sábado, 21 de septiembre de 2013

Lecturas

XXV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



Primeira Lectura     Am 8, 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Contra aqueles que teñen sometidos polo diñeiro aos necesitados
 
            Escoitade isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
vós que dicides:
            "Cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co farelo,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
            Xura o Señor pola soberbia de Xacob:
            "Endexamais esquecerei os seus delitos”.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 112, 1-2. 4-6. 7-8
R/. (cf. 1a e 7b): Loade o Señor, que levanta os pobres.
Ou: Aleluia.

Loade, servos do Señor,
loade o nome do Señor.
Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.

Sobre todos os pobos é excelso o Señor,
sobre o ceo a súa gloria.
Quen se compara  ao Señor, noso Deus,
que habita nas alturas
e se inclina para mirar
polo ceo e pola terra?

El ergue do po os indixentes,
levanta da varredura os pobres,
para lles dar asento cos príncipes,
cos príncipes do seu pobo.





Segunda Lectura     1 Tim 2, 1-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Fáganse oracións por todos os homes a Deus, que quere que todos os homes se salven

            Benquerido irmán:
            Rogo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de toda a xente, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serena baseada na piedade e na decencia.
            Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen  ao coñecemento da verdade.
            Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou como rescate por todos.
            Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo digo a verdade e non minto , mestre dos xentís na fe e na verdade.
            Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 1-13 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non podedes servir a Deus e á riqueza
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
            O administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Ora! Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
            Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle  ao primeiro: "Ti canto lle debes  ao meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
            Despois preguntoulle  ao segundo: "Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
            O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
            Por iso eu avísovos:
            Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito.           Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo non sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo