jueves, 22 de diciembre de 2022

ALEGRÍA DO NADAL

A semana pasada comentabamos os termos espera e esperanza, advertindo que aínda que a súa sonoridade é semellante, o seu significado é distinto. A espera causa fastío e revístenos de pesimismo; pola contra, a esperanza achéganos gozo e entusiasmo. O que se move en clima de prolongada esperanza, faino con gozosa responsabilidade, desexando colaborar co plan de Deus, e congratúlase contemplando a beleza da creación e a perfección arquitectónica dos monumentos.

Hai dous signos que nos falan da presenza do Mesías entre nós: son os comportamentos exemplares de moitos cristiáns. O comportamento fraterno de moitos crentes, cuxa exemplaridade é un signo primaveral do mesianismo do mundo, como o son tamén os miles de cidadáns que, sendo ricos, fanse pobres, para que a ninguén falte o pan de cada día. É verdade que non todo é ourego nos nosos campos. Hai tamén ortigas nos nosos hortos. Pero aí está a Igrexa, presenza viva do Mesías, que nos lembra que debemos sorrir cos que son felices, e levar sempre un pano de reposto para enxaugar as bágoas dos que choran. Así o fixo o Mesías, nada máis pisar terra, fai dous mil anos, e quedou connosco, para inculcarnos que así o debemos facer tamén nós. O Mesías quedou connosco. El é camiño, verdade e vida. Neste camiño están os bos discípulos de Xesús: sigámolos. El é verdade plena: creamos nel sen ambaxes nin rodeos. El é vida e camiña ao noso carón: mirémolo para que non perdamos a ruta e podamos camiñar sen errar o camiño. Procuremos evitar os tropezos, e se caemos, ao noso lado vai unha man amiga, tendida para erguernos.

O amor pide presenza. Por iso Deus, que é amor sen medida, éncheo todo coa súa inmensa grandeza; contémplao todo con eterna sabedoría; todo o dirixe co seu infinito poder, e coa súa divina providencia gobérnao. Da divina providencia están cheos os ceos e estano tamén os espazos terrestres. O Señor faise presente no pobre e no desvalido; no perseguido e no marxinado; pero os nosos criterios non coinciden cos seus. Non nos resulta atraente a figura dun Deus con aureola de xustiza; non nos vai aos homes do século XXI. Preferimos o Deus samaritano que sempre ten abertas as portas da súa casa para o fillo sumiso e para o fillo rebelde, porque sempre mirou a todos con ollos do corazón. Cando o fillo rebelde chama á porta do seu antigo fogar, sente a tentación de pedirlle a Deus que lle faga un transplante de corazón ao seu ancián pai, porque pensa que no peito do seu vello pai, xa non queda un corazón capaz de amar, pero equivocouse, porque o que de verdade amou unha vez sinceramente, ama para sempre, e demóstrallo o abrazo de pai con que o recibe esta mañá. 

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral