Co evanxeo deste
domingo rematamos a sostida e importante mensaxe de Xesús aos seus oíntes sobre
el como “pan de vida”. Aínda que isto nos teña ocupado durante varios domingos,
coido que non deberiamos consideralo tempo perdido.
Esta
mensaxe súa non era doada de aprender, porque afondaba ata as raíces mesmas da
mensaxe de Xesús. E estas raíces estaban no feito mesmo da súa persoa, con
anterioridade ás cousas que el dicía. Xesús non era só unha persoa que dicía
cousas fermosas sobre a fraternidade e o amor, que daba bos consellos ou
criticaba as estruturas sociais e relixiosas do seu tempo. O máis importante
era el mesmo en persoa, o que el dicía sobre si mesmo.
Porque
Xesús, como ben se decataban os seus oíntes, falaba ademais con autoridade, coa
autoridade de quen se sabía a si mesmo como “mandado” por seu Pai Deus para
ofrecer vida divina ó mundo enteiro, ás persoas todas, das que el mesmo se
consideraba irmán e amigo. Por medio del amosaba así Deus Pai ó mundo o seu
amor e a súa entrega para facernos así a todos partícipes da súa propia
divindade. Non poderiamos imaxinar un destino máis grandioso para a humanidade
ca este que nos ofrece Deus Pai en Xesús: entrar, por así dicilo, no circuíto
mesmo da dimensión divina.
E ¿que
mellor maneira para nós de entrarmos nesa dimensión divina có feito mesmo de
que Deus se deixase en Xesús comer por nós, entregándose totalmente a nós para
nos encher así de vida, de plenitude, de felicidade?
Mais, como
ocorrería se a un lle dixesen que lle tocou o premio máximo da lotería, que non
acabaría de crelo, algo así parece que lles ocorreu tamén a “moitos” dos
discípulos e oíntes de Xesús, segundo se nos di no evanxeo de hoxe: “¿Quen pode
admitir tal cousa?”, comentaba un bo grupo deles.
Deus fai
sempre as cousas á súa maneira, é dicir, de xeito grandioso e inimaxinábel. Ese
é o contido central da mensaxe de Xesús en canto persoa que se ofrece
totalmente a nós. El ponse totalmente á nosa disposición, impulsando e provocando
con esta actitude súa que os verdadeiros discípulos seus procedan pola súa
parte cos demais de modo semellante.
A nosa
entrega ós demais ten que ser tamén polo tanto total, xenerosa, aberta. De tal
maneira que todos poidan ver en nós persoas que non se pechan en si mesmas, nos
seus particulares problemas e necesidades. Só así poderemos facer presente a
Deus no mundo con aquela xenerosidade e entrega que se nos manifestou en Xesús.
Ofrecer e
dar vida ós demais da mellor maneira que poidamos. Isto equivale en certo modo
–falando metaforicamente- a deixarse
comer polos demais.
Hai no
evanxeo de hoxe unhas palabras de Pedro, en representación dos demais apóstolos
que, neste contexto de Xesús anunciándose como “pan de vida”, me parecen moi expresivas e significativas. Á
vista de que a mensaxe de Xesús non acababa de convencer a un bo número de
discípulos, que en consecuencia deixaron xa de escoitalo e de seguilo, Xesús
pregúntalles ós doce apóstolos se eles tamén o van deixar. É entón cando Pedro
responde decontado e co seu habitual ímpeto: “Señor, e onda quen imos ir? Ti
tes palabras de vida eterna”.
É dicir,
Pedro, que coma calquera de nós e coma toda persoa humana o que quere é vivir,
vivir sempre, ter unha vida eterna, preséntasenos para nós como aquel que fai a
verdadeira e xusta elección. El aposta pola vida e, polo tanto, por Xesús. El
sabe que Xesús ofrece vida verdadeira, vida plena, vida que non acaba. El sabe
que Xesús ten “palabras de vida eterna”.
Isto responde ó que no fondo desexa
Pedro e supoño que tamén, coma min, todos vós. Non cabe polo tanto outra
elección.
Que Deus
Pai, do que nos conta aquí Xesús que ninguén pode vir a el, é dicir, a Xesús,
“se non llo concede o Pai”, nos dea a todos a graza de optarmos sempre por
Xesús e dese xeito a graza tamén de optarmos por entregármonos, coma Xesús, ós
demais, irmáns de Xesús e irmáns nosos.
Como
vedes, esta mensaxe cristiá de fraternidade, igualdade e amor, que deben rexer
as nosas relacións cos demais, ten que estenderse a calquera circunstancia da
nosa vida. Aínda que poida parecer, e con razón, que a carta de hoxe ós Efesios
non está moi en liña con todo isto. Pois, tal como oístes, dise nela por
exemplo que as mulleres han de estar “sometidas” ós seus maridos e, na mesma
liña, que o marido é a “cabeza” da muller. Hoxe en día este modo de falar é
dificilmente admisíbel tanto por cristiáns como por non cristiáns.
Os
entendidos nestes temas bíblicos comentan que este tipo de expresións que
aparecen nesa carta proceden da filosofía moral daquel tempo, asumida
concretamente polo estoicismo e polos propios rabinos xudeus. Trátase polo
tanto dun condicionamento cultural ligado a aquela época, que non debe ser considerado
como parte integrante da revelación de Xesús.
En
calquera caso, este tipo de expresións están en boa medida superadas xa na
mesma carta cando nela se lles di ós maridos cousas coma estas: “Homes, amade
as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa”. Ou tamén: “Os maridos
deben amar as súas mulleres coma os seus propios corpos”. Ou incluso se nos di
alí: “Serán os dous (home e muller) un só corpo”.
En
definitiva nesta carta vénsenos dicir, se prescindimos das anteriores
expresións de orixe circunstancial ou cultural do “sometemento” da muller, que
o amor entre home e muller é a concreción a nivel simplemente humano da
relación amorosa que ten Cristo coa Igrexa e con toda a humanidade. Unha
relación que, como xa dixemos, non é máis cá expresión do amor de Deus ó mundo,
á humanidade toda.
Neste
sentido, o amor humano queda revestido, como vedes, na mensaxe cristiá dunha
dignidade en certo modo divina. Deámoslle a Deus Pai grazas polo seu amor
connosco.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos
na nosa oración a Deus Pai, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Dános,
Pai, fe, coma ós apóstolos do teu fillo Xesús, para mantérmonos fieis á súa
palabra de vida.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Concédenos, Pai, espallar entre todos o espírito de irmandade e amor, que é a
cerna da mensaxe que nos trae o teu fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai,
Pai, que tódolos pobos e culturas poidan participar desta mensaxe universal de
xustiza, paz e mutuo entendemento do evanxeo de Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.
Manuel Cabada Castro