· A sabedoría é unha realidade, unha experiencia moito
máis profunda que a de ter coñecementos. Por moito que un saiba como se fai
unha raíz cadrada, cal é o monte máis alto do mundo ou como se manexa o móbil
de última xeración que ten saído ao mercado, iso non supón que sexa sabio ao
xeito no que nos invitan os textos da Biblia. A sabedoría non é froito da
aprendizaxe intelectual, senón da aprendizaxe humana. Sabia é a persoa que sabe
empatizar con quen se ve necesitado; quen ten tempo de calidade para escoitar a
quen o necesita; quen camiña na praxe da cordialidade, que sabe poñer sempre o
corazón ao dispor de quen o necesite. Vén sendo algo parecido ao que Bieito XVI
chamaba na súa encíclica Caritas in veritate “vivir e desenvolver a existencia
desde a lóxica do don”, e non na da imposición nin da exhibición da adquisición
de coñecementos teóricos e intelectuais. A sabedoría da que Deus nos fala e á
que nos invita está na vida, no trato duns cos outros. É desde esta sabedoría
desde a que se pode construír a casa na que Deus se fai presente á mesa do pan
compartido.
· Na sabedoría
da que vimos falando, Deus invítanos a mirar con tino como van sendo os pasos
que imos dando día a día. Se son pasos que deixan pegada de fraternidade, ou
máis ben son pasos que non deixan rastro porque, inda que aparentemente se mostren
como seguros, enriquecidos e superiores, son incapaces de deixar a pegada que
vai e fala ao corazón de cada un dos que os queren seguir. Por iso, con Paulo,
tamén nós podemos dicir que non andemos de xeito atolado –facendo cousas sen
pensar e sen dedicarlle o tempo necesario para que saian ben-. O siso –a
sensatez en español- é o que nos vai dando perspectiva das cousas e
profundidade á hora de facelas ben. O tempo aproveitado convértese en tempo de
calidade, tempo de sabedoría, tempo que paga a pena compartir e desenvolver.
Non sexamos, como ben dicía Paulo, irreflexivos, para logo non ter que
arrepentirmos do dano feito e da dor e tristura que puxemos no corazón de quen
recibiu o o froito da nosa irreflexión. Deixemos logo que nos encha a forza do Espírito,
que nos abre sempre horizontes de esperanza e de futuro por construír, deixando
atrás a nostalxia de quen non sabe mirar cara adiante para escribir a sabia
historia de quen fai que os rostros das persoas sexan sempre recoñecibles e con
nome, desterrando o anonimato invisible do noso xeito de facer as cousas.
· E será sempre
o pan morno da oración compartida e da acción de grazas –Eucaristía– celebrada
o que vai alimentando non os estómagos que nunca se dan cheos, senón os
corazóns que queren, as mans que acollen e os pés que son capaces de facer
compañía a quen sente que o que lle rodea nin o recoñece como dignidade nin é
capaz de mirarlle aos ollos sen sentir a mala conciencia de telo reducido a un
frío número nas noticias dos telexornais. O pan que ofrece e do que nos fala
Xesús é un pan sempre quente que só El nos pode dar, e que cada domingo nós
acollemos e levamos con nós para que, ao atoparnos cos que non estiveron,
poidamos compartilo coa nosa solidariedade e a nosa disposición a poñer
presenza alentadora onde non hai máis que laio e ausencia. Se queremos vivir
para sempre, xa sabemos que o camiño pasa por facer do pan que aquí compartimos
e recibimos un pan de encontro e fraternidade. Como quixo e fixo Xesús.