domingo, 30 de junio de 2013

LECTURAS

XIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

  
Primeira Lectura     1 Re 19, 16b. 19-21
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Ergueuse Eliseo e marchou seguindo a Elías

     Naqueles días, o Señor díxolle a Elías:
     Unxe por profeta, teu sucesor, a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah.
     Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que estaba labrando con doce xuntas de bois e levaba el mesmo a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto. Eliseo deixou ao momento os bois e foi correndo atrás de Elías, e díxolle:
     Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo.
     El respondeulle:
     Vai, pero volve, pois xa ves o que fixen contigo.
     Cando estivo de volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de labrar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois ergueuse, marchou seguindo a Elías e quedou ao seu servizo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (cf. 5a): Ti es, Señor, a miña herdade.

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.

Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.



Segunda Lectura     Gal 5, 1. 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fostes chamados á liberdade

                    Irmáns:
                    Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo. Estádeme, logo, ben firmes nel! Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
                    A vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
                    Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.
                    Quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e que non satisfagades os degoros da concupiscencia.
                    Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: opóñense de tal xeito entre eles, que non facedes o que de verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades baixo a Lei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo      Lc 9, 51-62
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.
                    Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
  Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño, díxolle un:
  Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
  As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
  Sígueme.
Pero el contestoulle:
  Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
  Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outro díxolle tamén:
  Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
  - Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para ao Reino de Deus.


                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo