A resurrección de
Cristo é a festa por excelencia da vida cristiá. Sen este acontecemento, non se
entendería a vida da Igrexa e o sentido do noso ser cristián. Como di San
Paulo, se Cristo non tivese resucitado, va sería a nosa fe! ". O encontro
co resucitado marca a nosa forma de vivir e estar no mundo, dun xeito
transcendido.
A fe alumea nas
tebras
O evanxeo de San
Xoán relátanos como María Magdalena sae ao amañecer, cando aínda é de noite,
cara ao sepulcro. O seu xesto é simbólico dunha fe que, aínda ás escuras,
alenta esperanza. María Magdalena xa viviu unha experiencia de resurrección
íntima cando se encontrou con Xesús e el a rescatou das escravitudes da súa
vida anterior. No seu corazón alberga unha última esperanza e unha certeza: o
seu Mestre non pode morrer definitivamente. De aquí que, apresurada, se achegue
ao sepulcro ao romper a alba.
Ante o sepulcro
baleiro, xermolan sentimentos diversos: alarma, sorpresa, desolación... Onde
está o Mestre? Pouco a pouco, a esperanza vai crecendo no seu interior, e María
vai correndo a comunicalo aos discípulos. En especial, diríxese a Pedro, pois
recoñece o seu liderado no grupo e busca nel confirmación deste feito
perturbador.
A autoridade
confirma a fe
Pedro e Xoán, o
discípulo amado do Señor, corren ao sepulcro. Xoán, que corre máis a presa,
tamén recoñece a autoridade de Pedro e, contendo a súa natural curiosidade e
impaciencia, non entra no sepulcro e agarda a que el chegue. Entón, ven que
realmente o sudario está no chan e a tumba baleira. Xesús non está alí. Para o
xudeu, un sepulcro baleiro significa algo máis que simple ausencia; é un
anticipo e unha primeira proba da resurrección.
Xoán, narrador do
evanxeo, cóntanos que entrou, viu e creu. É entón cando comprenden as Sagradas
Escrituras e moitas palabras e alusións de Xesús á súa morte e resurrección.
Nesta pasaxe,
Pedro representa o Papado, a tradición e o Maxisterio da Igrexa. Xoán é o teólogo,
cunha viva experiencia de Deus, pero que espera, humilde, a confirmación da
autoridade. Dalgún xeito, esta lectura fainos pensar que os cristiáns non
podemos ir inventando teoloxías particulares, ou facendo lecturas un tanto
subxectivas das escrituras. É importante apegarnos aos feitos e á tradición e
ensinanzas da Igrexa, que están fundamentadas solidamente nestes primeiros
testemuños, próximos a Xesús. Moitas persoas utilizan a Biblia para extraer
teorías subxectivas e orixinais, quizais un pouco lixeiramente. Non esquezamos
que estamos a falar dunha experiencia que nos supera e que vai máis alá das
nosas elucubracións. Este episodio evanxélico móstranos a importancia da
comuñón e de recoñecer unhas verdades inmutables que os cristiáns coherentes
non podemos cuestionar, como o feito da resurrección.
Nós, os cristiáns
de hoxe, non somos testemuñas oculares de primeira man; non vivimos a
experiencia dos primeiros apóstolos nin escoitamos o seu testemuño, como os
cristiáns das primeiras comunidades. Pero si herdamos esa vivencia e recibimos
o mesmo don ca eles: a graza, o don sobrenatural da fe. San Paulo tampouco foi
unha testemuña directa da resurrección e non coñeceu a Xesús do mesmo xeito que
os Doce discípulos, pero a súa vivencia foi extraordinariamente fonda e
sincera. Canto fixo, e que lonxe chegou, movido pola fe!
Hoxe, participar
da eucaristía fainos testemuñas da morte e resurrección de Xesús. Comungando,
Xesús faise presente entre nós e dentro do noso ser. Rompe as barreiras entre o
pasado e o porvir, e entre o ti e o eu. O Resucitado está presente onte, hoxe e
sempre; abraza todos os tempos e todos os lugares. Así o di San Paulo:
"vivo eu, pero non son eu, é Cristo quen vive en min". Cada vez que
acudimos a misa estamos a asistir ao acontecemento pascual e recibimos o
Espírito Santo que alentou os apóstolos.
As mulleres, as
primeiras
Non deixa de ser
significativo que, nunha cultura que marxinaba as mulleres e as relegaba a unha
posición socialmente inferior, a figura da muller apareza en primeiro lugar nun
feito tan fundamental da nosa fe.
Xesús aparécese,
antes que a ninguén, ás mulleres. Elas foron as únicas que non o abandonaron na
súa paixón. Con Xoán, estiveron ao pé da cruz. Agora, son elas as primeiras en
recibir a gran noticia da súa resurrección. Isto ten enormes consecuencias de
tipo pastoral, social e cultural. A muller ten unha sensibilidade espiritual
moi profunda para captar situacións importantes. As mulleres convértense en
apóstolas dos apóstolos. A súa actitude e a súa valentía son un referente para
as mulleres cristiás de hoxe.
Comunicar a maior
das noticias
Hoxe, domingo de
Pascua, celebramos que recibimos a maior das noticias. Fronte a un mundo
convulso e desconcertado, onde os medios de comunicación se nutren de desgrazas
e catástrofes, a noticia pascual hanos de encher de gozo e alegría. Temos
suficientes motivos para ser felices e non nos afundir polo desánimo nin a
indiferenza. Os cristiáns non podemos rendernos ante a avalancha de malas
noticias. Temos de ser comunicadores da alegría do resucitado. Como cirios
pascuais, habemos de esparexer luz e alegría no mundo. A alegría é unha
calidade esencial e constitutiva do cristián. Fálanos da forza do amor, que
vence a morte e todas as tribulacións. Nada nin ninguén nos pode arrebatar esta
alegría. Cristo vive, hoxe e para sempre, en nós.