miércoles, 25 de diciembre de 2013

LECTURAS DA MISA DE NADAL

NADAL DO SEÑOR


LECTURA DO PROFETA ISAÍAS Is 52, 7-10
Tódolos pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus

¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!

¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
"Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".

Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.

O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus.


SAL. RESP. Sal 97, I. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
R/ (3c): Os pobos todos viron a salvación do noso Deus.

Cantádelle ó Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas,
a súa dereita e o seu brazo
déronlle a victoria.

O Señor dá a coñece-la súa salvación,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembra o seu amor e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os pobos todos verán
a salvación do noso Deus.
Aclama ó Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e o salterio;
con claríns e con trompetas
aclamade ó Señor, noso rei.



LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS Hebr 1, 1-6
Deus falounos por medio do Fillo

En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós
nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos
por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del
o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas
cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados,
sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos,
canto que herdou un título máis valioso có deles.

Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu";
ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?". E outra vez máis,
cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: "Adóreno tódolos
anxos de Deus".



ALELUIA:

Resplandeceu para nós un día de santificación:
vide todos e adorade ó Señor:
porque hoxe descendeu unha inmensa luz sobre a terra



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN Xn 1, 1-18:
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós

No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.

Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.

Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.

(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.

Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron,
-ós que cren no seu nome-
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.

Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.

Xoán dá testemuño del,
exclamando:
Este évos de quen eu dixen:
"O que vén detrás miña,
pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min".

E da súa abundancia
recibimos todos nós
gracia e máis gracia.

Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a gracia e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.

A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.