xa non era moi boiante antes, quedou arrasada. Polo que me din os meus compañeiros, nas vilas e cidades a vida parroquial segue máis ou menos como antes.

É verdade que temos vacinas e que as restricións non son tan estritas, polo que este ano poderemos celebrar a Semana Santa e, por tanto, tamén a Coresma. Farémolo con máis recollemento, como fixemos en Nadal, pero iso tampouco é malo.

A Coresma é un tempo duro, non tanto polos case insignificantes sacrificios que se non piden, senón porque nos pon diante dos ollos a realidade da nosa vida cando a tratamos de vivir á marxe de Cristo. Por isto mesmo, necesitamos ano tras ano facer o camiño coresmal, non vaia ser que esquezamos que somos po, enganados polo espellismo dalgúns pequenos logros que vemos como nosos e que nos enchen de vangloria.

O rito da cinza e as palabras que o acompañan falan por si sós. Non fai falta dicir nada máis.

Lembrade que hoxe tamén é día de xaxún e abstinencia e que os venres de Coresma son días de abstinencia. Son pequenos sacrificios que parecen doutro tempo, pero que cada vez son máis actuais e, sobre todo, moi necesarios.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada