DOMINGO XIV ORDINARIO
- CICLO A
Primeira Lectura
Zac 9, 9-10
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Velaí vén o teu rei a ti coma pobre
Así fala o
Señor:
Relouca,
filla de Sión,
grita de ledicia, filla de Xerusalén.
Velaí
chega o teu rei,
é xusto e protexido do Señor,
humilde e montado nun burro,
si, nun burriño fillo dunha burra.
Eu
acabarei cos carros de Efraim
e cos cabalos de Xerusalén,
acabarase o arco de guerra
e El anunciará a paz ás nacións,
reinará desde un mar a outro mar,
desde o Éufrates aos confíns da terra.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (1): Meu Deus e meu rei, hei bendicir o teu nome
por sempre.
Ou: Aleluia.
Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.
O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as xeracións.
O Señor sostén a todos os que caen
e endereita os que se dobran.
Segunda Lectura Rm
8, 9. 11-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Se coa forza do Espírito mortificades as obras do corpo,
viviredes
Irmáns:
Vivide
conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non
ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
Se o
Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que
resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo
seu Espírito que habita en vós.
Polo
tanto, irmáns, somos de certo debedores, pero non da condición carnal, para
vivirmos segundo ela.
Porque, se
vivides segundo a condición carnal, habedes morrer; pero, se coa axuda do Espírito mortificades
as obras do corpo, viviredes.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11,
25
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 11,
25-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Son bo e humilde de corazón
Naquel
tempo, tomou Xesús a palabra e exclamou:
‑ Eu bendígote, Pai, Señor do ceo e
mais da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes
e llelas revelaches aos pequenos. Así é, Pai, porque iso foi do teu agrado.
Todas as
cousas mas confiou meu Pai; e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao
Pai ninguén agás o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Achegádevos a min todos os que estades
cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de
min, que son bo e humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas;
porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo