Como di a profecía de Miqueas, do pequeno, de Belén, vai
saír o grande: Xesús. Do pequeno, do sinxelo, daquilo ao que ninguén lle presta
atención e se preocupa, será de onde saia a luz que ilumine camiños e abra
esperanzas. Si. Xesús chega para sacarnos do derrotismo no que estamos
instalados. Seguindo esta estela de diálogo, entendemento e esperanza, o Concilio
Vaticano II, no seu remate, ano 1965, aprobou a constitución que ben podería
ser síntese das tres anteriores, a Gaudium et Spes (gozos e esperanzas). Para
que a Igrexa –todos os bautizados– sexa no mundo e para o mundo gozo e
esperanza; gozo e esperanza capaz de derrubar muros que separaban e afastaban á
Igrexa dos problemas e dificultades, tamén das ledicias e proxectos, das xentes
de ben. Por iso este documento está considerado como o que marca o comezo do
diálogo, sen medo nin desconfianza, da Igrexa co mundo; o que chama a prestar
atención a canto ocorre ao noso redor –sinos dos tempos– porque todo é
importante para Deus, e en e desde Xesús o mundo, e canto pasa nel, ten que ser
unha preocupación e unha esixencia de compromiso e diálogo para todas as
persoas crentes. Neste senso, podemos dicir que a G.s. é o documento que mellor
expresa o espírito do Concilio Vaticano II. O espírito daquel gran encontro que
recoñecendo que a Igrexa non o sabe todo, necesita da aportación dos demais, e
para iso non hai que estar en actitude de condena, senón de diálogo e acollida,
para forzar encontros e superar separacións. Nun momento de esperanza e
confianza no ser humano e no mundo do que este forma parte, a Igrexa non pode
situarse á marxe, nin ser quen de lanzar excomuñóns e anatemas.
E como María, tamén nós, os que formamos a Igrexa, temos que
poñernos en camiño, saír cara á montaña para chegar á Xudá de hoxe. A Xudá que
posibilita o encontro, a tarefa compartida, a autonomía da persoa e do mundo
–somos maiores de idade, é necesario que confíen en nós-; e como María tamén
temos que entrar na casa de todas as Sabelas que poidan necesitar da nosa
axuda, sexan ou non crentes, pero sempre serán fillos de Deus. Temos que entrar
na casa de quen está só, parado, explotado, esquecido, manipulado... e necesita
de nós. Non podemos quedar quietos e contemplar como pasan as cousas sen facer
nada por cambialas; necesitamos dicir e deixar que nos digan, como ocorreu con
María: ti estás comigo e eu estou contigo, non estamos solos, convivimos e
compartimos o que pasa e nos pasa. Necesitamos camiñar xuntos, romper o
illamento, deixar de crernos superiores, aprender a necesitar do demais... ser
no mundo estrada pola que transitar uns e outros sen esixir peaxe. Así o
entendeu o concilio e o deixou, para que nós o vivamos e poñamos en practica,
escrito na G.s. Ela móstranos que a Igrexa, cando quere e deixa de servir aos
intereses dos poderosos, volve ás súas orixes. As orixes que están en Xesús e
na súa Boa Nova; as orixes que fan da Igrexa non unha institución de poder,
senón unha comunidade de servizo pastoral. Buscando sempre a renovación
–aggiornamento- e o cambio. Temos que ser verdadeiros motores de fidelidade e
concreción da Mensaxe de Xesús.
O cal será posible se respectamos a autonomía do mundo e das
persoas que o conformamos, sen que iso supoña diminuír a presenza de Deus nin a
liberdade humana. Contra os profetas das calamidades, como nos dicía Xoán
XXIII, correspóndenos a nós ser testemuñas de esperanza en diálogo co mundo,
desde a atención aos sinos dos tempos; sabendo decidir en conciencia como
adultos e aceptando que o progreso do mundo é un ben para todos e a mellor
resposta ao plan de Deus de traballar pola xustiza, o diálogo, a igualdade e o
ben común. Oxalá que estes catro domingos de Advento, teñan sido para nós
verdadeiras raiolas de esperanza que nos deixan abertas as portas do corazón
para acoller, con gozo e esperanza, ao neno que chega.
Remol