No Monte Nebo escultura de Giovanni Fantoni que simboliza a
serpente de Moisés abrazada á cruz de Xesucristo
Está claro que non o temos todo controlado. Hai moita
información de todo tipo, sábese todo de nós grazas ás novas tecnoloxías, pero
ao final non somos donos de nada nin de nós mesmos, e de nada serven todas as
programacións, plans e proxectos.
Estes días case non ouvimos falar doutra cousa e, aínda que
nun primeiro momento tratamos de non preocuparnos, agora vemos como cada día
seguen aumentando os casos. Estamos afeitos a crer que as cousas existen ou non
existen segundo como lle parece a cada un, pero a realidade é túzara e non
depende do que un queira ou non queira. A realidade é a que é e non cambia polo
que eu crea ou deixe de crer.
Situacións como esta son as que nos fan ver de xeito claro
que «estamos espidos» e que por nós mesmos «non somos nada» e que a grandeza do
ser humano vén de fóra e non é mérito noso. Agora invádenos o pánico, non tanto
polo medo á morte, senón pola desesperación de ver que todas aquelas
capacidades, que criamos ter, non serven para nada á hora da verdade
De nada serve crernos deuses e querer ocupar o lugar do Deus
único e auténtico. Como dicía antes, a realidade é túzara e, antes ou despois,
ponnos no noso sitio. Non se trata, por tanto, de ocupar o lugar de Deus, senón
de mirar á cruz do seu fillo Xesucristo, que é o verdadeiro antídoto para o mal
e a morte.
Neste sentido recomendo a lectura deste episodio de Moisés
no éxodo desde Exipto á Terra Prometida que se atopa en Números 21, 4-9, e que
se pode ver como unha profecía do valor redentor da cruz de Xesucristo:
“E marcharon do monte Hor polo camiño do Mar Rubio, rodeando
o país de Edom, e o pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo
contra Deus e contra Moisés: “Por que
nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai
auga, e a nosa alma sente noxo dese alimento tan miserable?” O Señor enviou
contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel.
O pobo foi onda Moisés e dixéronlle:
“Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para
que afaste de nós as serpentes!” Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a
Moisés: “Fai unha serpente velenosa, e
pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá”. Moisés fixo
unha serpente de bronce e púxoa na punta dun mastro; e cada un que fora mordido
pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san”.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada